descolonización

descolonización

(

  1. s f

    Acción de descolonizar.

  2. s f [HIST/POLÍT]

    Proceso de independencia dos pobos e territorios sometidos á dominación política, social e económica das potencias estranxeiras. Pódese falar de diversos procesos descolonizadores: o primeiro deuse en América entre 1783 e 1900, e, como consecuencia, xurdiron os EE UU e as diferentes repúblicas hispanoamericanas. Entre 1920 e 1945 orixinouse unha nova fase do proceso nos territorios de Oriente Medio e do Sur do Mediterráneo dependentes do Imperio Otomano, feito que deu lugar á aparición dalgúns dos estados independentes de Oriente Medio e do Magreb (Exipto en 1922, o Reino de Hedjaz e de Nejd en 1932, Iemen en 1937). Malia a oposición á presenza europea nos países musulmáns, a desunión entre eles permitiu a creación de novas formas de dominación na zona, como os protectorados; incluso algúns países xa independentes como Irán, Afganistán ou Turquía sufriron a intromisión francesa ou británica. Por último, entre 1945 e 1970 deuse un novo proceso polo que o conxunto do continente africano e grandes áreas de Asia, o Pacífico e o Caribe se converteron en unidades políticas independentes. Nun sentido estricto, o concepto de descolonización refírese só ao proceso histórico que se iniciou en 1945 e que acadou o seu punto culminante en 1960, cando África, o sueste asiático e grandes áreas do Pacífico e do Caribe accederon á independencia e adquiriron estruturas estatais.
    Factores da descolonización
    O incremento demográfico e a concentración da poboación nas grandes urbes destes países favoreceron a difusión da educación primaria entre os grupos de notables locais e a súa formación na metrópole, onde adquiriron novas ideoloxías opostas á presenza colonial. Esta afirmación anticolonial materializouse, segundo o ámbito territorial, no africanismo, no panislamismo e no asiatismo. As transformacións económicas e sociais que introduciron os colonizadores sobre as poboacións supuxeron unha ruptura coa cultura tradicional e o seu acceso ao circuíto internacional de intercambios desequilibrados e favorables para as metrópoles. A estas circunstancias engadiuse a situación das metrópoles europeas, afectadas polos sucesivos conflitos bélicos nos que participaron soldados das colonias, que adquiriron ideas novas, ao tempo que se destruíu o mito da superioridade occidental. Neste contexto, implantáronse e desenvolvéronse os movementos nacionalistas nos territorios dominados. A crítica anticolonial, que apareceu xa nos comezos da colonización europea nas figuras dos misioneiros, propagouse co incremento da liberdade dos réximes democráticos, encabezada polos intelectuais e os socialistas, que se integraron en movementos como a Liga contra o Imperialismo (1927). No ámbito internacional, o presidente dos EE UU, Woodrow Wilson, logo da Primeira Guerra Mundial, definiu nos Catorce Puntos unha nova vía para regular as relacións internacionais e estableceu como base da lexitimidade dos gobernos o consentimento dos gobernados, e non os dereitos de conquista. Partindo desta base, a Sociedade de Nacións ocupouse de conservar a paz mundial e de regular a situación na que quedaran os territorios dependentes dos países derrotados no conflito, para o que se estableceu a figura xurídica dos mandatos internacionais no artigo 22 do Tratado de Versailles (1919). Os mandatos aplicáronse seguindo diversos criterios, como os factores xeográficos, a evolución interna e a situación económica, entre outros, feito que supuxo a superación nun plano teórico da dependencia colonial. Despois da Segunda Guerra Mundial, a ONU, que recolleu os seus principios básicos na Carta do Atlántico Norte, asumiu a herdanza da Sociedade de Nacións e converteuse nun organismo facultado para a supervisión do proceso cara á autodeterminación dos territorios dependentes e das colonias. A substitución das vellas potencias coloniais, no seu papel de liderado polos EE UU e a URSS, definiu unha nova actitude cara ao fenómeno colonial, que oscilou entre a neutralidade e a oposición ao colonialismo, como resultado de consideracións económicas, psicolóxicas e ideolóxicas. Na década de 1950 engadiuse un novo factor descolonizador: o apoio solidario que proporcionaban ao proceso os países que xa adquiriran a independencia dende o final da guerra. Este movemento acadou o punto máis alto na Conferencia de Bandung (1955), na que se definiron, entre outros, os obxectivos de favorecer as relacións amigables entre as nacións africanas e asiáticas, analizar o relativo á soberanía nacional, racismo e colonialismo, e valorar a posición de África e Asia no contexto mundial. A ONU actuou de plataforma para facer forza sobre as potencias coloniais.
    O papel da ONU na descolonización
    Dende as súas orixes, a ONU comprometeuse nunha política descolonizadora que evoluciona dende a Carta das Nacións Unidas asinada na Conferencia de San Francisco en xuño de 1945, na que se recolleu unha declaración relativa aos territorios non autónomos (capítulo XI, artigos 73 e 74), mentres que os capítulos XII e XIII se ocupaban do réxime internacional de administración fiduciaria (artigos 75-85) e do Consello de Administración Fiduciaria (artigos 86-91). Para darlle pulo ao proceso de descolonización, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas adoptou en decembro de 1960 a Resolución 1514 (XV), na que se contén a Declaración sobre a Concesión da Independencia aos Países e Pobos Coloniais ou Declaración sobre a descolonización. Segundo os termos fixados nesta declaración, afirmábase o dereito de autodeterminación de todos os pobos e proclamábase a necesidade de rematar dun xeito rápido e sen condicións co sistema colonialista. Malia a declaración, os avances descolonizadores foron escasos e a Resolución 1541 (XV), que foi adoptada pola Asemblea baixo a presión das potencias coloniais, alterou a resolución e propuxo unha lectura máis conservadora do dereito de libre determinación. Neste contexto a ONU creou o Comité Especial de Descolonización ou Comité dos Vintecatro (1962) polas resolucións 1654 (XVI) e 1810 (XVII) coa misión de examinar as situacións coloniais e vixiar a aplicación das resolucións descolonizadoras. En novembro de 1972, cando boa parte das colonias acadaran a independencia, de acordo cos supostos da Resolución 1514 (XV) e no exercicio do dereito á libre determinación, a Asemblea Xeral da ONU aprobou unha resolución na que facía constar, entre outras cousas, que o mantemento do colonialismo supuña unha ameaza para a paz e a seguridade internacionais. Dende 1979 o Comité dos Vintecatro está integrado por 25 membros.
    Os procesos descolonizadores: etapas
    O proceso descolonizador asiático veu precedido por numerosas sublevacións na etapa colonial, cun marcado sentimento antioccidental, como a Revolución Meiji no Xapón (1868). O proceso de independencia estaba dirixido por grupos e partidos nacionalistas, en moitos casos de tendencia conservadora, que buscaban, xunto coa independencia, unha transformación social. Poden distinguirse dúas tendencias nestes movementos nacionalistas: unha organización de carácter case secreto, como o Kuomintang chinés, que protagonizou a revolución en China (1911-1949), fronte a outros casos nos que se constituíu un consello ou comité de persoeiros destacados, como os que integraron o Partido do Congreso da India. Na descolonización de Asia poden diferenciarse tres fases: a primeira, que se estendeu entre a Revolución Chinesa e a Segunda Guerra Mundial, marcada polos preliminares dos movementos nacionalistas e revolucionarios; na segunda (1945-1955) consolidáronse as revolucións na maioría dos pobos asiáticos que adquiriron conciencia da súa situación na Conferencia de Bandung (1955), ao mesmo tempo que algúns deles acadaban a independencia; unha terceira etapa (1955-1980) estivo marcada polas últimas revolucións e independencias. No caso chinés, o movemento revolucionario que iniciou o Guomindang en 1911, baixo a dirección de Sun Yazen, estendeuse con rapidez apoiado por amplos sectores da sociedade e entre os seus obxectivos figuraban a expulsión das potencias coloniais xunto co establecemento da república, a modernización e a democratización. A reacción dos grupos conservadores e o fracaso de Sun Yazen e do seu grupo de reformistas provocou, entre 1919 e 1927, a aparición de dous modelos opostos: o novo Guomindang, dirixido por Chiang Kai-shek dende 1925, e o Partido Comunista Chinés, fundado por Mao Zedong (1921). Despois da derrota dos xaponeses na Segunda Guerra Mundial, China estaba dividida entre as forzas nacionalistas de Chiang Kai-shek, apoiadas polos EE UU, e o movemento comunista de Mao Zedong, que controlaba extensos territorios do O e contaba coa axuda dos soviéticos. Ambos os grupos emprenderon unha loita polo poder na que os comunistas se fixeron co dominio do país e proclamaron a República Popular China (1.8.1949). O triunfo da revolución en China impulsou a difusión das ideas comunistas pola Asia sudoriental. O nacionalismo na India desenvolveuse dende a Primeira Guerra Mundial, vinculado ás figuras de Mohandas Karamchand Gandhi e Pandit Jawaharlal Nehru, polo Partido do Congreso, e Ali Jinnah como líder da Liga Musulmana. Dende 1940, as tensións relixiosas entre ambas as relixións agudizáronse e, entre 1945 e 1947, o goberno do Partido Laborista preparou o plan de independencia e partición da India que foi executada polo derradeiro vicerrei británico, lord Mountbatten. En 1947, durante o proceso de independencia, apareceron dous países diferenciados pola relixión, India e Paquistán. Dentro do proceso da descolonización africana pódense establecer as seguintes fases: a primeira (1935-1952) constituíu a fase final do colonialismo europeo en África, na que se estableceron os antecedentes inmediatos das independencias africanas, dende a ocupación de Etiopia ata as repercusións da Segunda Guerra Mundial. Desde 1952 a 1956 deuse unha fase inicial da descolonización que se iniciou en África do Norte, coa revolución de Exipto (1952) e continuou coas independencias de Sudán, Tunisia e Marrocos (1956), xunto co inicio da Guerra en Alxeria (1954). Entre 1957 e 1975 deuse a fase central das descolonizacións na África subsahariana, que se iniciou coa independencia de Costa de Ouro-Ghana (1957) e na década seguinte xeneralizouse o acceso á independencia dos países africanos, que culminou en 1975 cos territorios portugueses. Dende 1975 ata 1995 estendeuse a derradeira fase da descolonización africana cando os países da África austral, dominados por unha minoría de brancos, non conseguiron deter o proceso descolonizador, e producíronse as últimas independencias: Zimbabwe (1980) e Namibia (1990), así como as reformas introducidas na República Sudafricana (1994). Ao mesmo tempo, Eritrea escindiuse de Etiopia (1993).
    As colonias españolas e portuguesas
    Logo da súa entrada na ONU, España cambiou a súa política e aplicou o status de provincias ás colonias africanas para outorgar autonomías que pouco despois desembocaron na independencia no caso de Guinea (1968). En canto a Marrocos, España entregoulle a zona de Tarfaya e en xaneiro de 1969, Ifni. Aos territorios de Saguia el Hamra e Río de Ouro, outorgoulles unha ampla autonomía, pero baixo a presión da ONU modificou o seu réxime administrativo (1969), constituíu unha asemblea local (djema), composta por representantes das tribos e dos xefes das familias, e celebrou un referendo de autodeterminación do territorio saharaui que chocou coa oposición de Marrocos (1975). O 14 de novembro de 1975, España asinou os Acordos Tripartitos de Madrid (entre Madrid, Rabat e Nouakchott), polos que entregaba o control territorial a Marrocos e Mauritania, mentres que o control do territorio se encomendaba a unha administración interina na que participaban os tres países e á djema instaurada polos españois. O 26 de febreiro de 1976, España abandonou o territorio, feito que facilitou a ocupación por Marrocos e Mauritania. No caso de Portugal, o descontento sobre a política colonial viuse limitado pola Ditadura de Salazar, que prolongou o proceso ata que logo da Revolução dos Cravos (1974) se lle concedeu a independencia á primeira colonia portuguesa en África co nome de Guiné-Bissau (10.9.1974). Ao mesmo tempo iniciouse o proceso descolonizador nas restantes provincias africanas baixo dominio portugués: Moçambique, Angola, São Tomé e Príncipe, e as illas de Cabo Verde.
    Limitacións e problemas do proceso descolonizador.
    As normas aprobadas pola ONU sobre dereito descolonizador permitiron o acceso ao autogoberno de numerosos pobos e a resolución de casos conflitivos como o de Namibia, que accedeu formalmente á independencia o 21 de marzo de 1990, ou Timor Oriental, que, logo dunha parálise do proceso descolonizador por Indonesia, en agosto de 1999, votou a favor da independencia. Fronte a estes logros permanecen algunhas situacións coloniais en pequenos territorios, sometidos maioritariamente á dependencia de metrópoles europeas, como Anguilla, Bermudas, Xibraltar, Guam, Illas Caimán, Illas Malvinas (Falkland), illas Turks e Caicos, Illas Virxes Británicas, Illas Virxes dos EE UU, Montserrat, Nova Caledonia, Pitcairn, Sáhara Occidental, Samoa Americana, Santa Elena, Timor Oriental e Tokelau. Malia as resolucións da ONU, producíronse detencións e presións nos procesos de libre determinación por parte de diferentes países (a presión francesa para a permanencia de Mayotte na República Francesa, a intervención de Indonesia en Timor Occidental ou a ocupación por Israel dos territorios palestinos). A estes problemas pódenselles engadir os que xurdiron da articulación dos novos estados sobre as vellas fronteiras coloniais, alleas á realidade social e cultural previas á dominación europea. Exemplos desta situación poden ser as convulsións do proceso de independencia no antigo Congo Belga ou a Guerra Civil en Nixeria. Xunto cos anteriores, as nacións descolonizadas teñen que facer fronte ao subdesenvolvemento e ao neocolonialismo, vinculados á dependencia económica e social.

Palabras veciñas

descolmar | descolocado -da | descolocar | descolonización | descolonizador -ra | descolonizar | descolorante