denominación

denominación

(

  1. s f

    Acción e efecto de denominar.

  2. s f [FILOS/LING]

    designación.

  3. denominación de orixe [ALIM]

    Lugar ou área de fabricación, elaboración ou extracción dun determinado produto. As denominacións de orixe están controladas pola Inspección Xeral de Denominacións de Orixe, adscritas ao Rexistro de Propiedade Industrial. Cando se rexistra constitúe unha marca colectiva. En Galicia existen oito denominacións de orixe, sete referidas a producións específicas. Das denominacións específicas, dúas posúen relación con producións derivadas do gando bovino (Ternera Gallega e Queixo de Tetilla) e cinco refírense ao viño (Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras). Aínda que a denominación protexida por excelencia é a Denominación de Orixe, a Administración ampara outras figuras que teñen unha funcionalidade similar (protección da denominación e da tipicidade, fomento da súa produción e industrialización -segundo unhas normas que garanten un nivel de calidade que verifica o órgano rector-, promoción do produto no mercado e garantía de orixe). Na Denominación Específica e na Denominación Xeográfica Protexida, a protección vincúlase principalmente ao nome ou á orixe, respectivamente, dun produto, e aínda que non se integran no Instituto Nacional de Denominaciones de Origen, si dependen de organismos oficiais, polo xeral vinculados ás consellerías de agricultura dos gobernos autonómicos. En Galicia existen as denominacións específicas Lacón Gallego, Orujo de Galicia e Pataca de Galicia, e a denominación xeográfica protexida Ternera Gallega. Agricultura Ecolóxica é unha denominación aplicable aos produtos agrarios producidos de maneira que se obteñen elevadas calidades con ausencia de produtos químicos sintéticos (coma moitos pesticidas e fertilizantes, que poden dar lugar a residuos nocivos) e prácticas agresivas co contorno; os consellos reguladores da Agricultura Ecolóxica amparan tanto a produción primaria coma os produtos elaborados. O Consello Regulador da Denominación de Orixe de Agricultura Ecolóxica (CRAE) de Galicia concede unhas etiquetas que garanten, ademais, a orixe galega do produto, e que son compatibles coas dos outros tipos de denominación. Produto Galego de Calidade é unha denominación que garante a produción en Galicia e a conformidade cunha norma de calidade específica para un determinado produto, e á que se acolle o Mel de Galicia. A concesión desta denominación é competencia da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, e o seu consello regulador está localizado en Monforte de Lemos. En 1998, os operadores sometidos a control polo CRAE sumaban un total de 43, dos que 34 correspondían a explotacións agrícolas e/ou gandeiras, e nove eran industrias de elaboración e/ou envasado de produtos, cunha superficie inscrita de 17.385 ha. A Denominación de Orixe Ternera Gallega cumpre a misión de protección da carne de gando vacún das razas autóctonas galegas e das do resultado de certos cruzamentos (concretamente rubia galega, morenas do noroeste, os cruzamentos entre esas razas, e os de primeira xeración de machos das razas citadas con femias frisonas e pardo-alpinas). A regulamentación da denominación, que considera a idade de sacrificio e a alimentación, distingue tres tipos de animais: tenreira, animal sacrificado a unha idade máxima de 10 meses; añojo, entre 10 e 18 meses; e cebón, entre 18 e 30 meses. A carne debe corresponderse cunha cor, consistencia dos músculos e textura determinadas. Tamén se regulamenta a alimentación, adaptada ás normas tradicionais de aproveitamento dos pastos en Galicia. En todo caso, prohíbese o emprego de produtos que poidan interferir no ritmo normal de crecemento e desenvolvemento do animal, así como os derivados de animais reciclados.
    Denominación de Orixe dos produtos lácteos
    A Denominación de Orixe Queixo de Tetilla, cun consello regulador asentado en Santiago de Compostela, ampara as producións de queixo madurado de tenro a semicurado, elaborado a partir do leite de vaca das razas frisonas, pardo-alpina e rubia galega, sen produtos medicamentosos e cunha composición determinada (debe ter unha porcentaxe mínima de: proteínas 3,1%, graxa 3,5%, extracto seco 8,4% e unha acidez máxima ao comezar o proceso de elaboración de 18°). Ao rematar a súa maduración, tras un período mínimo de sete días, presenta as seguintes características: forma cónica ou convexo-cónica, peso comprendido entre 0,5 e 1,5 kg e altura superior ao raio da base e inferior ao diámetro (altura de entre 90 e 150 mm e diámetro base entre os 90 e os 150 mm). O queixo sometido á denominación debe contar, ademais, cunha codia fina e elástica de menos de 3 mm de espesor, cor de palla e sen mofos, e a pasta debe ser branda, cremosa e uniforme, cunha cor branca marfil amarelada. O seu aroma adoita ser suave e lixeiramente acedo, semellante ao leite de procedencia, e o seu sabor adoita ser lácteo, manteigoso e lixeiramente acedo e salgado. A zona de produción do queixo amparado pola denominación esténdese pola totalidade do territorio da Comunidade Autónoma, pero a principal área de produción coincide coa área central de Galicia (comarcas de Arzúa, Terra de Melide, Deza e A Ulloa). Outras denominacións referidas a queixos son: Arzúa-Ulloa, Cebreiro e San Simón da Costa.
    Denominación de Orixe dos viños galegos
    A produción de viño baixo denominacións de orixe conta cun alcance espacial máis restrinxido. As cinco denominacións (Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, O Ribeiro e Valdeorras) localízanse preferentemente na metade sur de Galicia. A Denominación de Orixe de Monterrei, con sede en Verín, e instituída por orde ministerial do 19 de xaneiro de 1996, abrangue catro concellos: Castrelo do Val, Monterrei, Oímbra e Verín. As variedades de uva preferentes son dona branca, godello e treixadura, entre as brancas, e mencía e merenzao, entre as tintas. Os tipos de viño son os seguintes: Branco Monterrei (mínimo 60% de variedades brancas preferentes e unha graduación mínima do 10%), Branco Monterrei Superior (mínimo de 85% de variedades brancas preferentes e un mínimo de 11% de contido alcólico), Tinto Monterrei (un mínimo de 60% de variedades tintas preferentes e non menos do 10% de graduación) e Tinto Monterrei Superior (especificándose unha graduación mínima do 10,5%). A Denominación de Orixe Rías Baixas abrangue un total de 18 concellos, como resultado de modificacións que sancionaron a súa delimitación definitiva por orde ministerial do 25 de setembro de 1997, e está subdividida en catro subzonas: Val do Salnés (Barro, Caldas de Reis, Cambados, Meaño, Meis, Portas, Ribadumia, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa), Soutomaior (concello homónimo), Condado de Tea (Arbo, Crecente, As Neves e Salvaterra de Miño) e O Rosal (O Rosal, Tomiño e Tui). A sede desta denominación está en Salcedo, no concello de Pontevedra, e o viño con máis proxección é o Albariño. Conta con numerosas variedades preferentes: catro para as uvas brancas (ademais da albariño, tamén recoñece a loureira branca, a treixadura e a caíño branca) e tres para as tintas (caíño tinta, sousón e espadeiro). Conta cun gran número de tipos de viños: Branco Rías Baixas Albariño (100% albariño e un mínimo do 11,3 % de contido alcólico), Branco Rías Baixas Salnés (mínimo 70% albariño e non por debaixo do 11% de graduación), Branco Rías Baixas Condado do Tea (mínimo 70% albariño e treixadura, mínimo 11% de contido alcólico), Branco Rías Baixas Rosal (mínimo 70% albariño e loureiro, e tamén cun mínimo de 11% de graduación), Branco Rías Baixas Barrica (mínimo 70% de uvas brancas preferentes e nunca por debaixo do 11,5% de graduación), Branco Rías Baixas (70% uvas brancas preferentes e mínimo de 11% de contido alcólico) e Tinto Rías Baixas (para o que se impón un mínimo de tres meses en bocois de carballo e un mínimo de 10% de graduación). A Denominación de Orixe Ribeira Sacra, cun consello regulador asentado en Monforte de Lemos, tras sucesivas ampliacións reflectidas na súa última modificación aprobada por orde ministerial do 25 de setembro de 1997, abrangue un número determinado de parroquias pertencentes a 17 concellos distribuídos en cinco subzonas: Amandi (Sober e Monforte de Lemos), Chantada (Carballedo, Chantada, A Peroxa e Taboada), Quiroga-Bibei (Manzaneda, Monforte de Lemos, A Pobra do Brollón, A Pobra de Trives, Quiroga e Ribas do Sil), Ribeiras do Miño (Pantón e O Saviñao), e Ribeiras do Sil (Castro Caldelas, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil e A Teixeira). O principal trazo individualizador desta denominación de orixe está nas condicións dos cultivos, en socalcos nas ladeiras das montañas ao longo dos cursos dos ríos Cabe, Miño e Sil. Esta circunstancia fai que a delimitación non se acomode ao conxunto dos territorios dos concellos mencionados, senón ás parroquias dos mesmos que cumpran as condicións sinaladas; deste xeito, contrapóñense a outras denominacións onde se toman os municipios como principal criterio delimitador. Conta cun elevado número de variedades preferentes, tanto entre as brancas (albariño, dona branca, loureiro, torrontés e treixadura) como entre as tintas (brancellao, mencía e mouratón). Os tipos de viño son os seguintes: branco monovarietal (100% albariño ou godello, cunha graduación mínima do 11%), tinto monovarietal (100% mencía e un mínimo do 11% de contido alcólico) e outros brancos e tintos (graduación mínima do 10%). O principal motor desta denominación son os tintos monovarietais baseados na variedade mencía. A Denominación de Orixe Ribeiro, con sede en Ribadavia e instituída por orde ministerial do 2 de febreiro de 1976, abrangue nove municipios nas concas dos ríos Avia e Miño (Arnoia, Beade, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro e Punxín). É a área de produción regulada cunha maior antigüidade, xa que a comercialización da súa produción vinícola ten unha tradición superior. As variantes preferentes son treixadura para os brancos e caíño para as tintas. As clases de viños son: branco (cunha graduación comprendida entre o 9 e o 13%), tinto (entre 9 e o 12% de contido alcólico) e o viño enverado (cunha limitada graduación, ao oscilar entre o 8 e 9%). A Denominación de Orixe Valdeorras, con sede en Vilamartín de Valdeorras e instituída por orde ministerial do 24 de febreiro de 1977, abrangue oito municipios pertencentes á comarca do mesmo nome (O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa e Vilamartín de Valdeorras). As variantes preferentes son godello para os viños brancos, mentres que este papel corresponde ás uvas mencía e garnacha tintoreira para os tintos. Os tipos de viño producidos son branco, rosado e tinto (cunha graduación alcólica mínima para as tres clases, do 9%, elevada a 10% nos embotellados); as producións de maior calidade son os brancos godello e os tintos mencía.

Palabras veciñas

denodo | denoiteira | denominable | denominación | denominador -ra | denominal | denominar