De catro a catro
Único libro publicado en vida por Manuel Antonio (Editorial Nós, 1928), considerado o poemario capital da vangarda galega pola renovación poética e a asimilación das correntes vangardistas que supuxo no momento da súa publicación. Subtitulado Follas sen data d’un diario d’abordo, integran o libro dezanove poemas de curta extensión con trazos futuristas, creacionistas, ultraístas, cubistas ou hilozoístas escritos entre 1926 e 1927 durante a primeira navegación de prácticas do autor no pailebote Constantino Candeira. Diversos estudiosos -entre eles, R. Carballo Calero, Katheleen March, X. Ramón Pena e César Antonio Molina- sinalaron a influencia do creacionismo, recollida fundamentalmente do seu fundador Vicente Huidobro e recoñecida polo poeta, aínda que é un creacionismo moi persoal. A unidade temática e estrutural do libro maniféstase na súa inscrición na liña temporal dunha viaxe por mar e o autor concibe un mar inédito, creando unha linguaxe e unha realidade propia que se manifesta na utilización dunha metáfora continuada que presenta un mar abstracto e eterno e de creación persoal, xa que o poeta renuncia a toda retórica herdada. Outro tema central é o da soidade do suxeito no espazo e no tempo, reflectida en motivos sinónimos e complementarios, como a despedida/separación, o abandono, a nostalxia, a carencia, o fracaso e a morte. No primeiro poema, “Intencións”, amosa a ilusión e o entusiasmo do comezo da viaxe, expresadas a través da utilización de verbos en tempo futuro, mentres que o último, “Adeus”, representa o final da navegación e a volta á terra do poeta que experimentou a inmensidade cósmica e que conserva dela a chamada interior da saudade. Os dezasete poemas restantes son respostas a esa comuñón co mar e coa inmensidade, froito das horas vividas en contacto coa natureza e da reflexión e introspección das longas horas de navegación. A pescuda existencial e o ton de melancolía tradúcense na particular simboloxía empregada no libro, en particular nos ronseis que vai deixando o barco ao seu paso. A importancia do transcorrer do tempo queda reflectida na teimosa alusión a reloxos, agullas dos minutos, actos de cronometrar, almanaques, diarios, horas, etc. O mar convértese en interlocutor calado e distante e o silencio provoca a interpretación dos sinais visibles da paisaxe: ronseis, xerfas, arroaces, luceiros, faros ou barcos que aparecen no horizonte. Entre os recursos formais destaca o emprego dun léxico técnico e mariñeiro, expresións propias da linguaxe telecomunicativa, a utilización dos tempos verbais en futuro ou en presente habitual e as fórmulas reiterativas. Destacan tamén estratexias vangardistas, como a redución da adxectivación, o incremento no uso dos substantivos, a ausencia de puntuación, a expresividade da tipografía, a disposición visual dos textos, o rexeitamento da métrica e o gusto polo tecnicismo e o neoloxismo. A obra foi unhas das primeiras en reeditarse no exilio bonaerense en 1940 dentro da colección Dorna da editorial Emecé, con tradución de Rafael Dieste e con debuxos de Colmeiro. En 1972 Domingo García-Sabell encargouse dunha nova edición nas Obras Completas do poeta. Ademais, existen outras edicións bilingües, como a galego-castelá traducida por Miguel González Garcés en 1979 para a colección Adonais ou a galego-catalana realizada por Xavier Costa Clavell para a serie Ara e Avui.