David
Antropónimo masculino derivado do hebreo Dawidh ‘amado’ ou do antigo asirio dâwidum ‘comandante das tropas reais’. Presenta a variante Davide e documéntase no s X: “Dauid” (doc ano 902 en Manuel Lucas Álvarez, El tumbo de san Julián de Samos (siglos VIII-XII), 1986, p 122). Na tradición veterotestamentaria, David foi rei de Xudea e Israel (1010 a C-970 a C), a quen se lle atribúen 73 salmos, o Salmodio, libro de cánticos hebreos. É patrón dos músicos e dos poetas e celébrase o 29 de decembro. Desde a Idade Media tamén se atesta funcionando como un apelido patronímico: “Iohannes Daviiz” (doc ano 1105, J. I. Fernández de Viana y Vieites/Mª T. González Balasch/J. C. Pablos Ramírez, El tumbo de Caaveiro, 1996, p 412), “Iohannes Daviit” (doc ano 1143, J. I. Fernández de Viana y Vieites/Mª T. González Balasch/J. C. Pablos Ramírez, El tumbo de Caaveiro, 1996, p 397), “Petrus David” (doc ano 1190, J. I. Fernández de Viana y Vieites/Mª T. González Balasch/J. C. Pablos Ramírez, El tumbo de Caaveiro, 1996, p 40).