demolingüística

demolingüística

(

s f [LING]

Área de investigación vinculada, coa demografía, que analiza a estrutura lingüística da sociedade e os factores que inflúen sobre a evolución da súa composición lingüística. Orixinouse nos estudios demográficos realizados en Québec sobre os datos lingüísticos recollidos no censo canadense de 1971. A demolingüística utiliza datos lingüísticos e extralingüísticos a partir de enquisas, cuestionarios, censos, etc. Os datos lingüísticos máis relevantes nas pescudas demolingüísticas son os de lingua materna ou inicial, a lingua de uso habitual, a aptitude e destreza para a utilización das linguas, as opinións ao redor das linguas e dos seus usuarios, etc. As variables extralingüísticas máis comunmente utilizadas son o sexo, a idade, o lugar de nacemento e de residencia, o período de estadía no caso de poboación migrante, etc. A demolingüística permite estudar cuantitativamente os procesos de mobilidade social, e de aí o seu interese para analizar a vitalidade dun grupo social e, nalgúns casos, para describir e mesmo predicir as dinámicas de substitución e mantemento lingüístico. Certos cambios demográficos -natalidade e defuncións, procesos migratorios, concentración ou illamento de falantes, por exemplo- poden favorecer o mantemento dunha variedade lingüística ou, pola contra, poden determinar procesos de abandono das linguas -ou mesmo a aceleración de tales dinámicas substitutorias- en beneficio doutras linguas propias de grupos sociais demográfica ou socialmente dominantes.

Palabras veciñas

demoler | demolición | demolido -da | demolingüística | Demolins, Edmon | demon(o)- | demoníaco -ca