Dalton, plan

Dalton, plan

Forma de introducir o ensino individualizado na escola. Helen Parkhurst, discípula de M. Montessori, iniciou este método en 1904 e realizou as súas experiencias ata 1915. O plan desenvolveuse enteiramente na High School de Dalton (Massachussetts), localidade que lle deu nome e, dende alí, estendeuse a outros países. Este plan baseábase en tres principios pedagóxicos: liberdade do alumno para escoller e organizar o seu propio traballo, xa que cada un deles organiza as súas unidades didácticas; fomentar as relacións sociais mediante a cooperación, inspirada en Dewey; e aumentar a independencia e individualidade do alumno para manifestarse tal como é, e interpretar o mundo baixo o seu punto de vista. Segundo o plan de traballo, este organizábase en fraccións, é dicir, cada alumno debía dominar unha fracción do programa para pasar á seguinte, empregando nese obxectivo todo o tempo que lle fose necesario segundo o seu ritmo de aprendizaxe. As tarefas organizábanse en seis laboratorios (lingua, literatura, aritmética, xeografía, historia e debuxo), que se convertían en aulas-laboratorio nas que o alumno ía cumprindo o seu “contrato” anual respecto a cada materia, baixo a dirección dun mestre especializado, convertido nun consultor-guía. Este debía proporcionarlle ao alumno as orientacións metodolóxicas e bibliográficas precisas para realizar individualmente ou en grupo as tarefas marcadas.