décima

décima

(

  1. s f
    1. Cada unha das dez partes iguais nas que se divide unha unidade, especialmente de medida. OBS: Xeralmente seguido dun complemento con de.

      Ex: Comprou a décima parte das accións da empresa.

    2. Cada unha das dez partes nas que se divide o segundo.

      Ex: O segundo clasificado entrou dúas décimas máis tarde.

    3. Cada unha das dez partes do grao na medida da temperatura dun termómetro clínico.

      Ex: Tiña trinta e oito graos e unhas décimas de febre.

  2. s f [LIT]

    Estrofa composta por dez versos octosílabos con rima consonante, que presenta distintas formas segundo os distintos tipos de verso empregados ou as diferentes combinacións da rima. Entre as máis coñecidas destaca a décima espinela ou décima clásica, chamada así en recordo do seu divulgador Vicente Espinel. Componse de dez versos octosílabos con rima consonante, que segue o esquema abbaaccddc. Foi habitual no Século de Ouro e na poesía da Xeración do 27. A décima afrancesada ten dez versos octosílabos con rima consonante que se organizan segundo a combinación de catro versos con rima cruzada (abab), seguidos dun pareado e doutros catro con rima abrazada (abba). A décima antiga está formada por dez versos con rima consonante divididos en dous grupos de catro e seis versos; ten entre dúas e cinco rimas diferentes, que van abrazadas ou cruzadas no grupo de catro e adoptan combinacións máis variadas no de seis. É unha combinación medieval moi empregada nos cancioneiros. Por último, a décima italiana ou décima aguda consta de dez versos, dos que o quinto e o décimo presentan unha rima aguda.

  3. s f [NUMIS]

    Moeda española de cobre que valía a décima parte dun real, cuñada no último tercio do reinado de Isabel II.

Palabras veciñas

decigramo | decil | decilitro | décima | decimal | decimar | Décimas do Mar