cubeiro -ra
(< lat cuparĭu)
Persoa que se dedica á construción ou venda de cubas e toneis. Moitos teñen o seu propio obradoiro nas zonas viñateiras onde almacenan, a carón das portas, cubas, pipotes e os materiais propios do oficio. O seu traballo require de certa especialización; complementan a madeira co ferro, polo que precisan dun variado tipo de instrumentos, como aixolas, garlopas, cepillos de volta, marras, gato, etc. Ao teren todo o material disposto no seu obradoiro e coas táboas serradas, a primeira operación que realizan é a de recortar unhas tiras curvadas que forman o corpo das cubas; a continuación fáiselles o rexistro e logo prepáranse os aros, de madeira ou ferro, afiando os extremos. Cando teñen preparadas todas as partes fan a armazón con aros e preparan as tampas que pechan os costados. O cubeiro gozou dunha grande importancia social e nos refráns e cantares populares teñen sona de troleiros, de cantar e bailar ben, feito que se pode deber ao ritmo do golpe do mazo na madeira e nos arcos.