Cuntis

Cuntis


Concello da comarca de Caldas, situado na provincia de Pontevedra no O da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N e ao L co concello da Estrada (comarca de Tabeirós-Terra de Montes), ao S cos de Campo Lameiro (comarca de Pontevedra) e Moraña, e ao O cos de Caldas de Reis e Valga (estes tres últimos da comarca de Caldas). Abrangue unha superficie de 79,8 km 2 cunha poboación de 5.184 h (2007), distribuídos nas parroquias de Arcos, Cequeril, Couselo, Cuntis, Estacas, Piñeiro, Portela e Troáns. A capital do concello é a vila de Cuntis, situada a 42° 37’ de latitude N e 8° 33’ de lonxitude O, 27 km ao N de Pontevedra e 26 km ao S de Santiago de Compostela. Está adscrito ao partido xudicial de Caldas de Reis e á arquidiocese de Santiago.
Xeografía física
O concello de Cuntis está baixo o dominio climático oceánico húmido con tendencia á aridez estival. As temperaturas son moderadas ao longo do ano e a media anual é de 14,6°C. O mes máis frío é xaneiro, con 7,9°C de media, mentres que os máis cálidos son xullo e agosto, con 19°C. A oscilación térmica é de 11,1°C, unha leve variación que vén dada polos suaves invernos e temperados veráns, debido á influencia do Océano Atlántico. As precipitacións son elevadas, pois superan os 1.800 mm de media anual. A súa localización próxima ao océano permite a influencia dos ventos húmidos procedentes do mar, factor que orixina este importante volume de precipitacións, que teñen unha distribución estacional bastante desequilibrada: no inverno recóllese o máximo volume de precipitación, o 36,27% do total anual, mentres que no verán só se recolle unha media do 9,71%. Como consecuencia deste réxime pluviométrico rexístrase un déficit hídrico no mes de xullo. Polo que respecta ao relevo, este concello inscríbese nun val cunha altitude media de 200 m. O río Gallo, afluente do Umia, discorre en dirección N-S e é o eixe director do val. Os movementos tectónicos fracturaron o material granítico, dominante neste sector, e formaron un val amplo e homoxéneo flanqueado por dous conxuntos montañosos: o monte de Xesteiros (de 718 m de altitude) ao NO e a cadea montañosa que percorre de N a S o límite oriental (pendentes dos montes Arca e Cregos). O val é unha superficie chaira con algúns outeiros. As formacións montañosas están cubertas por un gran manto forestal, que ocupa o 41% da superficie municipal. Nas ladeiras quedan restos do bosque caducifolio orixinal. A partir dos 500 m de altitude predomina a matogueira.
Xeografía humana
O concello de Cuntis experimentou durante o s XX unha evolución demográfica que, expresada en termos gráficos, reflicte unha curva case que perfectamente simétrica, primeiro ascendente e logo descendente, cun punto de inflexión no que sería o seu centro xeométrico, é dicir, na mostra censual de 1950, cando acadou o seu máximo poboacional (7.790 h). No censo de 1900 rexistrábanse 5.866 h, cifra da que só baixou lixeiramente no padrón de 1996. Desde o ano 1900 ata 1920 a poboación aumentou un 14,5% grazas a un forte incremento natural (elevada natalidade e mortalidade en descenso). Despois, e ata a Guerra Civil, os efectivos humanos descenderon moi lixeiramente por mor da intensificación dos fluxos emigratorios dirixidos principalmente cara a Hispanoamérica. Nos anos da posguerra, Cuntis coñeceu unha nova etapa expansiva, debido á imposibilidade de emigrar que impuñan as circunstancias dun mundo inmerso na Segunda Guerra Mundial. A partir de 1950, o concello iniciou un proceso de declive demográfico que significou unha perda de máis da cuarta parte da súa poboación. Nun primeiro momento, a emigración cara ás áreas máis industrializadas de Galicia, España e o resto da Europa Occidental foi a causa deste descenso. O avellentamento e a emigración dos máis novos cara ás áreas metropolitanas de Vigo e urbanas de Santiago de Compostela e Pontevedra, explican a tendencia á baixa da poboación ao remate do s XX e o inicio do s XXI mantén a tónica de perda de poboación: -6,25% (2001-2007). Os maiores de 65 anos representan o 25,7% da poboación total, mentres que os menores de 20 anos son o 14,1%; o grupo intermedio representan o 60,3%. A distribución por sexos está moi desequilibrada a prol das mulleres, o 53,49% da poboación fronte ao 46,50% dos homes. O crecemento natural (2006) foi negativo (-6‰) froito dunha baixa natalidade (6,3‰) e unha alta mortalidade (12,6‰).
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Cuntis é do 49,7% (64,6% a masculina e 37,3% a feminina); a taxa de ocupación é do 44,5% (60,1% a masculina e 31,6% a feminina) e a taxa de paro é do 10,4% (7,1% a masculina e 15,3% a feminina). A estrutura do emprego amosa unha maioría de traballadores na industria e na construción, que reúnen conxuntamente o maior volume de poboación ocupada, co 21,6% e o 23,9% respectivamente, reflexo da importancia do sector secundario. As industrias están orientadas á transformación de materias primas. A derivada da madeira é a de máis tradición; destacan os serradoiros, as carpinterías e, no sector do moble, as fábricas de cadaleitos. Noutros subsectores cómpre destacar, ademais da industria láctea CELGA, dedicada á fabricación de queixo, CEDONOSA, a principal fábrica do municipio en canto a emprego, investimentos e facturación, especializada na elaboración de materiais refractarios para a industria cerámica. Tamén sobresae o grupo CYRSA, que elabora cubertas téxtiles e velas para embarcacións deportivas. No sector terciario, que acolle o 43,6% dos ocupados, destaca o turismo derivado dunha grande actividade balnearia. O balneario é un elemento identificador da vila de Cuntis, unha estación termal que ofrece unha ampla variedade de servizos baseados nas calidades benfeitoras das súas augas sulfurosas hipertermais. A paisaxe, a gastronomía e a vantaxosa situación do concello favorecen a oferta deste turismo de saúde. Ademais do hotel balneario, hai outros establecementos hoteleiros e de restauración. Non obstante , non todo o sector terciario se apoia nestes servizos, tamén destacan a actividade comercial e a administrativa. A vila de Cuntis reune a maioría dos establecementos comerciais e financeiros do concello, e constitúe o seu centro de servizos, malia que mantén unha dependencia funcional con respecto a Caldas de Reis, así como con Santiago de Compostela. O sector primario, ocupación principal do 11% dos traballadores residentes no concello, e principal actividade económica ata finais do s XX, viuse desprazado pola industria e os servizos. Aínda así, gran parte da poboación ocupada noutros sectores practica a agricultura como actividade complementaria das economías domésticas. A superficie agraria útil municipal é de 1.472 ha. Ademais existen granxas industriais avícolas. Entre as infraestruturas e servizos do concello cóntase cun centro de atención sanitaria primaria, oito centros de educación infantil e primaria, así como varias entidades financeiras e instalacións deportivas. A principal vía de comunicación é a estrada nacional N-640, corredor transversal que comunica o concello de Cuntis coa estrada nacional N-525 e coa vila de Caldas de Reis. Outras estradas locais complementan a rede viaria do concello.
Historia
A antigüidade do poboamento do concello maniféstase nos gravados rupestres conservados nas parroquias de Cequeril e Cuntis. Nos arredores de Cuntis estivo situada a poboación prerromana dos cilenos Aquae Calidae. O asentamento de Aquae Celenae tamén puido localizarse neste territorio. A vila de Cuntis naceu arredor duns mananciais de auga sulfurosa hipertermal e curativa, coñecidos durante a romanización. Lugar de peregrinaxe para os enfermos, nas súas fontes milagreiras atopáronse moedas cuñadas coa efixie dos emperadores Nerón e César Augusto en pago aos seus beneficios. Na Idade Media integrouse no señorío de Santiago. Durante o Antigo Réxime, as parroquias que integran o concello de Cuntis pertencían á xurisdición de Baños, que incluía as parroquias de Arcos, Baños, Cequeril, Couselo, Estacas, Piñeiro, Portela e Troáns, baixo o señorío do arcebispo de Santiago. A entrada en vigor da Constitución proclamada en Cádiz o 19 de marzo de 1812 supuxo a supresión deste sistema señorial e a súa substitución por unha administración municipalista, que se concretou na creación do concello de Baños de Cuntis, incluído no partido xudicial de Caldas de Reis e que estivo vixente durante os períodos 1812-1814 e 1820-1823. Se nun principio se adscribiu á provincia de Galicia, en 1822 incorporouse á provincia de Vigo. As causas da supresión do concello en 1814 e 1823 foron os decretos asinados polo Rei Fernando VII cun contido idéntico, nos que suprimía a Constitución e restauraba o Antigo Réxime. Trala morte do rei recuperouse o constitucionalismo e o municipalismo, e, con eles, o concello de Baños de Cuntis, que posteriormente recibiría o nome de Cuntis.
Patrimonio cultural
Os gravados rupestres da Laxe dos Homes, Outeiro dos Campiños, Outeiro do Casal e Outeiro do Galiñeiro, en Cequeril, e o gravado Cartas de Fóra en Cuntis, foron declarados BIC en 1974. Na arquitectura relixiosa destacan as igrexas de Santa María de Cuntis (s XVIII), San Miguel de Couselo, Santa María de Cequeril (s XVII), San Fiz de Estacas (s XVIII), co seu viacrucis arredor da igrexa, Santa María de Troáns (s XVIII) e San Breixo de Arcos de Furcos, cun cruceiro do s XVI. Entre as mostras da arquitectura civil cómpre salientar o Balneario, de orixe romana, reconstruído no s XIX, o Hospitalillo (s XVIII), a casa de Ximonde en Estacas (s XVIII), e as rectorais de San Fiz de Estacas (1614), Cequeril e Santa María de Troáns. Na parroquia de Cuntis está a ponte Taboada. Entre os monumentos públicos do concello destaca o Sagrado Corazón (1945), de Asorey, situado no parque de Maráns e o dedicado aos canteiros de Magín Picallo situado na praza da Constitución. Entre as numerosas festas que se celebran no concello sobresaen as do Corpus e dos Dores, en Cuntis; a do Cristo, en Estacas; a de San Ramón, na Anllada, e a de San Blas en San Mamede.

Datos de poboación (2007)

Provincia PONTEVEDRA
Comarca Caldas
Extensión 79 Km2
Poboación Total 5184 h
Poboación Homes 2411 h
Poboación Mulleres 2773 h
Densidade de poboación 65.62 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias