desemprego

desemprego

(< desempregar)

  1. s m [ECON/SOCIOL]

    Situación de quen carece de ocupación e ten a intención de empregarse e dispoñibilidade efectiva para o traballo. Pode deberse a causas de tipo estrutural, cando as vacantes laborais non coinciden co perfil dos traballadores dispoñibles, ou fricional, orixinada polos cambios ocorridos no mercado. A situación de desemprego cíclico ten a súa orixe no estancamento ou na redución das formas de produción de bens e servicios, característicos dos períodos de depresión económica. A protección ao desemprego contempla dous niveis: o contributivo, que proporciona unha prestación substitutiva das rendas salariais do traballador que se deixan de percibir como consecuencia da perda do traballo ou da redución da xornada; e o nivel asistencial, que garante a protección dos traballadores que se atopan en circunstancias especiais, como a superación dos cincuenta e dous anos ou o esgotamento da prestación por desemprego, tendo responsabilidades familiares.

    Sinónimos: paro.
  2. prestación por desemprego

    Protección dispensada en España aos parados que se atopan en situación de desemprego contributivo e que ten por obxecto substituír as rendas salariais que se deixan de percibir, como consecuencia da perda dun emprego anterior ou da redución da xornada de traballo. A duración máxima da protección da prestación estendese a 720 días.

  3. subsidio de desemprego

    Prestación outorgada aos individuos que se atopan nunha situación de desemprego asistencial, caracterizados por unhas circunstancias específicas que dificultan a súa reinserción no mercado de traballo para garantir a súa protección. O desemprego asistencial desenvolve políticas de formación, perfeccionamento, orientación e reconversión profesional en favor dos traballadores desempregados. Inicialmente, o subsidio de desemprego ten unha duración de seis meses, prorrogables, en función das peculiaridades propias do desempregado, por períodos semestrais.