currículo
(< lat curricŭlu)
-
s
m
-
Conxunto de datos persoais, formación, actividades profesionais e méritos dunha persoa que presenta en determinadas circunstancias.
Ex: Vintecatro candidatos presentaron o seu currículo para o posto de redactor da enciclopedia.
-
Escrito ou documento no que se fai constancia dos datos persoais, formación, actividades profesionais e méritos dunha persoa.
Ex: Escribiu o currículo en papel de cores.
-
Conxunto de actuacións profesionais dunha persoa.
Ex: O seu longo currículo abrangue a representación de Hamlet en Broadway.
-
Conxunto de actividades non legais dunha persoa.
Ex: Era un delincuente cun currículo moi extenso e violento.
-
-
[PEDAG]
-
s
m
Proxecto de intencións que abrangue todos os axentes e ámbitos do sistema educativo que se articula sobre unha base teórica necesariamente fundamentada na práctica, e que unicamente ten sentido se está presente en todas as actividades educativas. Debe entenderse, polo tanto, como un proceso de relación global no que se dispoñen, interaccionando entre si, os obxectivos, os contidos, a metodoloxía, todas as decisións organizativas e mesmo os modelos avaliadores. Resulta, así, máis complexo e completo que o simple catálogo de metas, materias e principios que definían os tradicionais plans de estudios. O currículo esixe, para a súa correcta posta en práctica, o establecemento de relacións alicerzadas entre todos os elementos que o conforman. Por esta razón non resulta apropiado xustificalo unicamente baseándose nas actividades, por máis que na súa orixe o termo se empregase para designar explicitamente o conxunto de estudios realizados nunha institución educativa. Nos países do contorno anglosaxón, por exemplo, a idea de currículo chegou a ser equivalente ao conxunto de contidos das distintas materias que deberían adquirirse ao longo dun ciclo educativo. A presión exercida pola sociedade sobre os sistemas educativos materializouse nas reformas educativas emprendidas nos últimos trinta anos do s XX, que tentaban principalmente perfeccionar o currículo para lograr que estivese máis adaptado ás necesidades colectivas nacionais e mesmo ás esixencias da comunidade internacional. Pero tamén buscan conformalo de xeito máis coherente e equilibrado, tanto desde un punto de vista interno coma externo; e, sobre todo, máis flexible e adaptable. Nesta liña, nos últimos anos procurouse a actualización do currículo. Fálase así de modelos de desenvolvemento curricular que o comprenden como un proceso que inclúe unha determinación de obxectivos, opcións, valores, fins, contidos e saberes, destrezas, actitudes, estratexias de aprendizaxe e metodolóxicas, recursos e modelos de avaliación. En España a actual reforma educativa (LOXSE) estrutúrase segundo o modelo de currículo básico. Baseándose neste posicionamento, o propio ministerio de Educación define o currículo como o conxunto de obxectivos, contidos, metodoloxías e criterios de avaliación dun centro, nivel, etapa ou área educativa que regula a práctica docente. Desde outra perspectiva o currículo aberto, ademais de especificar os obxectivos de aprendizaxe, fai especial fincapé en describir, co maior grao de aproximación, a situación na que estes se deben tentar conseguir; pero ademais enumera os medios materiais e persoais que teñen que intervir no proceso, non obstante non define cál ten que ser a conduta final do alumno nin esixe unha forma específica de avaliación. Resulta, polo tanto, menos ríxido ao tempo que favorece a diversidade xa que respecta as capacidades e intereses individuais, pero, sobre todo, tenta contrarrestar a austeridade e excesiva determinación dos contidos, obxectivos e metodoloxías do currículo pechado (ou formal), entendido como un simple plan de aprendizaxe. O currículo aberto enténdese, segundo Lawrence Stenhouse (1982), como unha tentativa para comunicar os principios e trazos esenciais dun propósito educativo, de forma tal que permaneza aberto á discusión crítica e poida ser trasladado efectivamente á práctica. A reflexión sobre o currículo converteuse na actividade central de toda reforma educativa porque está fortemente vinculada á revisión e determinación de obxectivos, á planificación dos medios e á produción de materiais didácticos, e, sobre todo, nunha aposta pola formación do profesorado. En calquera caso remata por se converter en fonte de conflitos entre os sectores sociais que integran o sistema educativo.
-
currículo oculto
Conxunto de aprendizaxes que se producen sen a intencionalidade do docente ou da institución educativa. Entre outros aspectos, habitualmente forman parte desta categoría de currículos os valores morais e as actitudes que sen ser explicitadas na planificación educativa se transmiten por imitación do profesor, por interacción social dos membros do grupo-clase, por contacto cos modelos que encarnan os adultos da comunidade educativa, polos valores implícitos no tratamento das informacións escolares e por outras circunstancias diversas que poden envolver o proceso de aprendizaxe.
-
s
m