curtidoiro
(< curtir)
Lugar onde se curten as peles. Trátase moitas veces de fábricas dotadas dunha particular arquitectura e afastadas dos núcleos habitados. A súa orixe forma parte da moderna industria do s XVIII, promocionada polo saber e a curiosidade do racionalismo. O espazo destinado para este traballo está constituído por unha serie de pías e trebellos de madeira, rodas, poleas, galpóns e dependencias onde se poden ver as diferentes fases do tratamento do coiro: espelicado, afeitado e lavado en auga con cal fresco, despois o paso pola pía de auga con casca, un forte relavado e unha nova inmersión en auga con casca, tanino, onde permanecen varios meses eliminando calquera resto de cal, casca ou carne; logo van ás diferentes fases de afeitado a coitelo, mazado, engraxado, secado, estiramento e dobrado. O tipo de pel empregada procede moitas veces dos animais do contorno, gando bovino, ovino e cabalar, así como as pelicas dos raposos ou lobos que ofrecen os cazadores.