declinación

declinación

(

  1. s f

    Acción e efecto de declinar.

  2. s f [PAT]

    Período de diminución dunha enfermidade ou dalgún dos seus síntomas.

    1. s f [XEOG]

      Ángulo que forma un plano vertical, ou unha aliñación, co meridiano do punto que se considere.

    2. declinación dun astro [ASTRON]

      Distancia angular dun astro ao ecuador celeste, medida por un arco do círculo máximo que pasa polo astro e que é perpendicular ao círculo ecuatorial. Constitúe unha das coordenadas do sistema de coordenadas horarias e do de coordenadas ecuatoriais.

    3. declinación magnética [XEOG]

      Ángulo que forman as direccións do N magnético e do N xeográfico, isto é, o formado polo plano vertical que contén a dirección do compás e o plano meridiano do punto de situación.

  3. s f [LING]
    1. Flexión nominal das linguas empregada para expresar as distintas variacións dun substantivo, adxectivo, artigo ou pronome segundo a función ou caso dentro da frase. Os gramáticos gregos da escola peripatética e estoica concibiron as distintas formas que podía presentar o nome en grego como unha desviación da forma do caso recto, o nominativo. Os latinos chamáronlle a esta desviación dēclīnātiō. Esta idea de desviación estaba directamente relacionada co mesmo termo que empregaban os helenos para o concepto que se coñece como caso, ao que eles lle chamaron πτϖσις (‘caída’), e parece que explicaban a idea de paradigma casual coa metáfora dun xogo de dados: do mesmo xeito que un xogador de dados ten nas súas mans un cubo con seis valores diferentes, dos que só un se fará realidade mediante unha tirada de dados (πτϖσις), o falante dunha lingua é portador dun significante capaz de adoptar formas diferentes, das que só unha, segundo as esixencias sintácticas do enunciado, se manifestará cando fale. As linguas nas que a declinación desempeña un papel importante denomínanse linguas flexivas, entre as que se atopan as antigas linguas indoeuropeas. Nas linguas flexivas a declinación serve para marcar o caso, que indica a función sintáctica do nome na frase, pero tamén indica o xénero (masculino, feminino ou neutro) e o número (singular e plural, e tamén dual nalgunhas linguas). Nas linguas aglutinantes, a declinación faise mediante afixos, que veñen desenvolver o mesmo papel ca as desinencias nas linguas flexivas, pero a diferenza radica en que a declinación nas linguas aglutinantes ten maior número de casos e os seus afixos son sempre os mesmos para todas as palabras, mentres que as linguas flexivas presentan declinacións diferentes con casos iguais en número e función pero representados por desinencias diferentes. Aínda dentro dun mesmo grupo de linguas, a declinación era diferente, e variaba o número de casos que presentaban. Así, por exemplo, o sánscrito tiña oito casos, o grego clásico cinco e tres declinacións, e o latín seis e cinco declinacións. No paso do latín ás linguas románicas, a declinación foi desaparecendo, deteriorándose. Este proceso comezou pola redución do número de casos cando se producían situacións de homonimia, tanto dentro dunha mesma declinación como entre declinacións diferentes, xa que as coincidencias entre as desinencias de varios casos (por exemplo nominativo e vocativo en todas as declinacións, agás na segunda en -US, dativo e ablativo singulares na segunda declinación, etc), ocasionaba problemas de ambigüidade para identificar a función e o significado de cada forma. Ao longo da evolución do latín isto levou á necesidade de incrementar o uso das preposicións para evitar esas posibles confusións. Mais o problema multiplicouse debido á confluencia fonética desencadeada no latín vulgar, especialmente no vocalismo. En primeiro lugar, a desaparición do -M final do caso acusativo produciuse no latín xa desde o s I a C, e provocou a confusión entre o acusativo e o ablativo singulares na terceira declinación (ac PŎNTE(M) = abl PŎNTE); a este feito engadiuse a nivelación das cantidades vocálicas latinas desde o s I d C que provocou aínda unha maior coincidencia na forma dos casos (nom PŎRTĂ = ac PŎRTĂ(M) = abl PŎRTĂ). Pouco a pouco o timbre converteuse no elemento diferenciador fronte á duración. Este proceso de simplificación do sistema casual foi avanzando a medida que se ían conformando as linguas románicas e arredor do s IV ou V na Romania Occidental só perduraban dous casos (nom e ac) nos antigos francés e provenzal. No galego, coma no resto das linguas peninsulares, o acusativo erixiuse como o caso do que proceden a inmensa maioría dos nomes e botouse man da orde de palabras (suxeito + verbo + complementos) e das preposicións para indicar as funcións sintácticas que no latín marcaban os casos. Na nosa lingua, coma na maioría das linguas románicas, só se consideran restos de declinación algunhas formas dos pronomes persoais, por exemplo: eu (nom), me (ac e dat), ti (nom), te (ac), che (dat), etc. Non obstante , moitas linguas modernas da familia indoeuropea seguen mantendo declinación. O romanés é a lingua románica máis conservadora neste sentido e mantén unha declinación cun nominativo-acusativo, un vocativo e un xenitivo-dativo. Das linguas xermánicas, o inglés non ten xa declinación, aínda que conserva un caso xenitivo, denominado saxón, que se aplica a persoas; pero o alemán conservou unha declinación de catro casos bastante ben diferenciados (nominativo, acusativo, xenitivo e dativo) mentres que os idiomas escandinavos: dinamarqués, sueco e noruegués, teñen dous casos (nominativo e xenitivo). As linguas eslavas tamén conservan declinación, con excepción do búlgaro, e entre elas destaca, polo gran número de falantes, o ruso, con catro declinacións básicas e sete casos (nominativo, vocativo, acusativo, xenitivo, dativo, instrumental e preposicional).

    2. Paradigma ao que pertence unha palabra segundo o xeito como se declina.

      Ex: A palabra “rosa” pertence á primeira declinación latina.

Palabras veciñas

declarativo -va | declaratorio -ria | declinable | declinación | declinador | declinante | declinar