Descripción económica del Reino de Galicia
Obra realizada, por encargo do Real Consulado da Coruña, polo ilustrado ferrolán Lucas Xosé Labrada Romero (1762-1842), secretario do Consulado, e publicada en 1804. Reflite o seu pensamento económico e a súa preocupación polos principais problemas do país no s XVIII. Inspirábase nas ideas fisiocráticas francesas e defendía o sector agrario, convencido da primacía da agricultura como actividade xeradora de riqueza, ao tempo que criticaba a estrutura social do Antigo Réxime por considerala incompatible co desenvolvemento económico do Estado moderno. Denunciou o atraso económico, a inxustiza social e o parasitismo administrativo reinantes en Galicia, ao tempo que propuña reformas concretas, das que cómpre salientar as relacionadas co sector agrícola: converter en propietario o campesiñado arrendatario, enaxenar os terreos baldíos respectando as peculiaridades comarcais, suprimir as vinculacións, incrementar a plantación de árbores e substituír os dereitos de alcabala e millóns por outros menos gravosos e máis efectivos. Con respecto á industria, defendeu unha reforma cuantitativa e cualitativa da artesanía popular do liño e do cánabo, e da liberdade do comercio exterior. Defendeu a necesidade de reformas administrativas para fomentar a economía, como a supresión dos señoríos xurisdicionais e a súa devolución á Coroa, sen respectar os supostos dereitos adquiridos pola nobreza. Dedicou especial atención á creación dunha ampla rede de comunicacións para un mellor desenvolvemento do mercado rexional e nacional. O fin que se perseguía con estas propostas era a felicidade nacional, entendida como a suma dos intereses individuais e a multiplicación da clase media.