desamortización

desamortización

(

  1. s f

    Acción de desamortizar.

    Antónimos: amortización.
  2. s f [HIST]

    Proceso político e económico polo que o Estado nacionalizou propiedades e bens amortizados de diversos tipos (rústicos e urbanos, censos e foros), que pertencían a entidades eclesiásticas e civís (mans mortas) e que se prolongou en España entre 1766 e 1924. Deste xeito, as institucións que tiñan bens amortizados dispoñían das rendas que producían aqueles, feito que lles garantía a súa estabilidade, pero non podían usar o capital.
    A orixe do proceso
    Na Península Ibérica, xa dende a época visigoda, existiu unha tendencia a limitar a acumulación de propiedades nas mans da Igrexa, pero non foi ata a chegada do reformismo borbónico cando se iniciou o proceso, ao conseguir Filipe V que os eclesiásticos tributasen por calquera propiedade que adquirisen a partir daquel momento (1737). Logo da expulsión da Compañía de Xesús (1767), a desamortización aplicouse por primeira vez ao vender a metade dos seus bens, mentres que a outra metade foi administrada pola coroa e polas universidades. No reinado de Carlos IV, Godoy acometeu a primeira desamortización eclesiástica xeral (1798-1807), realizada sobre bens raíces que pertencían aos hospitais, hospicios, confrarías e casas de misericordia. A extensión das revolucións burguesas por Europa e o paulatino acceso dos liberais aos gobernos orixinou que se adoptasen medidas para eliminar as trabas á circulación da riqueza mediante a abolición dos señoríos, a supresión do sistema de morgados e a desamortización eclesiástica e civil. No caso dos países católicos como España, tivo unha forte repercusión sobre os bens da Igrexa e xerou importantes efectos económicos, sociais, culturais e artísticos, dado o inmenso patrimonio que as institucións eclesiásticas acumularon desde a época medieval.
    Obxectivos e desenvolvemento
    O obxectivo xeral foi acadar a liberalización e mercantilización dunha inxente masa de bens, xeralmente de uso agrario, mediante a posta en práctica de forma sucesiva de tres tipos de actuacións. En primeiro lugar, a nacionalización por parte do Estado dos bens declarados desamortizables; a continuación, a administración desta riqueza pola Facenda pública mentres non se procedía á súa privatización; e por último, a súa transferencia a mans privadas, consideradas vivas e activas (fronte á condición de mortas dos antigos titulares), a través da súa venda en poxa pública ou, no seu caso, de redencións. Durante o s XIX, a intensidade do proceso desamortizador variou de acordo coas mudanzas políticas do século. As etapas máis intensamente desamortizadoras correspondéronse con períodos nos que predominaron gobernos progresistas. Dende 1808 emprendeuse un proceso de desamortización, impulsado pola administración bonapartista e continuado polos lexisladores de Cádiz. Durante o Trienio Liberal (1820-1823) suprimíronse as vinculacións e puxéronse en venda os bens do clero, dos colexios, das ordes militares e da Inquisición. Entre 1834 e 1854 aplicouse a desamortización de Mendizábal e Espartero e nacionalizáronse os bens do clero regular e parte do secular. En 1855, durante o Bienio Progresista, iniciouse unha nova etapa coa promulgación da Ley General de Desamortización de Pascual Madoz, que afectou a todo tipo de riqueza amortizada e de titularidade colectiva, incluíndo os bens das institucións civís, como universidades e concellos, que posuían abondosos bens comunais ou de propios. En España, os dous sectores máis afectados foron a Igrexa regular e os concellos. A descontinuidade temporal da desamortización non experimentou un retroceso, debido á sucesiva ampliación dos bens afectados en cada unha das novas normas. A intención dos lexisladores con estas medidas era crear un amplo grupo de propietarios e fomentar así o crecemento económico, combater o poder da Igrexa (que apoiaba o carlismo) e resolver os problemas da Facenda pública, moi deteriorada pola perda das colonias americanas.
    O caso galego
    As fases de meirande intensidade desamortizadora coinciden co resto de España, pero tanto a procedencia da riqueza como os modos de efectuar a súa privatización presentan peculiaridades entre as que cómpre subliñar a procedencia dos bens desamortizados, a súa natureza xurídica e a dobre vía de transferencia da riqueza (vendas e redencións), que influíu mesmo na tipoloxía social dos beneficiarios da desamortización. A maior parte da riqueza desamortizada tivo unha orixe eclesiástica (superior ao 90 %), froito da hexemonía que acadara a Igrexa na ordenación do territorio desde a Idade Media, grazas ao asentamento de bieitos e bernaldos como ordes monásticas regulares e á extensa capilaridade do clero secular en máis de tres mil parroquias, con patrimonio propio e capacidade de recolección do décimo. Fronte ao importante volume de vendas que representaron os bens de propios e comunais (os montes ou comunais atípicos) sobre os bens desamortizados en España, no caso galego, igual que na zona cantábrica, quedaron exentos da desamortización xeral de Madoz. Deste xeito, no catálogo de montes públicos de 1859, que censaron máis de dez millóns de hectáreas en toda España, os terreos considerados como alleables en Galicia non chegaron ao 3%. As propiedades destinadas á privatización en Galicia estaban integradas na súa maioría por bens que foran cedidos polos seus titulares (mosteiros, conventos e igrexas) durante un longo tempo, baixo a fórmula de foros (entre o 70% e 80% dos bens susceptibles de ser desamortizados) ou arrendamentos antigos; é dicir, o que o Estado nacionalizou foi o dereito a percibir unha renda e non a terra que a producía. Aínda que a presenza de censos e foros foi relevante no conxunto da desamortización española (ó redor dun 15% do total), estes concentráronse maioritariamente en Galicia e rexións limítrofes (Asturias, León e Zamora). Coexistiron dúas fórmulas para a privatización da riqueza: as vendas mediante o procedemento de poxa pública e as redencións. Estas últimas concedíanlle ao pagador de rendas (foreiro) a oportunidade de liberar as terras e acceder á propiedade plena, feito que aconteceu con elementos do campesiñado e que se fixeron frecuentes dende 1855. O sistema da poxa empregouse durante o Trienio Liberal e coa lei de Mendizábal (1836-1854); neste período o Estado vendeu basicamente rendas.
    Consecuencias
    A desamortización foi un longo proceso histórico que tivo como finalidade a mudanza substancial da organización da propiedade da terra e da súa explotación, e que mobilizou máis de catro millóns de hectáreas en toda España, só no que se refire aos bens comunais. Para a administración liberal supuxo unha transferencia masiva de riqueza, que foi xestionada con eficacia e que afectou a varios millóns de hectáreas e a milleiros de institucións. Non obstante , malia a homoxeneidade da lexislación, o desenvolvemento do proceso desamortizador non foi uniforme no territorio español. No caso de Galicia, os seus efectos foron máis limitados pola solidez que tiña o réxime foral e porque se conservaron os montes comunais. Ao mesmo tempo, a venda de rendas e non de propiedades supuxo a aparición no mundo rural de novas figuras (como foi o caso dos comerciantes Arana ou Sánchez Guardamino), que se converteron en rendeiros pero non adquiriron bens físicos, nin acadaron a propiedade plena. Deste xeito só se produciu un cambio no grupo dos rendeiros, que contou entre os seus membros con numerosos representantes dos grupos urbanos, como os profesionais liberais e elementos da burguesía comercial, que posuían títulos de débeda pública desvalorizados e aproveitaron para convertelos en propiedades. Ademais, dende a venda, estes novos rendistas adquiriron a obriga de non incrementar a renda nin suprimila expulsando o foreiro. As rendas forais quedaron petrificadas e permitiron a perpetuación deste sistema ao longo do s XIX, ao tempo que impediron as modificacións e melloras no aparato produtivo da agricultura. Con todo, aínda que a desamortización non mudou substancialmente o mundo agrario de Galicia, foi quen de desprazar definitivamente do campo as comunidades monásticas que, desde os tempos medievais, ordenaran cos seus métodos os traballos dos labregos e encheran os días co eco dos seus cantos de coro.

Palabras veciñas

desamorear | desamorriñar | desamortizable | desamortización | desamortizador -ra | desamortizar | desamoscar