davidiano -na
-
adx
Relativo ou pertencente á seita dos davidianos.
-
s
m pl
Secta fundada en 1943 polo búlgaro Vic22tor T. Houteff (1885-1955). Emigrado aos EE UU, Houteff uniuse aos adventistas, dos que foi líder en Los Angeles nos anos vinte. Entre 1930 e 1932 publicou os dous volumes de The Shepherd’s Rod (A vara do pastor), onde sostiña que só 144.000 persoas formarían parte do Reino de Xesús Cristo (teoría das testemuñas de Xeová, non dos adventistas) e que antes da segunda vida de Cristo os elixidos deberían reunirse en Palestina. En 1934 a Igrexa Adventista do Sétimo Día condenou a súa obra. En 1935 Houteff fundou a editorial Shepherd’s Rod Publishing Association, que máis tarde mudou o nome por Universal Publishing Association e se trasladou a Waco (Texas), onde estableceu a súa sede no rancho Mount Carmel. Houteff consideraba esta organización como un movemento interno dos adventistas. A ruptura consumouse a causa do pacifismo radical do grupo de Waco, oposto incluso ao servizo civil en tempo de guerra e á participación en servicios auxiliares, admitidos polo adventismo oficial. En 1943 creouse a General Association of Davidian Seventh-day Adventists, con milleiros de seguidores nos EE UU, Reino Unido, Canadá e Australia. Adoptou o nome davidiano pola pretendida restauración do Reino de David no seu descendente Xesús. Trala morte de Houteff (1955), a súa muller, Florence, sucedeuno como líder; pero un sector dos davidianos non a aceptou e xurdiu unha escisión, a Branch Seventh-day Adventists (Branch Davidians), baixo a dirección de Benjamin Roden. Nun ambiente apocalíptico, Florence anunciou que o 22 de abril de 1959 Deus botaría de Palestina os árabes e os xudeus para fundar o reino davidiano. O 19 de abril de 1959 centos de davidianos de todo o mundo reuníronse en Waco á espera do día sinalado. Ao non se cumpriren as profecías, o 22 de decembro de 1961, Florence recoñeceu publicamente o seu erro, repudiou a teoloxía davidiana e en marzo de 1962 declarou a disolución da General Association. Non todos os seguidores aceptaron a decisión e un grupo estableceuse en Riverside (California) e Salem (Carolina do Sur). Ademais, en 1961 xurdiu en Los Angeles outro grupo máis achegado á doutrina dos adventistas do sétimo día, a Davidian Seventh-day Adventist Association, que estableceu a súa sede na granxa de Basham Hill (Missouri) e se converteu na maior organización davidiana, estendida por máis de 25 países. O grupo cismático de Roden organizouse nun rancho das proximidades de Waco. Ao igual que fixera Houteff, Roden, morto en 1978, designou como sucesora a súa muller Lois; ao finar esta en 1986 estoupou a loita da sucesión entre o seu fillo, George Roden, e Vernon Wayne Howell, nado en 1959 en Houston, que mudara o seu nome por David Koresh. Koresh ingresara antes nos Branch Davidians e principiara unha carreira musical cunha proposta de rock cristián. En 1987 os partidarios de Roden e Koresh enfrontáronse. Finalmente, Roden fuxiu de Mount Carmel e Koresh foi detido e procesado, aínda que en 1988 foi absolto por falta de probas. De volta a Waco, Koresh reforzou o seu liderado carismático ata o punto de que os seus seguidores o identificaron coa segunda encarnación de Cristo anunciada na Apocalipse. En 1992 a xustiza estadounidense recibiu denuncias sobre prácticas sectarias en Mount Carmel, como os abusos sexuais a menores. Koresh profetizou que os davidianos entrarían en conflito con forzas maléficas en 1995, que identificou co goberno dos EE UU, e comezou a acumular un arsenal que chamou a atención das autoridades. O 28 de febreiro de 1993, axentes do goberno acudiron a Waco cunha orde de detención contra Koresh, acusado de posesión ilegal de armas. Ante a súa negativa a entregarse (catro dos axentes morreron), o FBI sitiou Mount Carmel. O 19 de abril de 1993, o FBI asaltou o rancho, declarouse un incendio e 80 persoas morreron, entre elas Koresh.