Columbán, san
(Leinster 540? - Bobbio, Lombardia 23.11.615) Monxe irlandés. Logo da súa estadía na abadía de Bangor, dedicouse a peregrinar predicando a fe cristiá, de xeito que contribuíu á evanxelización de Gran Bretaña, Borgoña e outras terras do continente europeo. No ano 610 foi expulsado pola Raíña Brunilde da corte de Borgoña; logo, visitou as cortes de Neustria e Austrasia, e pasou a Suíza e Italia. Fundou mosteiros como o de Luxeuil (Vosgos), o do Franco Condado e o de Bobbio, preto da cidade italiana de Pavia, que constituíu un auténtico centro de evanxelización e cultura para os lombardos. Celoso pola reforma dos costumes e a conversión dos infieis, creou unha regra (Regula Coenobialis) máis severa ca a benedicitina, en canto a traballo e estudio, que insiste nas prácticas ascéticas e penitenciais. Ademais, escribiu varias cartas, instrucións e poesías. Na iconografía leva como atributos o báculo abacial, un oso e unha fonte. A súa festa celébrase o 23 de novembro.