deforestación

deforestación

(< ingl deforestation)

s f [XEOG]

Destrución a grande escala do bosque pola acción humana. Nas últimas décadas do s XX, as taxas anuais de deforestación foron dun 1,2% en Asia e no Pacífico, un 0,8% en Latinoamérica e un 0,7% en África; en cada década duplicáronse as taxas anuais de deforestación en 52 países tropicais. En conxunto, o ritmo de deforestación é superior aos 26 millóns de ha ao ano, feito que equivale a que cada minuto quede arrasada unha superficie de selva equivalente á dun campo de fútbol. En España, nas últimas dúas décadas, desapareceron 780.000 ha de superfice arborada. Deste xeito desapareceron o 50% dos bosques do planeta e, destes, o 60% está degradado en forma significativa e os desertos aumentan a súa superficie en máis de seis millóns de hectáreas ao ano. As súas causas son: a demanda de madeira -especialmente por parte de certos países que obrigan as nacións endebedadas do terceiro mundo a obter diñeiro baseándose nas súas materias primas estratéxicas- e a transformación dos bosques en superficies dedicadas á agricultura e á gandería -cando isto acontece nos ecosistemas tropicais os rendementos non coinciden cos esperados, debido aos procesos de erosión, lixiviado e laterización-. Outra causa da deforestación é a chuvia ácida, formada por óxidos de xofre e nitróxeno que, ao reaccionaren coa auga, producen ácido sulfúrico (SO4H2) e ácido nítrico (NO3H), capaz de producir a deforestación de grandes masas vexetais. En Alemaña, a chuvia ácida é a responsable da perda da metade dos bosques nas zonas máis industrializadas. A deforestación e a degradación forestal -redución da calidade do bosque- teñen como consecuencias a erosión dos solos e cambios nas capas freáticas -relacionadas con inundacións ou secas-. Tamén provocan a redución da biodiversidade a escala global, xa que cun 14% da superficie terrestre, as selvas conteñen o 60% das especies animais e vexetais do planeta. Ademais, nos bosques almacénase unha gran cantidade de carbono -unha hectárea de bosque tropical pode fixar unhas 10 toneladas de dióxido de carbono ao ano- que ao ser destruídos pasa, principalmente en forma de dióxido de carbono, á atmosfera -1.300 millóns de toneladas por ano de dióxido de carbono como subproduto dos incendios-, feito que inflúe no efecto invernadoiro e polo tanto no conxunto de ecosistemas do planeta. A deforestación tamén afecta aos ambientes acuáticos, xa que a erosión provoca que os sedimentos que acadan estes medios provoquen cambios de pH das augas e a saturación dos fondos. O 75% dos bosques actualmente intactos están en tres rexións: Amazonia, Rusia e Canadá, onde viven máis de 50 millóns de indíxenas que vén perigar o seu futuro pola destrución dos hábitats onde viven, ocasionada polas compañías madeireiras, agropecuarias e de extracción de minerais. Para contrarrestar esta tendencia emprendéronse, principalmente nos países desenvolvidos, programas de repoboación, de uso sostible dos bosques e de control de incendios.

Palabras veciñas

defoliación | defoliante | defoliar | deforestación | deforestado -da | deforestar | deformable