dandismo
(< dandi)
-
s
m
Calidade de dandi ou comportamento propio dun dandi.
-
s
m
[LIT]
Actitude estética cultivada entre o s XIX e comezos do s XX e vinculada ao romanticismo e ao modernismo. Iniciouse en Inglaterra no seo da aristocracia, como reacción contra o ascenso da burguesía e a imposición do capitalismo. Supón unha fuxida cara a un mundo ideal, afastado do vulgar da realidade. Considérase que o primeiro dandi foi George Bryan Brummel (1778-1840), a quen seguiron Lord Byron e, posteriormente, Oscar Wilde. O fenómeno estendeuse a Francia, baixo a influencia do conde d’Orsay, a través de escritores, como A. de Musset, Honoré de Balzac, Barbey d’Aurevilly e Ch. Baudelaire. Co tempo introduciuse noutros países, aínda que a súa pegada foi menor. A súa máxima fundamental é facer da vida unha obra de arte, deste xeito, o individuo convértese en autor da súa vida persoal, que desenvolve e planifica conscientemente, e en actor do seu propio drama, que monta para os demais. A súa posta en escena defínese pola imperturbabilidade ante as peripecias da vida, que combina coa forza de vontade e a habilidade para provocar a estrañeza e o desconcerto nos demais, polos que sente ou simula unha certa indiferencia. Caracterízase pola veneración do elegante e do refinado, pola afectación intelixente das conversas e polo desmedido coidado dun vestiario extravagante e luxoso, que se interpreta como expresión da personalidade. A maior parte dos seus cultivadores foron burgueses renegados da súa clase, que emulaban con certa nostalxia os modos de vida aristocráticos. O movemento tivo a súa plasmación literaria en personaxes como Rastignac e Lucien de Rubempré, en La Comédie humaine (A comedia humana, 1842-1848), de Balzac; o protagonista de The piture of Dorian Gray (O retrato de Dorian Gray, 1891), de O. Wilde; e Jean Floressas en Á rebours (Á inversa, 1884), de J. K. Huysmans. Así mesmo, escribíronse tratados que fixaron o mito, en particular, Du dandysme et de George Brummel (Sobre o dandismo e George Brummel, 1844), de B. d’Aurevilly, e Le peintre de la vie moderne (O pintor da vida moderna), de Ch. Baudelaire. Aínda que o movemento en sentido estricto rematou coa entrada do s XX, nunha acepción máis ampla, o termo pode referirse a actitudes de momentos históricos anteriores e, especialmente, posteriores. En Galicia, figuras como Aurelio Aguirre, Vicente Risco ou Eduardo Blanco Amor adoptaron algunhas actitudes propias do dandismo, como a elegancia extrema ou a afectación no discurso.