crueldade, teatro da

crueldade, teatro da
[ESPECT]

Denominación escollida por Antonin Artaud para designar unha nova forma de entender e practicar a arte teatral, formulada polo escritor francés en dous manifestos que aparecen en 1932 e 1933, e que serán despois incluídos no seu libro máis importante, Le Théâtre et son double (O teatro e o seu dobre, 1938). Malia a denominación escollida, o que Artaud propoñía era unha reteatralización do teatro, de xeito que se puidesen recuperar vellas linguaxes, como o xesto, o movemento, a música ou a danza, desprazadas pola palabra, que predominaba na escena naturalista, dominante naquela altura. Influenciado polo teatro balinés e polas cerimonias e celebracións das comunidades tarahumaras de México, o teatro da crueldade propón unha volta ás orixes e unha recuperación da tradición teatral primitiva, tanto no plano da realización como da comunicación directa co espectador, de forma que o teatro puidese chegar a se converter nunha experiencia vital iniciática e mística onde os seres humanos fixesen fronte a todos os seus desexos, obsesións, frustracións, visións e soños. Por iso, para Artaud falar de crueldade supoñía falar de vida, de acción, de creación permanente. Algunhas das súas propostas foron recollidas e desenvolvidas por dramaturgos singulares, como Michel de Ghelderode ou Peter Weiss, e por directores de escena, como Jerzy Grotowski, Julian Beck e Judith Malina.

Palabras veciñas

crueira | cruel | crueldade | crueldade, teatro da | cruento -ta | crueza | Crugeira