cubano -na
(< topónimo Cuba)
-
adx
Relativo ou pertencente a Cuba ou aos seus habitantes.
-
s
Natural ou habitante de Cuba.
-
arte cubana
[ARTE]
Arte desenvolvida polo pobo cubano. As primeiras manifestacións artísticas cubanas pertencen aos siboney, descoñecedores da cerámica pero que traballaron coa pedra. Consérvanse xacementos da época taina, de planta rectangular, que puideron ter un carácter cerimonial e onde se localizaron obxectos cerámicos, gravados rupestres e pequenas figuriñas que representan o espírito dos antepasados ou a natureza. As manifestacións do grupo subtaino son máis sinxelas e non se acharon gravados rupestres. Trala conquista española desenvolveuse unha arquitectura de carácter militar e defensivo. En La Habana, despois da construción do castelo da Real Fuerza (1568-1589), o italiano Antonelli realizou os planos das dúas defensas da cidade: o castelo do Moro ou dos Tres Reyes e a fortaleza de San Salvador de la Punta (1589), situados a ambos os dous lados da baía. A partir do s XVII desenvolveuse a arquitectura mudéxar. No s XVIII erixiuse a fortaleza de San Carlos de la Cabaña. Tralo dominio británico e co restablecemento da soberanía española desenvolveuse a arquitectura barroca. O barroco non incorporou as características da arquitectura popular e tradicional e caracterizouse polo emprego da madeira e pola sinxeleza decorativa. Entre outras obras destacan a Casa del Gobierno, o Santo Cristo del Buen Viaje e a catedral en La Habana; e en Santiago de Cuba as igrexas de Santa Lucía e do Carmen. No eido do urbanismo destaca a nova planificación de La Habana, coa apertura das prazas da Catedral, de San Francisco, a Nueva e a de Armas. No s XIX construíuse a catedral nova de Santiago de Cuba en estilo barroco e con fachada renacentista. Tamén durante este século se introduciu o neoclasicismo e se construíron edificios públicos, como teatros, mercados e novas rúas. Entre outras obras destacan o teatro Tacón de Antonio Mayo e o palacio de Aldama de José Carrera. Tralo establecemento da República construíuse, en 1929, o Capitolio, ao tempo que comezaron a chegar as novas correntes da arquitectura europea. Trala Segunda Guerra Mundial trazáronse os novos barrios residenciais de La Habana. A Revolución de 1959 supuxo o desenvolvemento dun novo urbanismo coa creación de barrios que substituíron os vellos suburbios. Entre outros, destacou a construción da cidade escolar Camilo Cienfuegos en Sierra Maestra e da cidade universitaria José A. Echeverría. As primeiras manifestacións pitóricas son pinturas rupestres realizadas polos primeiros habitantes, que non tiveron continuación ata a chegada das cartografías da illa realizadas polos europeos. A pintura da época colonial non tivo un gran desenvolvemento. Os gravadores dedicáronse ao deseño de escudos de armas, marcas para cigarros, figuras de santos e debuxos impresos; entre todos eles destacou Francisco Javier Báez. Dos pintores sobresaíron José Nicolás de la Escalera y Domínguez, cultivador da pintura relixiosa, e o retratista Vicente Escobar. A comezos do s XIX creouse a Academia Nacional de Bellas Artes, dirixida polo francés Jean-Batiste Vernay. A mediados do s XIX cultivouse o xénero costumista coa obra de, entre outros, José Joaquín Tejada e Víc22tor Patricio Landaluze. O academicismo estendeuse durante os vinte primeiros anos do s XX. O tránsito á pintura moderna realizárono Armando García Menocal, Guillermo Colazzo e Leopoldo Romañach. A principios do s XX comezou a cultivarse a serigrafía. Unha serie de institucións culturais contribuíron ao desenvolvemento das artes plásticas, como a Academia de Artes y Letras (1910) e a Asociación de Pintores y Escultores (1915), que se encargou da organización do Salón de Bellas Artes. Entre os pintores da primeira metade de s XX cómpre salientar a Víc22tor Manuel, Amelia Peláez, René Portocarreo e Wilfredo Lam. Nos anos 50 introduciuse a abstracción, cultivada, entre outros, por Sandú Daríe, Luis Martínez, Hugo Consuegra e Raúl Martínez. Trala revolución, a serigrafía e o cartelismo, principalmente de carácter político, adquiriron un gran desenvolvemento. Entre outros pintores destacaron Roberto Fabelo, Pedro Pablo Oliva, Eduarco Roca, Santiago Armada, Pedro Álvarez, Fernando Rodríguez, Elsa Mora e Rubén Alpízar. Entre os gravadores sobresaíron Carmelo González, César Mazolo, Armando Posse, Umberto Peña, José Rosabal e Antonia Eiriz. Os escultores da época colonial traballaron a madeira e realizaron obras relixiosas, como retablos, imaxes e decoración de templos. A finais do s XIX destacou José de Villata Saavedra. No s XX sobresaíron Aurelio Melero e o seu discípulo Ramiro Ortiz, Antonio Díaz, Esteban Betancourt e Rodolfo Hernández Giró. Xa na época posrevolucionaria cómpre salientar a Agustín Cárdenas.
-
cine cubano
[IMAX]
Arte cinematográfica desenvolvida en Cuba. As primeiras imaxes chegaron á illa da man de Gabriel Veyre no ano 1897 (Simulacro ou extinción dun incendio). A partir dese momento comezaron a producirse unha serie de documentais e reportaxes, como El parque de Palatino (1906), Un turista en La Habana (1907) e El epílogo del “Maine” (1912). O creador do cine cubano foi Enrique Díaz Quesada co filme La Zafra o Sangre y azúcar (1919). Coa chegada do cine sonoro, a industria cinematográfica entrou nunha profunda crise de produción e de calidade artística que non superou ata 1959, cando o novo réxime nacionalizou esta industria e creou o Instituto Cubano de Arte e Industria Cinematográfica (ICAIC). Baixo a tutela desta entidade xurdiu unha interesante escola de curtametraxes e documentais. Tamén comezou a produción de longametraxes, entre as que sobresaen Historia de la Revolución (1960), de T. Gutiérrez Alea; El joven rebelde (1961), de J. García Espinosa; e Manuela (1965), de Humberto Solás. Os filmes de carácter histórico e con temas propios da Revolución cubana continuaron durante a década dos setenta. Coa desaparición do Instituto Cubano de Arte e Industria Cinematográfica como entidade autónoma diminuíu radicalmente a produción de filmes de ficción e decaeu considerablemente o espírito crítico. A crise económica xeneralizada dos anos noventa continuou condicionando unha produción cuantitativamente limitada. Os responsables do ICAIC buscaron saír da crise con filmes rodados en coprodución, como Fresa y chocolate (1993), de T. Gutiérrez Alea e Juan Carlos Tabío, e Guantanamera (1995).
-
literatura cubana
[LIT]
Co primeiro diario impreso (El Papel Periódico, 1790), apareceu na illa un movemento literario con características propias, marcado pola vinculación á terra e un certo independentismo. Destacaron o crítico Domingo Delmonte, os poetas José María Heredia e Gabriel de la Concepción Valdés (1809-1844), coñecido como Plácido, e José Jacinto Milanés y Fuentes (1814-1863), autor de dramas históricos. En 1834 constituíuse a Academia Cubana de Literatura. Dentro da novela antiescravista sobresaíu Anselmo Suárez Romero (1818-1878), coa obra Francisco (1838); Cirilo Villaverde (1812-1894), autor de Cecilia Valdés (1839), e a poetisa Gertrudis Gómez de Avellaneda, autora da novela abolicionista Sab (1841). O gran mestre da conciencia cubana foi o poeta José Martí (1853-1895), ensaísta, orador, político, poeta e adaíl do movemento separatista que contribuíu á afirmación do movemento renovador modernista. O modernismo triunfou con Julián del Casal (1863-1893), autor de Hojas al viento (1890), Nieve (1892) e Bustos y Rimas (1893); e continuou con Aniceto Valdivia (conde Kostia), Emilio Bobadilla e Francisco J. Pichardo. Na narrativa realista cómpre salientar as obras de Jesús Castellanos, Miguel del Carrión e Carlos Loveira, que cultivou a novela documental, preocupados pola corrupción político-administrativa; en poesía, destacan os poetas Agustín Acosta (1886-1976), autor de La zafra (1926) e Los camellos distantes (1936), e Regino Pedroso (1896-1983). Baixo a influencia de Valéry, os vangardismos iniciáronse con Mariano Brull (1891-1956), autor de La casa del silencio (1916), Poemas en menguante (1928) e Soto de rosa (1941), e a revista Avance (1927-1930), fundada, entre outros, por Juan Marinello (1898-1977), Jorge Mañach e Alejo Carpentier (1904-1980), quen afirmou a nova poesía na illa. Desta época destacan os poetas Eugenio Florit (1903), coas obras Trópico (1930), Doble acento (1937) e Reino (1938), e Emilio Ballagas (1908-1954), con Cuaderno de poesía negra (1934) e Elegía sin nombre (1936). Froito característico do vangardismo cubano foi a poesía de ritmo negro, preocupada especialmente pola resonancia verbal. Iniciada por Ramón G. (1908-1949), con La bailadora de rumba (1928) e Bongo (1934), continuouna Nicolás Guillén (1902-1989), que publicou entre outras obras Sóngoro Cosongo (1931), West Indies Ltd (1934), Tengo (1964) e El diario que a diario (1972). A narrativa desta tendencia está representada pola novela Ecué-Yamba-O (1931), de Alejo Carpentier (1904-1980), polas contribucións de Lino Novás Calvo (1905-1983) en diferentes obras, como La luna nona y otros cuentos (1942), Cayo Canas (1946) e Maneras de contar nuevos cuentos (1971), e pola folclorista Lydia Cabrera, que recompilou os Cuentos negros de Cuba. Revistas literarias importantes desta época son Verbum (1937-1939), Espuela de plata (1939-1941), Nadie parecía (1942-1943) e Orígenes (1944-1956), fundadas por José Lezama Lima (1912-1976), que publicou os poemarios Enemigo rubor (1941) e Muerte de Narciso (1937) e as prosas Tratados en La Habana (1958), Paradiso (1966) e Oppiano Licario (1977). Destacaron tamén Carlos Montenegro (1900-1983), Gastón Baquero (1916-1997), colaborador das revistas Verbum e Espuela de plata e fundador de Clavileño, e Cinto Vitier (1921), poeta, crítico literario e ensaísta, autor dos poemarios Vísperas (1953) e Testimonio (1968), e do ensaio Lo cubano en la poesía (1957), e o ensaísta e poeta Samuel Feijoo. Coa Revolución (1959) e ao redor da revista Casa de las Américas xurdiron, entre outros, os escritores Guillermo Cabrera Infante (1929), Lisandro Otero (1932), Severo Sarduy (1937-1993) e Herberto Padilla (1932). Trala Revolución, o teatro adquiriu un marcado signo ideolóxico e un forte pulo dende o Departamento de Instrución del Ejército Rebelde, baixo a presidencia do Che Guevara, e coa creación do Teatro Nacional (1959). Entre os autores teatrais cubanos destacan José Antonio Ramos (Tembladera, 1918), José R. Brene (Santa Camila de La Habana Vieja, 1962), Atón Arrufat (Los siete contra Tebas, 1968) e Héctor Quintero (La última carta de la baraja, 1978). Outras figuras importantes na literatura cubana son Dora Alonso (Tierra adentro, 1914), Onelio Jorge Cardoso (El cuentero, 1958), Calvert Casey (El regreso, 1962), Hilda Perera (Mañana es 26, 1960), Reinaldo Arenas (Celestino antes del alba, 1967), David Buzzi (Los desnudos, 1967), Pablo Armando Fernández (Los niños se despiden, 1968), Carlos Alberto Montaner (Perromundo, 1972), José Abreu Felipe (Siempre la lluvia, 1994), Roberto Valera Real (Este viento de Cuaresma, 1994) e Zoe Valdés (Te di la vida entera, 1997).
-
música cubana
[MÚS]
A música cubana é un conglomerado de achegas de raíces españolas, por parte dos conquistadores que introducen a estrutura melódica e os instrumentos de corda pulsada, e africanas, da man dos escravos que conservaron os seus tambores e os cantos profanos e relixiosos e que dotaron a música de diferentes instrumentos de percusión e mais do ritmo. Co paso dos séculos, a este proceso de fusión engadíronselle outros elementos provenientes doutras culturas (francesa, italiana, haitiana, etc) que exerceron grande influencia na cultura cubana. Entre os ritmos musicais máis salientables destacan, entre outros, a habanera, a salsa, o danzón, o bolero, a rumba, a conga, o mambo, a guajira, o chachachá e o son. As primeiras composicións son, na súa maioría, de carácter relixioso e vogal influenciadas pola tradición musical europea; neste eido destacan as obras de Esteban de Salas e de Juan París. No s XIX apareceron os primeiros exemplos dunha música autóctona cubana, representada polas contradanzas. Nesta época destacan, entre outros compositores e intérpretes, Manuel Saumell, Nicolás Ruiz Espadero, José Manuel Jiménez, José White, Claudio José Domingo de Brindis Salas e Cecilia Aritzi. De entre os compositores aínda influenciados polas correntes europeas cómpre nomear a Gaspar Villate, Laureano Fuentes e Guillermo Tomás. Non se pode esquecer a obra de, entre outros, Ignacio Cervantes, autor de danzas para piano mestura de romanticismo e nacionalismo musical; Eduardo Sánchez, autor da habanera Tú; Gonzalo Roig, autor de Quiéreme mucho e Cecilia Valdés; Mª Teresa Vera, compositora, cantante e guitarrista; Ernesto Lecuona; Amadeo Roldán, compositor de ballets e pezas orquestrais; Alejandro García Caturla, autor do poema sinfónico La Rumba; José Ardévol (1911-1981), compositor e director de orquestra, catalán establecido en Cuba dende os anos trinta; Edgardo Martín (1915), profesor do Conservatorio de La Habana e fundador do Colectivo Nacional de Compositores; Aurelio de la Vega (1925); e Leo Brouwer (1939), compositor e guitarrista. O s XX vai ser o detonante da música cubana por excelencia; a principios da centuria apareceu o bolero con obras de Alberto Villalón, Sindo Garay, Orlando de la Rosa e Isolina Carrillo; a agrupación Sexteto Habanero, creado contra o 1920 e dirixido dende 1952 por Manolo Furé; o Trío Matamoros; a Orquestra Van Van, fundada por Elio Revé; e La Machito Salsa Big Band, encabezada por Frank Raúl Grillo, coñecido como Machito; e as figuras de, entre outros, Roberto Faz, Arsenio Rodríguez e Félix Chapotín, representantes e difusores do son que terá o seu maior auxe nos anos cincuenta na figura do músico e compositor Benny Moré El bárbaro del ritmo (1919-1963), creador en 1953 da Banda Gigante. Así mesmo, sobresaen Manuel Corona, Miguel Matamoros, Antonio Mª Romeu, Ignacio Jacinto Villa Bola de Nieve, Dámaso Pérez Prado, impulsor e difusor absoluto do mambo con diferentes temas, como El cerezo rosa, Qué rico el mambo ou Silbando mambo, Paquito D’Rivera, Compay Segundo e Celia Cruz, unha das grandes voces da salsa. A finais dos anos sesenta xurdiu en Cuba un movemento artístico musical, impulsado polo Centro de Experimentación Sonora de La Habana, coñecido como La Nueva Trova Cubana. Representantes deste movemento son, entre outros, Amaury Pérez, Pablo Milanés, Silvio Rodríguez e Sara González. A salsa ten a súa época de maior esplendor a finais dos anos 80 e principios dos 90, a través do labor de numerosas orquestras e intérpretes. Así mesmo, entre outros, destacaron os cantantes José Luis Cortés, coñecido como El Tosco, Francisco Céspedes, Amaury Gutiérrez, Gloria Estefan e Lucrecia; e os pianistas Pepesito Reyes, Chucho Valdés, Guillermo Rubalcaba, Bebo Valdés, Gonzalo Rubalcaba, Omar Sosa e Alfredo Rodríguez.