Denís/Denisa

Denís/Denisa
[ONOM]

Antropónimo que vén do latín Dionysius, e este, á súa vez, do grego Διονύσιος   ou Διονυσιακός ‘consagrado a Dióniso’, adxectivo derivado de Διόνυσος ‘Dióniso, deus grego da natureza, das festas e do viño’ formado de διο, xenitivo de θεός, e Νυσα, cidade exipcia onde tiña un templo; a última parte tamén hai quen a interpreta como unha palabra tracia que significaría ‘fillo’, e de aí, ‘fillo de Deus’. Non obstante , as formas Denís (en galego) e a Dinis (en portugués), malia teren a súa orixe primixenia no grego, chegaron a través do francés, pois foi Afonso III o Boloñés, educado en Francia, quen lle puxo este nome a seu fillo polo culto que lle profesaba ao bispo da Galia san Denís de París (s III), patrón da casa real francesa, celebrado o 9 de outubro. De feito, en Galicia acadou certa difusión durante a Idade Media grazas á relevancia que o Rei Denís de Portugal acadou na lírica trobadoresca. No santoral figuran, ademais, con este nome: san Denís o Areopaxita (s I), celebrado o 17 de novembro; o bispo de Corinto (s II), celebrado o 8 de abril; o bispo de Alexandría (s II), celebrado o 17 de novembro; o Papa san Denís (259-268), celebrado o 26 decembro; e o bispo de Milán (s IV), celebrado o 25 de maio. O antropónimo presenta as variantes Dinís e Dionisio (Dionisia), e os hipocorísticos Nis, Niso (Nisa) e Nisocho (Nisocha). Aínda pervive como apelido cunha gran variedade de formas (Denis, Diniz, Doniz, Diz, etc).