Daphnia

Daphnia
[ANIMAL]

Xénero de crustáceos, da orde dos cladóceros, de ata 3 mm de lonxitude, con catro ou seis parellas de apéndices torácicos e cunha cuncha transparente formada por dúas valvas, da que sae só a cabeza. Posúen antenas grandes, que lles serven para nadar, e ollos laterais. Viven en augas de pouca corrente ou en charcas e lagoas. Aliméntanse de algas microscópicas e sérvenlles, á súa vez, de alimento aos peixes. Viven de 3 a 4 semanas e reprodúcense cada 48 horas, durante o verán, mediante partenoxénese. Os ovos desenvólvense na cavidade incubadora, disposta entre o corpo e a cuncha. No outono nacen machos, de pequeno tamaño, que fecundan as femias. Os ovos fecundados están provistos dunha grosa capa de quinina que os fai resistentes ao inverno, e dan lugar na primavera a novas femias. Non presentan fases larvarias e os animais que nacen dos ovos teñen unha aparencia similar, agás no tamaño, aos exemplares adultos. Presentan unha alta sensibilidade aos tóxicos, aféctalles a presenza de mercurio, pesticidas e residuos industriais aínda que estean presentes en moi baixas concentracións. Esta característica fai que se empreguen como bioindicadores e para a realización de bioensaios. Establécese con estes animais unha toxicidade aguda, capaz de matar ou inmobilizar o 50 % das Daphnias que se instalen na auga que se vai analizar despois de 48 horas, e unha toxicidade crónica que afecta á súa capacidade de medra ou de reprodución. Mediante estas análises, é posible coñecer a incidencia de efluentes industriais nun ambiente acuático. Na Península Ibérica están presentes as especies D. cucullata, D curvirostris, D. galeata, D. longispina, D. obtusa, D. parvula, D. pulicaria, D. rosea, D. atkinsoni, D. bolivari, D. hispanica, D. magna, D. mediterranea e D. similis. Reciben a denominación popular de pulgas de auga.