delirio

delirio

(< lat delirĭu)

  1. s m

    Acción e efecto de delirar.

  2. [PAT]
    1. s m

      Psicose, máis ou menos transitoria, que se caracteriza por unha incoherencia e confusión mental, unha excitación nerviosa e alucinacións, sobre todo de tipo visual. Os delirios poden ser de carácter depresivo ou expansivo e agrúpanse arredor dos instintos fundamentais do ser humano: o instinto de conservación e o afán de posesión, que desenvolven delirios de destrución, de persecución, de pretensión ou de reivindicación; o sentimento do propio valor e a convicción relixiosa, que provocan delirios como o de grandeza, o de reforma social e política, o mesiánico ou o profético; e o instinto sexual, que pode desembocar en delirios eróticos ou de celos. Hai que distinguir claramente entre o delirio sistematizado, no que as ideas e os temas delirantes se dan de forma ordenada e coherente, e o delirio polimorfo, caracterizado pola mestura e a sucesión desordenada dos temas máis diversos.

    2. delirio agudo

      Síndrome de especial gravidade que se manifesta por unha axitación progresiva, unha febre moi alta e alucinacións visuais. Caracterízase tamén pola hidrofobia, por desordes neurovexetativas notables e por unha rápida deshidratación.

    3. delirio crónico

      Tipo de delirio no que as súas manifestacións, os seus mecanismos constitutivos e a súa evolución son extremadamente variables e que pola súa importancia ocupa un lugar destacado na patoloxía mental do adulto. Como construción intelectual e pensamento que non corresponden á realidade, as ideas e os temas delirantes poden ser sistematizados ou polimorfos e, ao mesmo tempo, incoherentes ou dunha lóxica tan sutil que a miúdo fan difícil recoñecelos como patolóxicos.

    4. estado de delirio

      Expresión coa que se designa o conxunto da personalidade afectada por ideas delirantes.

  3. s m [PAT]

    Estado febril no que se padecen alucinacións, confusión mental e outros fenómenos similares, característico de determinadas enfermidades infecciosas agudas.