decisión

decisión

(< lat decisĭōne)

  1. s f
    1. Acción de decidir ou decidirse.

      Ex: O árbitro tomou unha decisión equivocada. Non adoptamos a decisión máis correcta.

      Sinónimos: determinación, resolución.
    2. Aquilo que se decidiu.

      Ex: A decisión foi unánime.

  2. s f

    Calidade de decidido.

    Ex: Mostrou sempre moita decisión ó enfrontarse cos seus rivais.

  3. s f [CIBERN]

    Operación dun calculador que ten como obxecto comprobar se existe unha determinada relación entre dous termos e adoptar outras posibles alternativas de acción, segundo as instrucións do programa.

  4. [DER]
    1. s f

      Calquera resolución ou fallo dun xuíz ou do tribunal competente, en calquera controversia sometida á autoridade xudicial.

    2. s f

      Parte dispositiva dun acto que implica poder resolutorio nun expediente administrativo, nunha sentencia dun preito civil ou nunha causa criminal.

    3. s f

      Disposición comunitaria de dereito derivado, obrigatoria en todos os seus elementos. Non ten carácter xeral, pois é unha resposta á aplicación dunha determinada norma de dereito comunitario primario a casos particularizados, na que os destinatarios poden ser o Estado, unha empresa ou un particular. As decisións, para ser actos xurídicos vinculantes, deben emanar, do consello de ministros, da Comisión Europea, do Parlamento Europeo ou do Banco Central Europeo.

    4. s f

      Parte dispositiva dunha lei ou regulamento.

    5. decisión da Rota

      Resolución motivada que o tribunal de apelación da Rota dita nas causas eclesiásticas.

  5. teoría da decisión estatística [MAT]

    Teoría matemática que consiste nunha aproximación unificadora á estatística matemática, baseada no concepto de xogo de estratexia, introducido por John von Neumann en 1928, que inclúe a estimación puntual e por intervalos, e tamén a teoría dos contrastes de hipóteses. Iniciouse co traballo de Abraham Wald, Statistical Decisions Functions (1949). Na teoría da decisión empréganse mostras aleatorias para tomar decisións fronte a incertezas respecto a diversas accións. Considérase, por unha banda, un sistema probabilizado ou dotado dunha variable aleatoria X e, por outra, o espacio A das accións que se poden tomar; entre eles existen as funcións de decisión d. O feito de escoller unha función d para substituír a verdadeira acción, introduce unha perda L e un risco. Para escoller as funcións de decisión déronse moitos criterios ou regras, chamados de decisión, que, dun xeito ou doutro, se remarcan a partir da análise do risco.

Refráns

  • A quen dan en que escoller, danlle abondo que facer.
  • Máis fai o que quere có que pode.
  • Non falte vontá, que lugar e tempo non faltará.
  • Non quedo u por non querer senón por non poder.!
  • Nunca foi o acordo mellor có trasacordo.
  • O caso é que caso e xa non hai máis caso.
  • O gato saca as unllas, cando llas buscan.
  • Soilo me aconsellei e soilo chorei.