Delicia
Poemario publicado por Yolanda Castaño en 1998. Na liña do seu primeiro libro, Elevar as pálpebras (1995), os textos xiran ao redor do amor, da ausencia do amado, do desexo de liberación ou da deshumanización da vida urbana. A obra recibe a influencia da poesía erótica de Delmira Agostini e, en última instancia, de Catulo e Safo. Organízase nun poema final e cinco partes unidas por un fío argumental que despregan as etapas dunha relación amorosa: “Sensitiva”, “As historias”, “A felonía”, “Se penso nas cousas que fixemos”, “O goberno das vontades” e “Poética das incertidumes”. A primeira parte plasma un mundo paradisíaco que corresponde ao presente gozoso dun amor correspondido. Iníciase co cumprimento dun rito, morder unha orquídea incendiaria que ten os efectos máxicos da mandrágora e descobre un mundo sensual a través da enumeración de praceres gustativos (fresca confitura, marmelos louros, nésperas de mel, malvasías, etc) que abren o camiño cara ao desexo, á iniciación sexual, ao encontro dos corpos e á delicia dolorosa do amor. Non obstante , a felonía, a traizón por parte do amante pronto rompe o idilio, aparecen as lágrimas e a voz lírica consólase nas lembranzas. Desde a soidade, evoca encontros furtivos, cuartos sucios, historias que lle contaba o amante e tardes de amor e chocolate. A linguaxe é sinxela en aparencia, na procura dun ton coloquial que transmita a experiencia desde a proximidade emocional. Así mesmo, o uso de sinestesias e aliteracións é a vía para penetrar no universo dos praceres. Finalmente, destaca o equilibrio verbal e a sensualidade dos versos.