dervixe
(< fr derviche < turcodervis < persa darviš ‘pobre’)
Membro dunha confraría islámica sufí vinculado a un mestre ou guía espiritual, ou a un convento chamado ribāt ou hānqāh, que fai voto de pobreza. Xurdiron no Islam a partir do movemento sufí no s VIII, a consecuencia dos contactos con outras relixións, coma o hinduísmo e o cristianismo. Constituíron confrarías ou irmandades, con regras establecidas polo fundador e, habitualmente, fóra da ortodoxia musulmana. Empregaban roupas características, sometíanse a un longo período de aprendizaxe centrado na análise e comentario dos consellos para acadar a perfección moral e, unha vez ao ano, reuníanse na casa nai. O primeiro grupo dervixe foi o dos kaidiri, fundado por ‘Abd al-Qādir al- Ǧ īlānī (1078-1166), profesor en Bagdad da escola de xurisprudencia hanbalita. Deste grupo derivaron os rufai’ya (1182) fundados por A ḥ mad al-Rifī, sobriño de al-Qādir e coñecidos coma os dervixes ouveantes. No 1273, o místico sufí Yalāl al-Din Rumī, fundou a seita dos mawlawiyya en Konya, na Anatolia Central, caracterizados pola práctica dunha danza xiratoria. Constituíron unha forza incontrolable que orixinou revoltas contra o poder, coma os seguidores de Bābā Ishāqi, en Anatolia no s XIII, ou os bektasíes xiítas (capeláns dos xanízaros) no Imperio Otomán, nos ss XV e XVI. Dende o s XIX, os estados musulmáns prohibiron as ordes dervixes ou mantivéronas baixo vixilancia.