Cruz de Ferro
Cruz de Ferro
Milladoiro do Foncebadón (municipio de Santa Coloma de Somoza, na provincia de León, Castela e León) que sinala a entrada na comarca do Bierzo polo Camiño Francés de peregrinación a Santiago. Situado a 240 km de Santiago de Compostela, os seus 1.504 m de altitude constitúen o teito da ruta francíxena na Península Ibérica. A cruz de ferro situada sobre un mastro de varios metros de altura chantouse para que os peregrinos puidesen ter unha referencia da ruta nos días nos que o camiño estaba cuberto pola neve. Ao pé da cruz os peregrinos foron deixando pedras que simbolizaban a súa carga penitencial, que abandonaban ao chegar ao punto máis alto da peregrinación e, á vez, á porta do “Reino do Señor Santiago”, en referencia ao Reino de Galicia.