descordo

descordo

(< fr descort)

s m [LIT]

ariedade formal propia da poesía trobadoresca que se caracteriza pola ruptura do principio da isometría sobre o que se fundamenta a práctica poética dos trobadores. As estrofas, de extensión variable, posúen esquemas métricos e rimáticos diferentes e, polo tanto, cada unha delas ten melodía de seu. Esta tipoloxía formal ten a súa orixe nos descorts da lírica provenzal na que se asociaba a composicións de temática amorosa. O número de textos desta modalidade na poesía occitana chega a trinta; entre os autores que máis a practicaron destacan Cerverí de Girona e Guilhem Augier Novela, cada un deles con tres exemplares conservados. Pero o exemplar máis coñecido desta tradición é o descort plurilingüe de Raimbaut de Vaqueiras, Eras quan vey verdeyar, no que o desacougo do poeta provoca a variación da modalidade lingüística en cada estrofa (occitano, italiano, francés, gascón e galego-portugués), particularidade considerada caracterizadora do descort por Guilhem Molinier ao tomar precisamente como modelo para a definición do xénero o texto de Raimbaut. Na lírica de oïl esta variedade presenta moitas similitudes formais co lai francés, ao presentar este un carácter heterométrico. Por esta razón, algúns especialistas empregan a denominación híbrida lai-descort para referirse aos textos desta tradición. Os primeiros exemplos da autoría de trouvères como Thibaut de Champagne ou Gautier de Coincy, datan de finais do s XII ou principios do XIII. No século seguinte, con Guillaume de Machaut, o lai adquire forma fixa. A fortuna desta práctica compositiva na tradición galego-portuguesa foi escasa. O número de textos que constitúen o corpus de descordos varía entre os investigadores que, xa desde o propio Angelo Colocci -quen caracterizou coa nota Descor algunhas pezas-, se esforzaron por delimitalo. Con todo, a única composición que ofrece características propias do descordo é a cantiga de amor Agora me quer’ eu ja espedir, do trobador galego Nun’ Eanes Cêrzeo, que diverxe con respecto ao descort occitano na temática, relación cos tipos isostróficos e emprego de esquemas heterorrítmicos, e na que se desenvolve o tema da despedida amorosa e o desacougo producido polo desacordo coa dama. O poeta, ademais de empregar a denominación xenérica no derradeiro verso (“e meu descord’ acabarei”), dispón o texto en oito cobras e unha fiinda, heterométricas con versos anisosilábicos -desde bisílabos a decasílabos- e heterorrítmicas. Pódese incluír tamén entre os descordos galego-portugueses a cantiga de Lopo Liáns Quen oi’ ouvesse, xa que está precedida nos apógrafos italianos da rúbrica “este cantar fez en sson d’ un descor” e as súas catro estrofas posúen dimensións diferentes e combinan versos con distintos números de sílabas. Non obstante , o feito de que se trate dunha cantiga de escarnio, obstaculizaría a súa integración no corpus xa que o descordo -alomenos na súa orixe provenzal- limitaba o seu contido á temática amorosa.

Palabras veciñas

desconxuntura | descorar | descordar | descordo | descoroar | descorrer | descortés