DDT
Composto orgánico, derivado do difenilmetano, que constitúe un hidrocarburo haloxenado de acción biocida. Emprégase para a eliminación de insectos que se consideran unha praga para o home. Foi sintetizado por vez primeira polo químico Othmar Zeidler (1874) e a súa acción insecticida foi descuberta por Paul Müller (1939), feito que lle valeu a obtención do Premio Nobel en 1948. En condicións normais de presión, perde o estado de sólido aos 109°C; preséntase en forma de cristais brancos, cun cheiro intenso, insolubles na auga e solubles en acetona, éter, queroseno e tetracloruro de carbono. Sintetízase condensando, en ácido sulfúrico, cloral con clorobenceno e aplícase como sólido ou en disolución. Empregouse para o control dos insectos, parasitos do home, que constitúen vectores para o tifo, a malaria e a febre amarela. Aos poucos anos do seu emprego, comprobouse a resistencia dalgúns destes insectos ás doses administradas do veleno, polo que se fixo necesario ir incrementando esta dose para obter os mesmos resultados. Por outra banda, ao non ser biodegradable -e, xa que logo, bioacumulable-, comezou a afectar a outros animais, especialmente aves e mamíferos, entre eles ao home. Isto tivo como consecuencia que, a partir de 1972, se comezase a restrinxir o seu uso en países que, polo seu grao de desenvolvemento, puidesen optar por outros insecticidas menos perigosos. Non obstante , en moitos outros países pobres de climas cálidos, o DDT é o único método eficaz e asumible para o control das enfermidades que teñen os mosquitos como vectores de propagación, malia o grave risco que o seu emprego ten na saúde do medio ambiente e do home a medio e longo prazo.