Cualedro
Concello da comarca de Verín, situado na provincia de Ourense no SL da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N co concello de Laza, ao L co de Monterrei (comarca de Verín), ao O cos de Baltar, Xinzo de Limia, Trasmiras e Sarreaus (A Limia) e ao S con Portugal. Abrangue unha superficie de 117 km 2 , cunha poboación de 2.148 h (2007), distribuídos nas parroquias de Atás, Baldriz, Carzoá, Cualedro, Lucenza, Montes, Rebordondo, San Millao, Vilela e A Xironda. A capital é a vila de Cualedro, na parroquia homónima, situada a 41° 59’ de latitude N e 7° 35’ de lonxitude O, 155 km ao SL de Santiago de Compostela e 50 km ao SL de Ourense. Está adscrito ao partido xudicial de Verín e á diocese de Ourense.
Xeografía física
A maior parte do concello de Cualedro está baixo o dominio climático oceánico de montaña; tan só as zonas máis baixas están dentro do dominio oceánico continental. A causa desta convivencia de matices climáticos diferentes está na mesma configuración topográfica do concello, asentado esencialmente na divisoria montañosa que separa as depresións da Limia e Monterrei. Este feito topográfico é responsable dunhas temperaturas frescas, especialmente entre novembro e abril. A temperatura media anual é de 11,2°C. A media de xaneiro baixa dos 5°C e a de xullo supera os 18,5°C. A amplitude térmica extrema chega aos 25°C. A precipitación anual media é de 1.150 mm, cunha distribución estacional que amosa unha acusada seca estival: o 38% das precipitacións recóllese nos meses de inverno e o 35% no outono, fronte ao 8% do verán; pola súa parte, a primavera ten un comportamento de estación de transición e queda establecida en valores intermedios (19%). O relevo responde á súa condición orográfica de divisoria montañosa entre dúas depresións, de xeito que se poden distinguir tres bandas paralelas con dirección NL-SO: unha central corresponde á liña de cumios, prolongación da serra do Larouco; as outras dúas son os relevos en cuesta de transición cara ás depresións contiguas. A parte central érguese a unhas altitudes comprendidas entre os 800 e os 1.200 m, pero non se trata dun bloque uniforme, senón que se resolve na sucesión de tres macizos illados por áreas máis baixas: o primeiro pertence aos rebordos orientais da serra do Larouco, e entre eles destacan como principais accidentes o Monte Arnado (de 1.177 m de altitude, situado entre a parroquia da Xironda e o concello de Baltar) e Penedo Grande (893 m de altitude, no límite das parroquias de Lucenza e Vilela), ambos os dous no S do concello; o segundo é un pequeno macizo de modestas dimensións, que culmina no outeiro da Fraga (950 m, entre as parroquias de Carzoá, Cualedro e Montes); por último, no extremo nororiental, destaca o Monte Meda (1.089 m, entre a parroquia de Baldriz e os concellos de Laza e Monterrei). Cara ao O, unha reducida porción de terreo corresponde ás costas que baixan á depresión da Limia, con altitudes comprendidas entre os 500 e os 800 m. Máis extensa é a porción do territorio de transición cara á depresión de Monterrei, que ocupa a totalidade do seu territorio oriental, tamén entre os 500 e os 800 m de altitude, pero cunha pendente media moito máis suave có tránsito á depresión da Limia. En canto á rede hidrográfica, a súa condición de divisoria provoca que esta se compoña dos cursos altos de afluentes do río Limia (no sector occidental), do Támega (no oriental) e do Búbal (no meridional). Entre os tributarios do Limia destacan as cabeceiras do Trasmiras (parroquia de Atás) e do Augalevada, afluente do río Faramontaos (parroquias de Cualedro e Vilela). Na conca do Támega, que abrangue unha superficie máis extensa en comparación coa do Limia, destacan o Baldriz (da parroquia homónima), os tributarios do Albarellos (regos Rebordondo e Lamas, que atravesan a parroquia de Rebordondo); na zona meridional do concello, na conca do Búbal, sucédense os ríos de escasa entidade, como o de Montes, o do Muíño (parroquias de Montes e Carzoá) e o Pinchos (que cos seus afluentes Salgueira, Perteira e Devesa drena as parroquias da Xironda e San Millao).
Xeografía humana
A poboación de Cualedro experimentou durante o s XX unha evolución que marcou dúas tendencias contrapostas de crecemento e declive, nunha traxectoria que tivo o seu punto de inflexión na mostra censual de 1960, ano no que acadou o seu máximo demográfico, con 5.773 h. A partir desa data iniciou unha etapa de estancamento e leve descenso que concluíu en 1981, cando contaba con 5.624 h. Dende entón, o retroceso verificouse a un ritmo vertixinoso ata quedar reducido a uns efectivos demográficos inferiores aos rexistrados en 1887. Tras un breve período de descenso entre 1887 (cando contaba 3.579 h) e 1900 (cuantificado nunha media do 1,04% anual, que deixou a súa poboación en 3.097 h), comezou un crecemento sostido ata 1960, período no que a poboación medrou anualmente cunha taxa media do 1,44% e durante o que todas as mostras censuais se pecharon con incremento respecto á anterior. Desde 1960 ata 1981 a poboación estabilizouse, aínda que o resultado final reflectiu unha lixeira perda de efectivos nunha media do -0,13% anual. Posteriormente, nos anos oitenta houbo un retroceso moi forte, cifrado no -5,52% de media anual. A perda demográfica freouse nos noventa, cando minguou nun -0,16%. O s XXI tamén comezou con perdas de poboación: -10,16% entre 2001 e 2007. Esta evolución é, en certo xeito, atípica, pois é un concello rural do interior que non sufriu o impacto da emigración ata as últimas décadas do s XX e que dese xeito acumulou un gran continxente de poboación. Chegado un determinado momento, gran parte da súa poboación emigrou, principalmente ás cidades de Vigo e Ourense e ás cabeceiras comarcais próximas (Xinzo de Limia e Verín). En 2006 o crecemento da poboación foi negativo (-18,5‰) froito dunha baixa natalidade (2,8‰) e unha elevada mortalidade (21,3‰). O resultado é unha poboación moi avellentada, na que os menores de 20 anos representan o 7,6% da poboación, fronte aos maiores de 65 anos que son o 39,4%; o grupo intermedio representa o 53%. A distribución por sexos amosa un maior número de homes, o 50,69% fronte ao 49,30%.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Cualedro é do 34% (44,5% a masculina e 23,7% a feminina); a taxa de ocupación é do 25,7% (33,6% a masculina e 18% a feminina) e a taxa de paro é do 24,4% (24,5% a masculina e 24,1% a feminina). A economía do concello de Cualedro posúe unha forte compoñente agropecuaria polo que, aínda sen ser as maioritarias, estas actividades proporcionan o 17,7% dos empregos dos residentes no municipio. A superficie cultivada esténdese polo 897 ha; a maior parte dedícase ao centeo e á pataca, seguidos do millo e o viñedo. Os pastos ocupan un espazo reducido, 407 ha mostra da reducida importancia da gandería: o gando vacún conta con 1.252 vacas (2007) orientadas predominantemente á produción cárnica. Tampouco ten gran relevancia o gando porcino, do que se contabilizan 225 unidades da ceba (2005). A industria acolle o 13% da poboación ocupada, empregada normalmente en pequenos talleres. A construción emprega un 21,5% dos traballadores, que desenvolven a súa actividade laboral na construción, en Verín ou Xinzo de Limia. O sector terciario é o máis destacado no que se refire ao emprego, co 47,89% dos traballadores, malia as limitacións no equipamento comercial e de servizos do concello. Non obstante , a maior parte dos empregados no sector traballan fundamentalmente en Verín e, en menor medida, en Xinzo de Limia. As vías de comunicación de maior capacidade son a autovía das Rías Baixas A-52 e a estrada nacional N-525, que permiten unha rápida comunicación con Ourense, Vigo, Verín e Xinzo de Limia.
Historia
A antigüidade do poboamento de Cualedro remóntase á época megalítica e castrexa. Os dous castros escavados demostran unha ocupación continuada dende o s V a C; así, o castro da Saceda na parroquia de Lucenza (450 a C-I d C), escasamente romanizado, contrasta coa ocupación do espazo en San Millao (ss III-IV d C), un castro coetáneo da crise do Imperio Romano. Durante o Antigo Réxime, as parroquias que integran o territorio do actual concello de Cualedro pertenceron ás xurisdicións de Monterrei (administrada polo conde de Monterrei, abranguía as parroquias de Carzoá, Lucenza e Montes), Pena Verde e Rebordondo (baixo o poder da encomenda de Osoño, incluía as parroquias de Pena Verde e Rebordondo), Cualedro, Vilela e Atás (formada polas parroquias homónimas, pertencía ao mosteiro de San Salvador de Celanova) e Vilamaior da Xironda (baixo a xurisdición do mosteiro de Santa María de Melón e formada polas parroquias da Xironda e San Millao), ademais do couto redondo de Baldriz, administrado polos fidalgos da casa dos Diéguez. Todas estas circunscricións pertencían á antiga provincia de Ourense. Ao abeiro da Constitución promulgada en Cádiz o 19 de marzo de 1812 suprimiuse a administración señorial e creáronse os concellos da Xironda e Pena Verde, adscritos ao partido xudicial de Monterrei e á provincia de Galicia. Non obstante , en novembro de 1814, un decreto asinado polo Rei Fernando VII supuxo a restauración do Antigo Réxime. En 1820 rehabilitouse o sistema constitucionalista e municipalista e con el o concello da Xironda. En 1822 pasou a integrarse na nova provincia de Ourense. Non obstante , un segundo decreto derrogatorio asinado por Fernando VII suprimiu outra vez a Constitución. En 1835 reinstaurouse definitivamente o municipalismo coa creación do concello de Cualedro, integrado no partido xudicial de Verín e formado polas parroquias de Atás, Baldriz, Carzoá, Cualedro, Lucenza, Montes, Pena Verde, Rebordondo, San Millao, Vilela e A Xironda. A única modificación que sufriu o concello foi a integración de Pena Verde en Rebordondo.
Patrimonio cultural
Entre os castros conservados no concello destacan, entre outros, o da Saceda (450 a C-I d C), o da cidadela de Carzoá e o de Castelo en Cualedro, e o castro da Xironda. Da época romana sobresaen, entre outros, os xacementos de San Millao (ss III-IV d C) e de Coas, na Xironda. Na arquitectura relixiosa sobresae a igrexa de San Salvador da Xironda, de estilo oxival, e a ermida da Saúde, en Atás. Cómpre destacar tamén o pazo dos Cuquejos, o hórreo de Lucenza, o forno comunal da Xironda, o muíño de San Millao e os petos de ánimas da Xironda (1798) e San Martiño (1817). No patrimonio natural destacan os espazos naturais do Castañal e da Rixenga, a área recreativa de Santa María das Mercedes en Baldriz, a serra do Larouco e a ruta de sendeirismo que conduce ao castro de San Millao. Entre as festas que teñen lugar no concello destacan as do Carme na Xironda, as da Asunción da Nosa Señora en Cualedro, a romaría do Larouco e as celebracións do Entroido.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | OURENSE |
|---|---|
| Comarca | Verín |
| Extensión | 117 Km2 |
| Poboación Total | 2148 h |
| Poboación Homes | 1059 h |
| Poboación Mulleres | 1089 h |
| Densidade de poboación | 18.36 h/Km2 |
Parroquias
| Atás |
| Baldriz |
| Carzoá |
| Cualedro |
| Lucenza |
| Montes |
| San Millao |
| Vilela |
| Xironda, A |