Culleredo
Concello da comarca e da provincia da Coruña, situado no Golfo Ártabro, ao N da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N cos concellos da Coruña e Oleiros (A Coruña), ao L cos de Cambre e Carral (A Coruña), ao S cos de Cerceda (comarca de Ordes) e A Laracha (Bergantiños) e ao O co de Arteixo (A Coruña). Abrangue unha superficie de 62,3 km 2 cunha poboación de 26.707 h (2007), distribuídos nas parroquias de Almeiras, O Burgo, Castelo, Celas, Culleredo, Ledoño, Orro, Rutis, Sésamo, Sueiro e Veiga. A capital municipal é o lugar de Tarrío, na parroquia de Culleredo, situado a 43° 17’ de latitude N e 8° 22’ de lonxitude O, 55 km ao N de Santiago de Compostela e 11 km ao S da Coruña. Está adscrito ao partido xudicial e á arquidiocese de Santiago.
Xeografía física
O concello de Culleredo está baixo o dominio climático oceánico húmido. Por mor da súa localización no Golfo Ártabro e pola influencia suavizadora mariña, a temperatura media anual supera os 13°C (13,3°C na estación do Burgo). A oscilación anual é moi feble, cuns 10°C, como resultado duns invernos moi temperados (con respecto ao contexto climático galego), cunha temperatura media no mes de xaneiro que alcanza os 9°C (8,9°C no Burgo), e uns veráns frescos, cunha temperatura media en agosto (o mes máis cálido) inferiro aos 19°C (18,4°C no Burgo). Polo que se refire á pluviometría, o total de precipitacións que se recollen ao longo do ano na estación do Burgo é de 1.132 mm. A disposición do Golfo Ártabro, a sotavento dos ventos húmidos do SO (protexido polas penechairas das comarcas de Soneira, Xallas e A Barcala) é a responsable desta moderación no volume de precipitacións. A distribución estacional das precipitacións amosa unha clara seca estival, xa que durante os meses de verán só se recollen o 12% do total anual. A estación máis chuviosa é o inverno, no que se recolle unha media do 37% das chuvias do ano, mentres que a primavera e mais o outono adoptan un papel de estacións de transición e quedan en valores medios, ao rexistraren, respectivamente, o 24% e o 27% do total anual. Este réxime pluviométrico ten como consecuencia un lixeiro déficit hídrico estival, concentrado especialmente no mes de xullo, cando o volume das precipitacións descende a uns 28 mm mensuais. O relevo de Culleredo ascende dende o N, na desembocadura do río Mero na ría do Burgo (no límite cos concellos veciños de Oleiros e A Coruña), cara ao S, onde se erguen os montes do Xalo; este macizo granítico, aliñado en dirección L-O, culmina no propio Monte Xalo (a 570 m de altitude) e cingue, de forma circular, o S do municipio de Culleredo, de xeito que serve de límite co concello de Cerceda (comarca de Ordes). No O, os montes do Xalo presentan unha continuidade espacial cos montes de Bregua e da Zapateira, de menor altitude. No L o relevo caracterízase por ser plano, aberto á chaira litoral das Mariñas, cara aos concellos de Cambre e Oleiros. Entre o macizo do Xalo e a ría, o relevo descende gradualmente por vales, como o do río Valiñas (que ocupa o sector central do termo municipal en dirección NO-SL ata a súa desembocadura na ría do Burgo) e a chaira litoral da marxe esquerda da propia ría do Burgo, onde se asenta un importante volume de poboación con claras características periurbanas, nunha clara continuidade espacial coa cidade da Coruña), nos núcleos de Acea de Ama e O Burgo (ambos os dous na parroquia do Burgo). A rede hidrográfica de Culleredo localízase, case na súa totalidade, dentro da conca do río Mero, que forma a ría do Burgo. Así, o río Mero discorre polo L do concello e serve de límite natural con Oleiros e Cambre. O río Valiñas, afluente pola esquerda, discorre polo centro do municipio e desauga no Mero despois de percorrer a veiga de Celas. O outro sistema fluvial é o do río Arteixo, que nace no lugar de Boedo (parroquia de Veiga) e discorre en dirección SL-NO cara á súa desembocadura. A vexetación é fundamentalmente obra da acción antrópica. Dende o punto de vista forestal destacan grandes extensións de eucaliptos e piñeiros. A propagación destas especies forestais de crecemento rápido realizouse en prexuízo das tradicionais especies de árbores frondosas autóctonas, como o carballo (Quercus robur), que é a especie clímax, ou outras especies, como os castiñeiros.
Xeografía humana
Ao formar parte da área metropolitana da Coruña, o concello de Culleredo rexistrou nas últimas décadas do s XX unha dinámica demográfica estreitamente vinculada á evolución da cidade rectora, en constante crecemento ao longo de todo o século pola súa condición de centro económico receptor de poboación. Así, presenta unha evolución positiva, que mantivo ao longo de case que toda a serie censual, agás no primeiro quinto do s XX, no que coñeceu pequenas perdas de poboación nos dous períodos intercensuais (1900-1910, cunha perda de 81 h, e 1910-1920, cunha perda de 99 h) debido a circunstancias conxunturais que non tiveron maior repercusión nunha tendencia constante ao crecemento dende 1887, ano do primeiro censo da serie. A poboación en 1887 era de 6.794 h, e en 1930 medrara ata os 8.004 h. Sen dúbida ese crecemento non se debeu aos fenómenos de difusión urbana, que máis tarde se haberían de producir dende a cidade da Coruña, senón á complementariedade de recursos que xurdía do carácter litoral de Culleredo e da súa situación nunha área dinámica tanto na demografía coma na economía, como o Golfo Ártabro. Na década de 1930-1940, marcada pola Guerra Civil (1936-1939), a poboación deste concello aumentou a un ritmo anual do 0,7% ata chegar aos 8.603 h en 1940. En 1950 a poboación medrou ata os 8.738 h, pero no censo de 1960 descendeu ata os 8.520 h. A década dos sesenta marcou o comezo do moderno crecemento de Culleredo; en 1970 acadou os 9.962 h, pero foi na década seguinte cando se consolidou o ascenso demográfico do municipio, a consecuencia da saturación do mercado da vivenda na cidade da Coruña. Culleredo comezou a medrar como parte da incipiente área metropolitana coruñesa. En 1981 a poboación era de 13.129 h, feito que supuxo un crecemento anual do 2,8%. Malia que este crecemento diminuíu ao longo da década dos oitenta, cun ritmo inferior (1,1% de media anual), nos noventa asistiuse de novo a unha reactivación económica de Culleredo, materializada na construción de grandes urbanizacións nos contornos da ría do Burgo. En 1996 a poboación ascendía a 18.513 h, feito que supuxo un crecemento anual medio do 5,3%, ata acadar o máximo poboacional de toda a serie censual. En 2001 a poboación ascendeu 1 22.348 h e en 2007 o ascensou continuou: 26.707 h en 2007. En 2006 o crecemento natural foi positivo (4,6‰) froito dunha alta natalidade (11,5‰) e unha baixa mortalidade (6,9‰). A estrutura por idades reflicte o seu dinamismo demográfico, xa que a poboación adulta en idade activa supón o 67,6%. A poboación maior de 65 anos só é o 13% e a poboación menor de 20 anos supón o 19,3% do total. A Por sexos dominan as mulleres, 52,25% fronte ao 48,74%.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Culleredo é do 60,7% (72% a masculina e 50% a feminina); a taxa de ocupación é do 53,7% (66,3% a masculina e 41,9% a feminina) e a taxa de paro é do 11,5% (8% a masculina e 16,3% a feminina). Culleredo é un concello con características urbanas (cando menos na zona setentrional), caracterizado pola terciarización da súa economía. Nela, o peso do sector primario é moi cativo, pois só lle dá emprego ao 2,4% da poboación, que se corresponde coas áreas de características máis urbanas do S do termo municipal (as parroquias situadas aos pés dos montes do Xalo). Entre as actividades agropecuarias, ten importancia a agricultura a tempo parcial, practicada por traballadores dos sectores secundario e terciario que residen nos seus lugares de nacemento e se desprazan a cotío aos seus postos de traballo, ben na Coruña ou ben nos lugares de concentración de emprego industrial, tanto dentro do propio concello coma fóra del. Cun total de 337 ha de superficie cultivada, o cultivo máis relevante é a pataca.
Polo que respecta á gandería, é pouco significativa; tan só merece especial atención o gando porcino, que conta con 2.279 cabezas reprodutoras e 350 de cebo (2005). Trátase dun tipo de gandería intensiva, con porcos estabulados en granxas industriais, aínda que tamén existe a cría de porcino para autoconsumo. A seguinte especie por orde de importancia é o bovino, que conta con 550 cabezas (2007) e que se caracteriza pola súa aptitude mixta (cárnica e láctea), e por criarse en explotacións familiares de tamaño pequeno e mediano. O sector secundario presenta unha notable importancia no concello, xa que lle dá emprego ao 30,8% da poboación ocupada (19% na industria e 11,8% na construción). Este concello é un importante núcleo concentrador da actividade industrial na área metropolitana da Coruña, e proba disto é a presenza de industrias químicas (fertilizantes, cosméticos e refinerías de aceite), metalúrxicas e de materiais de construción. A tradicional localización industrial á beira da ría do Burgo desprazouse a enclaves máis dispersos (Fonteculler, Acea de Ama, O Burgo e a estrada nacional N-550), despois da execución do proxecto de rexeneración urbana na antiga fábrica de Cros. Paralelamente ao gran crecemento demográfico de Culleredo, o sector terciario experimentou un forte incremento que o sitúa como a actividade máis destacable no municipio, xa que lle dá emprego a un 66,7% dos traballadores censados nel: a actividade terciaria máis relevante é o comercio. A rede de comunicacións está integrada por un denso nó viario, formado, en primeiro lugar, pola autoestrada do Atlántico AP-9, que percorre o norte do municipio e bordea O Burgo polo S. Tamén pasa polo concello a estrada nacional N-550 (A Coruña-Vigo), que ten carácter de travesía urbana no continuo suburbano do Portazgo-Vilaboa-Rutis. Esta estrada comunica, así mesmo, a cidade herculina co aeroporto de Alvedro. Completan a rede viaria unha rede de estradas locais e pistas que comunican entre si todos as parroquias e lugares coas vias principais. A liña de ferrocarril A Coruña-Monforte de Lemos percorre o N do concello, ten parada na estación do Burgo-Santiago e un apeadeiro en Bregua.
Historia
Dende o s X o núcleo do Burgo, dentro do actual concello de Culleredo, viuse favorecido pola súa situación no fondo da ría do Burgo, feito que lle proporcionaba unha maior seguridade fronte á poboación da Coruña, que sufriu frecuentes ataques normandos. A poboación do Burgo desenvolveuse durante os séculos seguintes e acadou grande importancia no s XII, pero no século seguinte, coa mellora da seguridade marítima, A Coruña recuperou a súa posición dominante. Non obstante , o núcleo do Burgo converteuse en punto de paso obrigado para os peregrinos que dende A Coruña se dirixían en peregrinación a Santiago de Compostela polo Camiño Inglés. Os templarios instaláronse preto de Acea de Ama e, trala extinción da orde, o señorío do Burgo pasou á casa de Andrade (s XIV). A ponte do Burgo foi escenario da Guerra de Independencia en 1809, cando o xeneral inglés John Morre ordenou a súa voadura para gañar tempo no embarque das súas tropas cara a Inglaterra. No Antigo Réxime as parroquias que integran o actual concello de Culleredo pertencían a tres xurisdicións: a da Coruña, de reguengo, que incluía as parroquias de Almeiras, O Burgo, Castelo, Celas, Culleredo, Ledoño, Orro, Sueiro e Veiga; a de Miraflores, da que formaba parte a parroquia de Rutis, señorío do conde de Lemos; e a de Sésamo, coa parroquia homónima, que estaba baixo o poder duns fidalgos, os Quiroga. A promulgación en Cádiz da primeira Constitución española (19.3.1812) significou a supresión deste sistema señorial e a súa substitución por unha administración municipal, que neste territorio se concretou na formación do concello de Miraflores, adscrito ao partido xudicial da Coruña e á provincia de Galicia. Restaurado o Antigo Réxime en 1814, volveuse á administración señorial. Un novo período municipalista entre 1820 e 1823 (Trienio Liberal) tivo como feito máis destacado a súa inclusión na nova provincia da Coruña. Despois dunha segunda derrogación da Constitución decretada polo Rei Fernando VII, volveuse á administración señorial; esta desaparecería definitivamente en 1835, cando se creou o concello de Alvedro na parroquia de Almeiras, formado por parroquias que antes pertenceran aos concellos de Oza, Carral e Cambre. Dende entón non se produciron variacións na composición interna das parroquias; tan só cambiou o nome do concello, que pasou a denominarse Culleredo en 1864, ao trasladarse a capital municipal a esa parroquia.
Patrimonio cultural
Consérvanse restos arqueolóxicos no Monte Salo (Cela) e no castro de San Cosme, en Sésamo. Entre as construcións de carácter relixioso destacan as igrexas de Santo Estevo de Culleredo, de orixe románica, Santiago do Burgo (s XII), Santa María de Celas (s XIII), o Divino Salvador de Orro (s XII), Santa María de Rutis e a ermida de San Cosme de Sésamo (s XII). Na arquitectura civil destacan a casa de Ombre, o pazo de Vigo Vidín e a casa dos Vales en Almeiras; o pazo de Vilaboa e o pazo de Conduzo en Rutis; e as casas de Orro con fachadas dos ss XV e XVI. En canto á arquitectura militar e defensiva, cómpre mencionar a torre de Celas (s XIV), declarada BIC en 1994. Na parroquia do Burgo e no límite co concello de Cambre está a ponte do Burgo (ss XIV-XV). Entre as zonas de interese paisaxístico sobresae o monte Xalo, con vistas sobre o concello e as mariñas. Entre as festas que se celebran no concello destacan a de Santiago Apóstolo, no Burgo, a romaría de San Cosme e San Damián, en Sésamo, e as de san Roque, ademais da festa gastronómica da Cereixa en Celas.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | A CORUÑA |
|---|---|
| Comarca | Coruña, A |
| Extensión | 61 Km2 |
| Poboación Total | 26707 h |
| Poboación Homes | 13019 h |
| Poboación Mulleres | 13688 h |
| Densidade de poboación | 437.82 h/Km2 |