dativo
(< lat datīvu)
-
adx
[DER]
Aplícase ao titor ou curador nomeado por orde xudicial por ausencia de titor ou curador testamentario ou lexítimo.
-
adx
[DER]
Aplícase á tutela diferida por un mandamento xudicial.
-
s
m
[LING]
Caso do paradigma da flexión nominal dalgunhas linguas indoeuropeas, como o sánscrito, o grego ou o latín. Foron os gramáticos gregos os que legaron o concepto moderno de caso como categoría de declinación dos nomes e doutras palabras flexivas afíns. Xunto co acusativo e o xenitivo, incluíron o dativo no grupo dos chamados casos oblicuos (πλάγιαι) por ser lateral a súa relación co verbo, para diferencialos do nominativo, o caso directo ou recto (εὐζεῐα) do que os demais eran unha mera desviación, unha caída (πτῶσις). Os gregos, que tiñan do funcionamento da lingua unha concepción condicionada polas diversas realidades extralingüísticas, definiron este caso a partir da consideración dos “significados” que completaba e chamárono (πτῶσις) δοτικ,ῆ ou ἐπισταλτικ,ῆ, é dicir, o caso que vai ligado aos verbos que significan “dar” ou “dirixir”. Os gramáticos latinos limitáronse a traducir a nomenclatura grega e do (casus) dativus latino herdouse esta denominación. O dativo expresa fundamentalmente unha idea de atribución, participación ou interese. Indica a persoa ou a cousa interesada de maneira indirecta na acción que se menciona, é dicir, a persoa a quen se lle dá algo ou que se ve afectada polo dano ou proveito dunha acción. Nas linguas clásicas diferenciábanse diversos usos do dativo. O de complemento indirecto de verbos transitivos ou intransitivos era o máis importante e tamén o máis frecuente: Dominus servo agrum monstrat (‘O señor amósalle o agro ao servo’) ou Dominus servo favet (‘O señor favorece o servo’). En latín o verbo esse e algúns verbos de movemento, como mittere, parecen esixir un dativo que se deu en chamar de finalidade ou efecto, porque serve para indicar o fin ou o efecto que unha cousa ten: Auxilio esse (‘Servir de axuda’), Auxilio mittere (‘Mandar como axuda’). Estes verbos e outros con significados semellantes adoitan levar, ademais do dativo de finalidade, outro dativo de persoa interesada; constitúese, así, unha construción de dobre dativo: un de cousa (o de finalidade ou efecto) e outro de persoa afectada ou interesada. Neste tipo de construcións o dativo de cousa non fai máis que precisar, por xustaposición, o dativo de persoa: Flumen est impedimento militibus (‘O río é un obstáculo para os soldados’). O dativo posesivo aparece moito en grego co verbo εîναι e en latín co verbo esse e indica a persoa que ten algo á súa disposición. Adoita traducirse por ‘ter’: Est mihi liber (‘Teño un libro’). O dativo simpatético latino defínese como un dativo equivalente a un xenitivo ou a un adxectivo e o seu valor é meramente afectivo: Pater nobis decessit (‘Morreunos o pai’). O dativo ético en latín, moi relacionado co anterior, consiste no uso das formas do pronome persoal en dativo para indicar a persoa que toma un interese particular no que a oración expresa: Quid mihi Celsus agit? (‘Que tal se porta o meu Celso?’). O dativo de relación ou dativo iudicantis indica a persoa con respecto á cal é certo o dito na oración; expresa, polo tanto, o punto de vista: Quinta formosa est multis (‘Quintia é fermosa en opinión de moitos’). Outros usos do dativo son o dativo axente, que representa a persoa axente dun verbo en forma pasiva: Patria omnibus amanda est (‘A patria ha de ser amada por todos’); os dativos circunstanciais gregos (instrumental, causal, modal, locativo ou temporal); o dativo complemento de adxectivos: Utilis rei publicae (‘Útil ao estado’) e o dativo complemento de adverbios. En grego, ao carecer esta lingua de caso ablativo, o dativo podía levar preposición, sobre todo cando tiña valor locativo ou instrumental. En latín non levaba preposición, pero xa desde Plauto alternaba en función de complemento indirecto co xiro ad + acusativo. Coa perda da función casual, nas linguas da Península o acusativo latino converteuse no caso universal de onde proceden a inmensa maioría dos substantivos e adxectivos, pero un pequeno número de vocábulos derivan doutros casos. En galego só se mantiveron restos de dativo nalgunhas formas do pronome persoal (min < lat MĬHĪ, ti < TĬBĪ, si < SĬBĪ). A perda da flexión casual implicou, nas linguas románicas, o uso das preposicións para designar funcións que antes lles correspondían aos casos. Para desempeñar a función de complemento indirecto, típica do dativo, o galego emprega fundamentalmente as preposicións a e para (Deixoulle o libro a túa irmá. Cólleme un impreso para min). Tamén se poden usar formas átonas do pronome persoal: me (Explicoume o sucedido), che (Collinche un lapis), lle (Ensinoulle a escribir), nos (Leunos uns parágrafos do libro), vos (Deivos unha sorpresa coa miña chegada) e lles (Escoitoulles dicir que marchaban). Ademais da de complemento indirecto, no galego coñécense outras funcións do dativo. Distínguese un dativo posesivo ou simpatético que indica posesión, pertenza ou outros valores similares con respecto a un elemento da frase que designa partes do corpo, obxectos persoais, parentesco, etc, é dicir, relacións que, sen indicaren propiamente posesión, se expresan polos mesmos recursos ca esta (Desafineille o piano. O cativo éralle bisneto. Perdeume a carteira. Tiroume das orellas). O dativo de solidariedade galego implica o interlocutor nos feitos que se narran ou nas opinións que se expresan, aos que en principio era alleo, procurando a súa solidariedade, complicidade ou simplemente unha maior aproximación afectiva entre el, a mensaxe e o emisor; só se poden usar con esta función os pronomes che e vos ou, como formas de tratamento cortés, lle e lles (Este rapaz éche o demo). Neste tipo de construción, o pronome che pode acompañar expletivamente a un dos outros pronomes de solidariedade, sobre todo a vos (Arrincáronchemevos as follas das mans). Este dativo é compatible co dativo complemento indirecto (Dende aquela, nunca che me volveu mirar para a cara). Finalmente, o dativo ético ou de interese é o que se emprega en galego cando se ten un interese especial na acción porque dela se produce un beneficio ou un prexuízo (O porco críaseche moi ben), a súa presenza tamén é compatible coa do dativo complemento indirecto (Deus lle me dea saúde ao meu fillo) e co de solidariedade (Morréuchelleme o carneiro a miña nai). Algunhas linguas de orixe indoeuropea aínda conservan o caso dativo, como o romanés (un dativo-xenitivo: doamne < DOMINAE), o checo, o ruso ou o alemán. O grego moderno perdeu o caso dativo, que foi substituído polo xenitivo ou o acusativo (con preposición ou sen ela).