Decameron
Colección de contos composta por Giovanni Boccacio entre 1348 e 1350, aproximadamente. Consta de cen relatos que se dividen por temas en dez xornadas, precedidas dunha introdución xeral e enmarcadas respectivamente por dez proemios e epílogos. A introdución conta o encontro nunha igrexa de Florencia de sete mulleres e tres mozos durante a peste de 1348, que deciden retirarse xuntos ao campo para evitar o contaxio e afastarse da atmosfera de dor e depravación moral que domina a cidade. Durante dúas semanas -agás venres e sábados- deciden entreterse narrando contos por quenda e ao final de cada sesión cantan unha balada. Tratan posibles aspectos da vida humana: avatares da fortuna; aventuras de amor que rematan infeliz ou felizmente; agudezas que exemplifican a habilidade e axilidade do enxeño, xogos burlescos e, tras unha recapitulación dos motivos máis destacados, preséntanse casos exemplares das principais virtudes cabaleirescas. A obra é unha manifestación das correntes de pensamento e ideais do seu tempo. O grupo de narradores persegue o ideal de cortesía herdado da nobreza medieval e adaptado á nova aristocracia xurdida nas cidades. Implica a distinción do vulgo a través da aspiración a unha vida libre de vicios míseros e opresivos, animada por grandes paixóns, como o amor, e virtudes, como a liberalidade, a magnanimidade, a capacidade de apreciar os méritos alleos e premialos dignamente, e o enxeño. O Paraíso e o Inferno manéxanse como nocións profanas e humanas, lonxe do significado relixioso de obras anteriores. Ningunha preocupación ultraterreal limita os personaxes, de xeito que o seu paraíso está nun mundo terreo de amores e cortesías que conteñen en si mesmos o seu premio e a súa fin. O léxico e o estilo non se limitan ás formas máis elevadas de construción, senón que acolle vocablos de elegancia estudiada, xunto a outros cotiáns e mesmo vulgares, e unha ampla mostra de recursos retóricos que apuntan aos distintos estilos.