Cuba

Cuba
Nome científico: [nome oficial en castelán: República de Cuba]

Estado insular de América Central, formado pola illa de Cuba (a maior das Antillas), La Juventud e máis de 1.600 cayos e pequenas illas, situado entre o golfo de México, o mar das Antillas e o Océano Atlántico (110.861 km2; 11.160.000 h [estim 1999]). Esténdese entre os 23° e os 20° de latitude N e os 85° e 74° de lonxitude O. A capital é La Habana.
Xeografía física

Relevo e xeoloxía
A illa de Cuba, cunha superficie que representa o 95% do Estado, está constituída por un zócolo antigo de rochas eruptivas e metamórficas recubertas de materiais sedimentarios, margas e materiais volcánicos. Aproximadamente, a cuarta parte do territorio está formado por montañas e outeiros. Os movementos oroxénicos que se sucederon ao longo do Secundario e do Terciario deron lugar aos tres eixes montañosos da illa, separados por extensas chairas calcarias que ocupan a maior parte do territorio. As principais cordilleiras son: Sierra de Guaniguanico, situada no centro da illa e formada por diversas unidades estruturais, Sierra del Escambray e Sierra Maestra; esténdese, paralela á costa, entre o golfo de Guanacayabo e a capital, dividida en tres seccións. A súa maior cota é o Pico Turquino, cunha altitude de 2.005 m. Todas estas cadeas montañosas están interrompidas por grandes planicies que cobren os dous tercios da superficie. Unha extensa chaira central percorre o país de L a O; a súa fertilidade fai que sexa unha zona propicia para o cultivo. A suave inclinación que presenta a illa cara ao S facilitou a formación de marismas e pantanos, como as da península de Zapata. Despois do pregamento alpino, Cuba mergullouse no mar; os seus corais litorais formaron unha placa continental, sobre a que se sostén o arquipélago. Outra característica importante da costa cubana son os cayos, formacións coralinas, xeralmente fósiles, aínda que tamén poden aparecer vivas. Os maiores cayos están no N, como Cayo Romano e Cayo Sabinal.
Climatoloxía e hidrografía
O clima é tropical na rexión occidental que, xunto coa influencia dos ventos fríos do N, produce unha oscilación térmica anual máis acusada na rexión oriental, onde predomina a influencia dos alisios. A temperatura media anual é de 25,5°C e a precipitación de 1.320 mm. Máis do 60% das chuvias prodúcense entre os meses de maio e novembro. As illas están nunha rexión afectada por furacáns tropicais, principalmente entre os meses de agosto e outubro. A súa configuración fai que os ríos sexan xeralmente curtos e caudalosos. A disposición do relevo determina dúas vertentes, orientadas respectivamente cara ao N (Océano Atlántico) e ao S (Mar Caribe). O principal río da vertente atlántica é o Toa, mentres que na vertente pacífica destaca o Cauto.
Medio ambiente
A flora de Cuba está composta por 392 especies de brións, 500 especies de fentos e 6.200 plantas con flor, das que o 51% son endémicas. O maior número de especies endémicas, das que o 16% están en perigo de extinción, preséntanse en forma de arbustos. Os factores que favoreceron o proceso de especiación son o illamento xeolóxico, a insularidade e a diversidade de solos, altitudes e microclimas. No s XV, o 95% de Cuba estaba cuberto de bosques e selvas das que a finais do s XX só quedaba un 12%. A contaminación afecta especialmente os medios costeiros próximos a cidades, como La Habana. Os grandes vertebrados sofren os efectos dunha presión cinexética excesiva. En 1979 declarouse o Gran Parque Nacional Sierra. A finais do s XX, Cuba contaba con cinco reservas naturais, catro Reservas da Biosfera, catro áreas declaradas monumentos nacionais, seis refuxios de fauna e un parque nacional. Existe tamén unha extensa rede de xardíns botánicos, entre os que destacan o Jardín Botánico Nacional; o Jardín Botánico de Cienfuegos; o Jardín Botánico de Cupainicú e o Orquidario de Soroa.
Xeografía económica

Economía
En 1959 a Revolución rompeu as ataduras económicas de Cuba con EE UU e emprendeu unha política de diversificación de cultivos e industrialización. Para levala adiante entrou progresivamente na órbita económica soviética. Ingresou en 1972 no Consello para a Axuda Mutua Económica (COMECON) e en 1975 o I Congreso do Partido Comunista de Cuba (PCC) acordou, para o quinquenio 1976-1980, impulsar as cooperativas e descentralizar a economía. Durante os anos setenta introduciu incentivos fiscais para mellorar a produtividade; as principais dificultades que debía afrontar a economía cubana eran as adversidades meteorolóxicas e o deterioro dos prezos no mercado internacional. En 1980 estableceron un mercado interior libre a fin de combater o mercado negro provocado polo racionamento e a escaseza de artigos indispensables. Invitouse ás empresas estranxeiras a investir e aos turistas a visitar Cuba. A situación económica e os cambios experimentados na Europa do Leste dende 1990 puxeron o réxime de Castro nunha situación crítica, xa que o 70% do comercio da illa se efectuaba coa URSS, que lle mercaba azucre por enriba dos prezos da cotización mundial e lle vendía petróleo a un prezo inferior. Así, nos anos noventa, o goberno levou a cabo diversas reformas co obxecto de desenvolver unha economía gravemente afectada polo embargo comercial imposto por EE UU. Estas reformas intentaban abastecer o país de bens fundamentais (alimentos e calzado) e bens de consumo. Na Constitución de 1992, desde o artigo 14 ao 20, quedan patentes algúns dos cambios efectuados: aínda que Cuba siga a rexerse por un sistema económico baseado na propiedade socialista do pobo, recoñécense os pequenos agricultores e o Estado retén a organización, dirección e control da actividade económica nacional e do comercio exterior. En 1994 estableceuse a posibilidade de que algúns agricultores e granxeiros comerciasen con determinados produtos no mercado libre: o Estado fixaba a produción e os agricultores podían vender no mercado non controlado. A industria azucreira, motor da economía no pasado, pasou por unha grave crise a comezos do ano 2000, feito que provocou que máis da metade das centrais deixasen de ser rendibles. O turismo, principal motor da economía, non é capaz de absorber o crecemento do desemprego. A poboación activa en 1998 era de 5.404.000 traballadores, dos que o 75% traballaban no sector estatal e, segundo estudios da Comisión Económica da ONU para América Latina e o Caribe (CEPALC), o 6,9% da poboación está desempregada ou subempregada. A débeda externa en 1996 era de 35.344 millóns $ USA. A reestruturación das empresas públicas, a crecente autonomía e a diminución das subvencións do Estado, confirman a continuación lenta e gradual das reformas económicas, malia que o obxectivo xeral é reforzar o socialismo. Dentro do Caribe, Cuba desenvolve as relacións económicas e comerciais co Mercado Común do Caribe (CARICOM). A Banca Nacional, coa reforma do sector bancario en 1996, adquiriu funcións comerciais e autorizou a apertura de novos bancos; ademais, permitiuse a circulación do dólar e instituíronse algunhas zonas francas. A moeda oficial é o peso cubano, que se divide en 100 centavos.
Agricultura, gandería, industria forestal e pesca
Unha parte importante da economía cubana é a agricultura, malia que está lonxe de satisfacer as necesidades alimentarias da poboación. A estrutura agraria experimentou unha gran transformación coa reforma agraria: a primeira lei (1959) dispoñía a expropiación dos latifundios e a eliminación dos arrendamentos; a segunda lei (1963) creou as empresas agrícolas estatais e as asociacións de pequenos campesiños. As cooperativas están autorizadas para vender no mercado libre parte do excedente de produción. O principal produto agrícola é a cana de azucre, seguido do tabaco, acreditado como o mellor do mundo na variedade vuelta abajo. Outros produtos eventualmente exportables son: o café, as froitas tropicais e as fibras téxtiles, como o algodón, o henequén e o kenaf. A explotación forestal é importante: extráese goma, resina, aceite, fibras, madeira de caoba e cedro. A agricultura ocupa o 24% do territorio, aínda que só o 7% corresponde a cultivos permanentes. A achega ao PIB é do 7% (1997), o que dá emprego ao 18% da pobación activa (1990). No período 1995-1996 a produción descendeu pola falta de financiamento e de recursos, feito que impediu continuar cos investimentos en mecanización e fertilizantes. A principal gandería é a equina e ovina, de orixe castelá, e a bovina e porcina, de orixe norteamericana. A industria pesqueira tradicional está formada por cooperativas de pescadores. Nos últimos anos, o goberno favoreceu o desenvolvemento dunha gran flota pesqueira; en 1997 o número de capturas acadou as 122.833 t.
Recursos mineiros e industria
Os recursos mineiros máis importantes son o níquel, o cobre, o cobalto, o ferro e o manganesio. A industria cubana está pouco desenvolvida e seriamente afectada pola escaseza de investimentos externos e por un forte déficit enerxético. A súa actividade céntrase na transformación de produtos primarios, como o tabaco, os produtos químicos, os fertilizantes e unha pequena industria de fabricación de maquinaria agrícola e de materiais de construción (Cienfuegos). Tamén hai industria téxtil (Matanzas), do calzado, alimentaria, de bebidas alcohólicas (ron e cervexa) e refinerías de petróleo.
Comercio exterior
O comercio exterior tivo un claro signo deficitario en 1997. O valor das importacións acadou os 4.492.000.000 $ USA; os principais produtos foron os combustibles, os lubricantes minerais, o material de transporte, os laminados de aceiro, o trigo en gran, o petróleo, os bens de consumo e a maquinaria. O valor das exportacións acadou os 1.616.000.000 $ USA; os principais produtos foron o tabaco, o azucre, as froitas, os legumes e o peixe. Os principais socios comerciais de Cuba, na década dos noventa, foron Canadá, Xapón, España, Italia, Francia e Alemaña.
Transportes e comunicacións
En 1997 Cuba contaba con 60.858 km de estradas, dos que 29.820 estaban asfaltados. Os ferrocarrís nacionalizados teñen unha extensión de 4.807 km (1994), dos que o 60% son de vía estreita para facilitar o transporte polas plantacións e fábricas. A mariña mercante está composta por 100 unidades: os principais portos son os de Santiago de Cuba, Varadero e Camagüey. Os aeroportos máis importantes son os de Santiago de Cuba e La Habana.
Xeografía humana

Demografía
O crecemento da poboación non é moi elevado (0,5% [1993-1998]), cun índice de natalidade do 13,7‰ (1997) e de mortalidade do 7,4‰ no mesmo ano. As melloras na saúde pública provocaron o descenso da mortalidade infantil que en 1997 era do 7,2‰. A esperanza de vida é de 73 anos para os homes e de 78 anos para as mulleres (1997). No que se refire á estrutura por idades, o 22% dos cubanos é menor de 15 anos e o 9% maior de 64.
Poboamento
A densidade de poboación é de 99,22 h/km2 e predominantemente urbana; as tres cuartas partes da poboación viven en cidades (76,7% [1997]). A maior cidade de Cuba é La Habana, que alberga máis do 20% da poboación total do país e case a terceira parte da poboación urbana (2.241.000 h [1995]). Outros núcleos importantes son Santiago de Cuba (432.396 h [1995]), Camagüey (296.601 h [1995]), Holguín (243.240 h [1995]) e Santa Clara (206.900 h [1995]).
Movementos migratorios
No último cuarto do s XIX, Cuba converteuse nun dos principais focos de recepción da emigración galega, pois acolleu a un continxente cifrado en máis de 200.000 persoas. No primeiro cuarto do s XX emigrou a Cuba cerca dun 30% da emigración total galega, e paralelamente existiu unha emigración flutuante en función de traballos estacionais, especialmente na agricultura das grandes plantacións dos cultivos tropicais, como a cana de azucre. Trala Guerra Civil española a emigración reanudouse, pero en menor medida. A Cuba marchou só un 3% da poboación e en moitos casos como ponte cara a México. Respecto á súa tipoloxía, o emigrante galego era varón e dedicouse fundamentalmente ao traballo asalariado, urbano ou agrícola, e ao pequeno comercio; e o seu obxectivo era o aforro e o retorno á terra. A emigración concentrouse principalmente en La Habana, onde en 1871 se fundou a primeira institución galega en América, a Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia. O proceso contrario, o da emigración de cubanos cara ao exterior iniciouse na década dos sesenta. En 1966, entre 3.000 e 4.000 refuxiados cubanos dirixíronse cara aos EE UU, despois dun acordo celebrado en 1965, nun movemento migratorio coñecido como os marielitos. Nas últimas décadas a emigración cubana aumentou de forma considerable, principalmente cara aos EE UU, sobre todo a Florida. No ano 2000, o número de cubanos que atravesaron o estreito de Florida (balseiros) foi de 3.000 persoas.
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
O pobo cubano é, por definición, afrolatinoamericano, unha denominación coa que se quere resaltar a importancia da poboación europea (sobre todo española) e africana (os descendentes dos escravos traídos a Cuba dende o s XVI). Neste sentido, a maioría da poboación é mulata (51%), crioula (37%) e afroamericana (11%). Os chineses e outras poboacións de orixe asiática representan o 1% da poboación. Os pobos amerindios que habitaban a illa antes do seu descubrimento foron completamente exterminados. A poboación cubana era principalmente católica (85%) antes da chegada ao poder de Fidel Castro en 1959; sen embargo, dende esa data o número de católicos descendeu ata o 39,5%, malia que no artigo 55 da Constitución cubana, o Estado recoñece, respecta e garante a liberdade de conciencia e relixión. O resto da poboación practica o culto evanxélico (3,3%) e diversos cultos afrocubanos, entre eles a santería, dos que non se teñen datos fiables. A lingua oficial é o castelán; tamén se emprega como lingua secreta en rituais de santería o lucumi, procedente de África e pertencente á familia níxer-congo. Todos os cubanos teñen dereito á educación; para garantir ese dereito, o Estado creou unha rede de centros de ensino de ampla cobertura e proporciónalles de xeito gratuíto todo o material escolar aos estudiantes, calquera que sexa o seu nivel educativo ou condición. Os esforzos en materia educativa, realizados trala Revolución, elevaron o nivel educativo do país, sobre todo entre a poboación máis nova, co que o índice de analfabetismo descendeu ata valores do 3,6% (1998). Así mesmo, o 92% da poboación menor de 16 anos está escolarizada (o número de estudiantes no período 1996-1997 era de 186.022) e o índice bruto de escolaridade é do 73% (1998). Os centros de ensino superior en Cuba son a Universidad de La Habana, fundada en 1728, a Universidad de Oriente, fundada en Santiago de Cuba en 1947, e a Universidad Central de las Villas, fundada en Santa Clara en 1948; con posterioridade á Revolución fundáronse novas universidades, como a Universidad Ignacio Agramonte de Camagüey ou a Universidad Camilo Cienfuegos de Matanzas. A prensa, a radio, a televisión, o cine e outros medios de difusión masiva son de propiedade estatal; de entre o centenar de xornais publicados en Cuba o que ten maior proxección, tanto interna como externa, é Granma, diario fundado en 1965 como órgano do Partido Comunista de Cuba.
Desenvolvemento humano

O Indicador de Desenvolvemento Humano en 1998 situaba a Cuba entre os países cun desenvolvemento humano medio (ocupa o 56º posto cun índice do 0,783). Este Indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 75,8 anos; o índice de alfabetización de adultos é do 96,4% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 73%; e o PNB real por habitante (PPA) é de 3.967 $ USA.
Goberno e política
Antiga colonia española, pasou ao control dos EE UU en 1898 e acadou a independencia en 1902. Trala Revolución de 1959, cando Cuba conquistou a plena soberanía, establecéronse as primeiras reformas democráticas e socialistas. En 1962, coa proclamación de Cuba como República Democrática e Socialista, iniciouse un proceso de achegamento ao modelo soviético que culminou coa aprobación da Constitución de 1976, na que se institucionalizaba o papel dirixente do Partido Comunista de Cuba. En xullo de 1992, logo dun longo período de traballo que tivo a súa orixe no proceso de rectificación de erros e tendencias negativas iniciado en 1986, proclamouse a nova reforma constitucional. O poder executivo reside no Consejo de Estado, órgano da Asamblea Nacional del Poder Popular que a representa entre un e outro período de sesións e ostenta a suprema representación do Estado cubano; e no Consejo de Ministros, máximo órgano executivo e administrativo, que exerce o goberno da República. O Consejo de Estado está integrado por un presidente, un primeiro vicepresidente, cinco vicepresidentes, un secretario e vinte e tres membros máis, elixidos de entre os deputados da Asamblea Nacional del Poder Popular por un período de catro anos. O Consejo de Ministros está integrado polo xefe de Estado e de goberno, que é o seu presidente, o primeiro vicepresidente, os vicepresidentes, os ministros e o secretario, designados pola Asamblea Nacional del Poder Popular a proposta do presidente do Consejo de Estado por un período de catro anos. O presidente do Consejo de Estado é a un tempo o xefe de Estado e o xefe de goberno, cargo que dende o triunfo da Revolución ostenta Fidel Castro. O poder lexislativo reside na Asamblea Nacional del Poder Popular, formada por 589 deputados elixidos para un período de cinco anos. O sistema xudicial está baseado no dereito español e estadounidense, aínda que inclúe numerosos elementos de procedencia soviética. Os tribunais constitúen un sistema de órganos estatais, estruturado con independencia funcional de calquera outro e subordinado xerarquicamente á Asamblea Nacional del Poder Popular e ao Consejo de Estado. O órgano superior de xustiza é o Tribunal Supremo Popular e os seus membros son elixidos pola Asamblea Nacional del Poder Popular. Cuba non acepta a xurisdición da Corte Internacional de Xustiza da Haia. Segundo os informes de Amnistía Internacional, continuou a represión contra os individuos e grupos que exercían pacificamente o seu dereito á liberdade de expresión, asociación e reunión, xa que segundo o goberno de Cuba, onde a represión da disidencia está lexitimada pola Constitución e polo Código Penal, a represión dos disidentes é fundamental para manter a unidade do país fronte ás continuas hostilidades estranxeiras. A pena de morte está en vigor. Ratificou ou adheriuse aos seguintes tratados: Convención Internacional sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación Racial; Convención sobre a Eliminación de Formas de Discriminación contra a Muller; Protocolo Facultativo da Convención sobre a Eliminación de Formas de Discriminación contra a Muller; Convención da ONU sobre os Dereitos do Neno; Protocolo Facultativo da Convención da ONU sobre os Dereitos do Neno, relativo á participación de nenos nos conflitos armados; Convención Contra a Tortura e Outros Tratos ou Penas Crueis, Inhumanos ou Degradantes. O Partido Comunista de Cuba (PCC) está definido constitucionalmente como a vangarda organizada da nación cubana e a forza dirixente superior da sociedade e do Estado, que organiza e orienta os esforzos comúns cara aos máis altos fins da construción do socialismo e o avance cara á sociedade comunista. Fundouse o 3 de outubro de 1965 a partir do Partido Unido de la Revolución Socialista Cubana (PURSC), fronte política que agrupaba todas as organizacións políticas progobernamentais nunha estrutura común e sucesor directo das Organizaciones Revolucionarias Integradas (ORI), trala súa reestruturación en 1963. As forzas que se integraran en 1961 na ORI eran o Movimiento Revolucionario 26 de julio, liderado por Fidel Castro e Ernesto Che Guevara; o Directorio Revolucionario 13 de marzo, liderado por Faure Chomón; e o Partido Socialista Popular, liderado por Blas Roca. O PCC proclámase herdeiro do ideario de José Martí e baséase nas ideas político-sociais de Marx, Engels e Lenin. No I Congreso do PCC, celebrado en decembro de 1975, decidiuse a redacción da Constitución de 1976. No III Congreso do PCC, celebrado en abril de 1986, iniciouse o denominado proceso de rectificación de erros e tendencias negativas. No IV Congreso do PCC, que tivo lugar en outubro de 1991, resolveuse reformar a Constitución de 1976 para introducir as seguintes novidades: elección directa dos membros da Asamblea Nacional del Poder Popular, ampliar a liberdade relixiosa e estimular as empresas mixtas, especialmente con capitais latinoamericanos. Outras organizacións políticas recoñecidas legalmente son a Unión de Jóvenes Comunistas (UJC), definida na Constitución como a organización da mocidade cubana avanzada; a Central de Trabajadores de Cuba (CTC), con tres millóns de afiliados e que equivale ao 80% da poboación activa cubana; e outras organizacións menores que agrupan os estudiantes, as mulleres e os agricultores. No ano 2001 existían outros partidos, como a Unión Liberal Cubana, o Partido Demócrata Cristiano ou o Partido Solidaridad Democrática, todos eles ilegais. Administrativamente, o país divídese en 14 provincias e o municipio especial de Isla de la Juventud. As relacións entre EE UU e Cuba xiran ao redor de dous conflitos: o embargo e a baía de Guantánamo, territorio cedido ilimitadamente aos EE UU en 1903, onde existe unha base naval. Forma parte dos seguintes organismos internacionais: Asociación de Estados do Caribe (AEC), Mercado Común do Caribe (CARICOM) e ONU.
Historia

Cuba precolombina ata a conquista
No período precolombino Cuba estaba habitada por pobos indíxenas de diferente desenvolvemento sociocultural. Os máis antigos e primitivos eran os siboney. Á chegada dos españois, poboábana grupos da denominada cultura taína, conformada por indios do tronco arauaco, que cultivaban a agricultura (iuca fundamentalmente), elaboraban obxectos de cerámica e posuían un variado instrumental de cuncha e pedra puída. As casas de madeira e guano de palma, os bohíos, constituíron durante séculos o elemento básico do hábitat campesiño cubano. Cristovo Colón arribou ás costas cubanas o 27 de outubro de 1492; nunha segunda viaxe tocou o cabo de Cruz e percorreu o arquipélago dos Jardines de la Reina. En 1509, o galego Sebastián de Ocampo recoñeceu a totalidade das costas da illa. Diego Velázquez de Cuéllar dirixiu a conquista en 1511 e fundou Baracoa e Bayamo en 1513, Santísima Trinidad, Sancti Spíritus e San Cristobal de La Habana en 1514 e en 1515 Puerto Príncipe e Santiago de Cuba, designada sede do goberno.
A colonización
A actividade económica iniciouse coa extracción de ouro, que se esgotou rapidamente. O traballo e os andazos exterminaron a poboación india. Desde 1513 introducíronse en Cuba escravos negros para substituír os indios, pero os conquistadores, empobrecidos pola falta de ouro e de man de obra, remataron por abandonar a illa para acompañar a Hernán Cortés na conquista de México (1519-1521). O sector gandeiro (carne salgada e coiro) converteuse na mercadoría fundamental do comercio cubano. Este viuse afectado polas incursións de corsarios e filibusteiros franceses, holandeses e ingleses. Para resgardar o comercio, España organizou grandes flotas con escala obrigada no porto de La Habana, feito que acabou por beneficiar o comercio da illa que, por outro lado, tamén se nutría do contrabando. A principios do s XVII, a illa dividiuse en dous gobernos, un en La Habana, onde se estableceu a capital, e outro en Santiago de Cuba. A actividade económica creceu e diversificouse co desenvolvemento do cultivo do tabaco e a produción de cana de azucre. A Real Factoría de Tabacos monopolizou o comercio do tabaco desde 1717 e obrigou os vegueros a queimar os excedentes da colleita que a factoría non mercaba, feito que deu lugar ás revoltas de 1717, 1720, 1723 e 1792. Os máis ricos comerciantes de La Habana, asociados cos comerciantes peninsulares, constituíron a Real Compañía de Comercio de La Habana (1740), que monopolizou durante máis de dúas décadas a actividade mercantil de Cuba. Durante a Guerra dos Sete Anos (1756-1763) La Habana foi ocupada dez meses polos ingleses, que levaron adiante unha intensa actividade mercantil. No reinado de Carlos III iniciáronse unha serie de reformas que melloraron as infraestruturas de comunicación e de defensa, ampliaron o comercio exterior e renovaron a xestión gobernativa coa creación da Intendencia e da Administración de Rentas. En 1814, a illa obtivo importantes concesións, como a liberdade de comercio e o desestanco do tabaco. O progreso material acompañouse dun progresivo incremento da poboación escrava, que constituía un foco permanente de inestabilidade social. Sucedéronse diversas revoltas de carácter secesionista en La Habana (1812), ademais da coñecida como Conspiración de La Escalera (1844), duramente reprimida.
O proceso cara á independencia
No s XIX tivo lugar o proceso de independencia cubana. As opcións dividíanse entre os reformistas, os que buscaban a independencia total e os que optaban pola compra do país por parte dos EE UU. A corrente separatista protagonizou a primeira conspiración independentista, liderada por Román de la Luz en 1810. Paralelamente ao Trienio Liberal na Península reprimíronse dúas novas conspiracións: a dos Soles y Rayos de Bolívar e a da Gran Legión del Águila Negra (1823). A mediados de século a situación económica sufriu un retroceso debido á competencia do café brasileiro e do azucre de remolacha europeo, unido á errada política arancelaria española. Frustrados os movementos reformistas (1865-1867), estalou o “Grito de Yara” (1868), levantamento revolucionario liderado por Carlos Manuel de Céspedes (1819-1874), quen proclamou a República na súa leira da Demajagua, deulles a liberdade aos escravos e declarounos soldados da nova República, á que dotaron dunha Constitución. A conseguinte guerra de dez anos rematou coa vitoria das tropas do xeneral español Martínez Campos e a sinatura da Paz de Zanjón (1878). Ao ano seguinte un novo conflito xurdiu na zona oriental, que se deu en chamar a Guerra Chiquita, rapidamente controlado. Na década dos oitenta producíronse importantes cambios socioeconómicos coa abolición da escravitude por parte de España (1886) e a industrialización e libre comercialización da produción azucreira, ao tempo que o capital estadounidense aumentaba o seu investimento en diversos sectores da economía cubana. A unificación das forzas independentistas quedou constituída no Partido Revolucionario Cubano, fundado ao redor da figura de José Martí en 1892. Os seus líderes, Martí, Maceo e Máximo Gómez, dirixiron a guerra independentista iniciada o 24 de febreiro de 1895 co “Grito de Baire”. Trala caída de Martí en combate en maio de 1895, a Asamblea constituínte aprobou unha Constitución e nomeou presidente a Salvador Cisneros Betancourt. No exército español o xeneral Blanco substituíu a Weyler a finais de 1897 e ao ano seguinte o goberno español concedeulle a autonomía á illa de Cuba, medida que se adoptou demasiado tarde. En 1898, o goberno estadounidense decidiu involucrarse no conflito, enviando ao porto de La Habana o acoirazado Maine para protexer os seus súbditos e a súa explosión serviulles de pretexto aos EE UU para intervir directamente no conflito. A guerra rematou o 10 de decembro de 1898 coa sinatura do Tratado de París, que significou a renuncia de España á soberanía sobre Cuba.
Galicia-Cuba: un século de relacións sociais e culturais
Cuba foi un dos destinos preferentes da emigración galega entre o último cuarto do s XIX e principios do s XX. As sociedades galegas xurdiron por toda a illa desempeñando un importante labor de mantemento da identidade cultural e de atención e axuda aos emigrantes, así como de envío de axuda a Galicia. A institución máis importante foi o Centro Gallego, fundado en 1878. No 2000 existían máis dunha ducia de asociacións galegas en La Habana (Federación de Sociedades Galegas de Cuba, Sociedad estudantil Concepción Arenal, Sociedad Cultural Rosalía de Castro, Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia, etc) e en Santa Clara (Unión Gallega de Villaclara). Tamén no eido da promoción cultural, cómpre salientar o papel de Xosé Fontenla Leal e Curros Enríquez, fundador e principal apoio da Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega, creada en 1905 e que tivo a Manuel Murguía como presidente. A calidade literaria de Curros verase reflectida nos numerosos artigos e colaboracións que publica en La Tierra Gallega, fundado por el mesmo o 8 de abril de 1894, e no Diario de La Marina, xornal no que colaborou a partir da súa segunda estadía na illa, en 1904. A presenza de xornalistas e colaboradores galegos nas publicacións cubanas foi dende sempre moi abondosa. Inicialmente, cómpre salientar a Ramón de la Sagra, Isidro Araújo ou Virginia Aubert, que asinaban os seus artigos redactados en castelán e con poucas referencias a Galicia en xornais e revistas non galegos. A eles hailles que sumar os nomes de diversos xornalistas e escritores galegos que dirixiron numerosas publicacións, como Álvaro de la Iglesia en La Época, María Prieto Balsa en Corte y Costura ou Francisco Mayobre en Nosotros. A primeira publicación propiamente galega foi o semanario La Gaita Gallega, editado en La Habana a partir de xaneiro de 1872. A el sumóuselle El Avisador Galaico, que apareceu en Cienfuegos en febreiro de 1878. Ningunha destas dúas publicacións incluía información claramente relativa a Galicia e ás actividades dos emigrantes galegos na illa, un aspecto que si contemplaba El Eco de Galicia, semanario bilingüe dirixido por Waldo Álvarez Insua, que se tirou do prelo a partir de marzo de 1878. Con este último comezaron as publicacións propiamente galegas en Cuba e en toda América; ao mesmo tempo marcou as liñas temáticas que definiron o resto das publicacións da emigración. Entre elas destacan A Gaita Gallega, Nós e Terra Gallega, escritas integramente en lingua galega, e Galicia, Follas Novas, Galicia Moderna, La Tierra Gallega, Aires da miña terra, Galicia Gráfica, Cultura Gallega, Patria Galega, Suevia e Galicia en América, ata un total de 71 títulos, a maior parte bilingües. Nelas aparecen recollidas as sinaturas dos máis salientables políticos, intelectuais e escritores galegos como, entre outros, Ramón Cabanillas, Roberto Blanco Torres, Luís Pimentel, Manuel Lugrís Freire, Castelao, Basilio Álvarez, Xosé Fontenla Leal e Ramón Armada. Tamén hai un oco para a reprodución de entregas poéticas e literarias de Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Curros Enríquez, Lamas Carvajal ou Francisco Añón. Outro dos aspectos importantes é a correspondencia que existía entre as publicacións de Galicia e as galegas instaladas en Cuba. Algunhas delas, como El Emigrado, editado na Estrada en 1920, incluía información sobre as sociedades de emigrantes na illa; do mesmo xeito, pero á inversa, en Cuba a maior parte das publicacións recollían datos e novas que chegaban de Galicia e que interesaban e preocupaban aos emigrantes instalados na illa. Diversoa acontecementos, como a creación das Irmandades da Fala en 1916 na Coruña, as actividades da xeración Nós e do nacionalismo en xeral, e o desenvolvemento da Guerra Civil en España, aparecen reflectidos nas súas páxinas. Cómpre salientar tamén a edición de boletíns, memorias, álbums, programas de festas, follas soltas e, sobre todo, libros en galego que, ao igual que aconteceu en Bos Aires, viron a luz lonxe de Galicia. En canto a estes libros editados en Cuba cómpre salientar Follas Novas (1880), de Rosalía de Castro; A campaña de Caprecórneca (1898), de Luís Pimentel; A Besta (1899), de Xan de Masma; Soidades (1894), de Lugrís Freire; Os Calaicos (1894), de Florencio Vaamonde; Caldo de grelos (1895) e Aturuxos (1897), de Ramón Armada Teixeiro; e No Desterro (1913) e Vento Mareiro (1915), de Ramón Cabanillas. Do mesmo xeito, apareceron tamén diversas edicións de libros galegos en castelán, como aconteceu con Un ollo de vidro de Castelao. A estreita relación que sempre tivo Galicia con Cuba mantense viva gracias, entre outras, ás actividades da Sección Galega do Instituto de Literatura y Lingüística, fundada en 1969 en La Habana por Xosé Neira Vilas, autor de Castelao en Cuba e A prensa galega de Cuba (1985), e que dende hai anos investiga, en colaboración co Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, a edición de diversas publicacións periódicas e a presenza de intelectuais galegos na illa.
A República de Cuba
A República cubana proclamouse en 1902, ao mesmo tempo que se elaboraba unha Constitución que incluía a emenda Platt (1901), que establecía as condicións para a intervención militar estadounidense na illa cando o considerase oportuno, o control da política exterior da illa e a instalación de bases navais na baía de Guantánamo. En 1902 entregaron o poder ao primero presidente cubano, Tomás Estrada Palma, que foi reelixido en 1906, feito que deu lugar a unha revolta popular que abriu paso a unha segunda ocupación estadounidense durante tres anos. Os sucesivos gobernos de José Miguel Gómez (1909-1913) e Mario García Menocal (1913-1920) sufocaron os levantamentos dos Independientes de Color e dos liberais e deron lugar á decisión norteamericana de nomear un procónsul que supervisase o goberno do presidente Alfredo Zayas (1921-1925). A inxerencia dos norteamericanos, que xa eran propietarios dunha quinta parte da superficie cubana, e a corrupción gobernamental xerou diversos focos de descontento entre os sectores estudiantís e obreiros que callaron na creación dunha central obreira nacional en 1925 e do primeiro Partido Comunista. O goberno oligárquico e ditatorial de Gerardo Machado (1925) desencadeou unha revolución xeneralizada (folgas, atentados e insurreccións) que o obrigou a exiliarse en 1933. Manuel Céspedes liderou un breve goberno provisional que rematou coa imposición do goberno de Ramón Grau San Martín, instalado no poder tras unha manobra militar protagonizada polo sarxento Fulgencio Batista. Sucedéronlle os gobernos de Carlos Mendieta (1934), José Barnet (1935) e Mariano Gómez Arias (1936), que proclamou unha amnistía para os presos políticos e derrogou a emenda Platt. En 1940, Batista foi elixido presidente por primeira vez e, tralos gobernos de Grau San Martín (1944-1948) e Carlos Prío Socarrás (1948-1952), un golpe militar volveu colocalo á fronte da xefatura do Estado baixo un réxime ditatorial. Ao ano seguinte tivo lugar o primeiro episodio importante de loita armada cos asaltos simultáneos ao cuartel Moncada en Santiago de Cuba, dirixido por Fidel Castro, e de Céspedes en Bayamo, o 26 de xullo de 1953. Ao fracasar a operación os revolucionarios sobreviventes foron condenados. Castro foi amnistiado en 1955 e marchou a México, onde, xunto con Che Guevara, organizou o Movemento Revolucionario 26 de julio, que protagonizou o 2 de decembro de 1956 un desembarco a bordo do iate Granma na costa oriental da illa para internarse posteriormente en Sierra Maestra desde onde iniciaron a guerra de guerrillas. A tripla ofensiva revolucionaria, dirixida por Fidel Castro, o Che e Camilo Cienfuegos, logrou o triunfo e o 1 de xaneiro de 1959 Batista abandonou a illa mentres Fidel Castro facía a súa entrada vitoriosa en La Habana o 9 de xaneiro. Manuel Urrutia foi designado presidente da República democrática e Fidel Castro primeiro ministro.
Cuba trala revolución castrista
Unha das primeiras obras do novo goberno foi a elaboración da Lei de Reforma Agraria, aprobada o 17 de maio de 1959, que nacionalizaba todas as propiedades e as repartía entre o campesiñado cubano. O presidente Urrutia, partidario de atrasar a reforma, foi substituído por Osvaldo Dorticós. Os EE UU suspenderon as compras de azucre cubano, que continuou nacionalizando as empresas e as compañías azucreiras norteamericanas. O 3 de xaneiro de 1961 rompéronse as relacións diplomáticas entre Cuba e EE UU, que impuxo un embargo comercial e organizou a fracasada invasión do país iniciada co desembarco de Praia de Girón (baía de Cochinos) o 17 de abril de 1961. A política norteamericana tivo como efecto oposto a consolidación da revolución cubana, que intensificou o proceso de socialización coa colectivización xeneralizada da propiedade privada, agás o artesanado e o pequeno comercio, e a proclamación por Fidel Castro de Cuba como República Democrática e Socialista o 1 de maio de 1962. Os obxectivos que se propuxeron foron eliminar o desemprego, alfabetizar a poboación e asegurar a atención sanitaria xeneralizada. No outono de 1962 aumentou a tensión entre EE UU e Cuba debido á denominada “crise dos mísiles”, ao denunciar os norteamericanos a instalación de mísiles soviéticos en territorio cubano. A crise rematou coa retirada do armamento pero os EE UU continuaron coa súa política de illamento, co que conseguiron a expulsión de Cuba da Organización de Estados Americanos (OEA) e a supresión de todo tipo de comercio coa illa. Mentres, Cuba fortalecía as súas relacións co bloque soviético e co Movemento dos Non-Aliñados (Conferencia de La Habana en 1979). As principais organizacións de apoio ao réxime (Movimiento 26 de julio, Partido Socialista Popular e Directorio 13 de marzo) uníronse en 1965 para constituír o Partido Comunista Cubano, declarado marxista-leninista. Cuba iniciou unha política de apoio ás loitas antiimperialistas, para o que enviaron tropas a Angola (1976) e Etiopia (1977), e asesores militares a Moçambique, Guiné-Bissau, etc. A principios dos setenta iniciouse a institucionalización do país, despois da celebración do I Congreso do Partido Comunista (1975), a aprobación por votación popular da nova Constitución, en febreiro de 1976, e as eleccións dos representantes para os órganos do poder popular no ámbito municipal, provincial e nacional. Cuba asinou unha serie de acordos comerciais coa URSS que establecían relacións favorables para os cubanos, que lle aseguraban a subministración de tecnoloxía e créditos brandos pero que tamén polarizaron excesivamente a súa economía, centrada na produción de azucre de cana. Co acceso ao goberno de Ronald Reagan e cos conflitos centroamericanos agudizouse a tensión entre EE UU e Cuba. Os EE UU mantiveron unha dobre política respecto ao éxodo cubano, ao incentivar a través da propaganda a saída da illa, mentres freaban por outro lado os trámites daqueles que solicitaban o ingreso legal no país. No ano 1980 uns 120.000 cubanos partiron rumbo a Florida desde o porto de Mariel. Nos anos oitenta remodeláronse os órganos de goberno coa designación de Fidel Castro como presidente do Consejo de Estado e do Consejo de Ministros, e de Raúl Castro e Carlos Rafael Rodríguez como vicepresidentes, e a renovación dos cadros políticos con militantes máis novos.
Cuba trala disolución da política de bloques
O desmantelamento do bloque soviético tivo profundas consecuencias no ámbito cubano. O pobo cubano preparouse para iniciar unha etapa que se denominou “período especial”, no que intentarían resistir e buscar novas saídas económicas para o país, entre as que destacan a procura de novos compradores para os seus produtos agrícolas, vendedores de petróleo e novos investidores, entre os que cómpre salientar os españois. Neste contexto, tralo IV Congreso do PC celebrado en outubro de 1991, promulgouse a nova Constitución de 1992. EE UU aproveitou a oportunidade para radicalizar as condicións do bloqueo e en 1992 aprobou a Lei Torricelli que lle outorgaba ao presidente dos EE UU a potestade de lles aplicar sancións económicas aos países que comerciasen con Cuba e prohibía o comercio coa illa de empresas subsidiarias de outras norteamericanas instaladas en terceiros países. En 1996, o Congreso dos EE UU aprobou a Lei Helms-Burton, que pretendía evitar os investimentos estranxeiros e establecer sancións ás empresas que mantivesen relacións económicas con Cuba. Esta lei impediulle á illa acceder aos préstamos do Banco Mundial e do Fondo Monetario Internacional, pero non conseguiu evitar que as empresas estranxeiras continuasen investindo en Cuba. As difíciles condicións económicas do país teñen como consecuencia un importante éxodo poboacional, os denominados balseiros que saen do país cara ás costas de Miami, onde reside unha importante comunidade cubana e foco de permanente tensión. En 1996 a aviación cubana derrubou dúas avionetas dun grupo de exiliados de Miami, autodenominado “Hermanos al Rescate”, argumentando a violación do seu espazo aéreo. En 1999, o neno balseiro Elián González, único supervivente dunha embarcación de cubanos, foi motivo de disputa entre as dúas comunidades. Ao seu regreso, Elián converteuse en emblema da loita de Cuba fronte aos EE UU. Nese mesmo ano, Cuba mellorou as súas relacións diplomáticas cos países da súa área, feito que se plasmou na celebración en La Habana, por primeira vez, da Cumbre de Países Iberoamericanos no mes de novembro. No ano 2000, a Comisión de Relacións Exteriores do Senado norteamericano pronunciouse a favor do aminoramento das sancións económicas referentes á exportación de produtos alimentarios e medicinas, ata entón prohibida.