deserto -ta
(< lat desertu)
-
adx
Aplícase ao lugar que non está habitado ou onde non hai ninguén.
Ex: Algunhas aldeas de Galicia están desertas. Moitas cidades no período de vacacións quedan desertas.
-
[XEOG]
-
s
m
Rexión deshabitada pola poboación humana, xeralmente a causa das condicións adversas do medio natural, como poden ser o extremado rigor térmico (tanto nun sentido positivo como negativo), a escaseza das precipitacións e unha ausencia case total de fauna e flora. O termo engloba desertos fríos, coma o centrooriental de Islandia, desertos temperados, como os do mar de Aral, e desertos cálidos, como o do Sáhara. Os desertos cálidos e temperados (situados na zona intertropical, entre os 20° e os 35° de latitude N e S) caracterízanse por temperaturas extremas, cunha grande oscilación diaria e anual, un total de precipitacións anuais baixas (inferior a 200 mm), un réxime de circulación hidrográfica esporádico, unha vexetación moi pobre e, como consecuencia de todos estes factores, ausencia de solo. Ocupan preto dun terzo da superficie total das terras emerxidas. Os máis importantes do hemisferio Norte son o do Sáhara, o de Arabia, o do Turkestán e o do SO dos EE UU e N de México; menos importantes son o de Takla Makan, o de Gobi, o Iraniano e o Thar. No hemisferio Sur destacan o de Australia, o da Patagonia, e, máis pequenos, o de Kalahari, o de Atacama e o de Namibia. Morfoloxicamente, os desertos presentan unha gran variedade. A acción antrópica (superpoboación, explotación dos recursos, conflitos bélicos, etc), conxuntamente coas causas naturais, especialmente a seca, provocan que a superficie mundial desertizada se incremente ano tras ano.
-
deserto árido
Deserto da zona intertropical caracterizado pola extrema sequidade atmosférica, provocada pola persistencia sobre as masas continentais de grandes células anticiclónicas. Os principais axentes da erosión son os contrastes térmicos e o vento. As dilatacións e contraccións que experimentan as rochas nun espazo de tempo breve por mor da grande oscilación térmica diúrna, acaban por esnaquizalas en anacos minúsculos. Os grans de area, transportados polos fortes ventos (que son tamén resultado desa intensa oscilación térmica diúrna), deposítanse en grandes formacións de dunas, que constitúen a imaxe máis difundida das áreas desérticas, aínda que non ocupan máis ca unha superficie minoritaria dentro do conxunto. A vexetación do deserto redúcese a especies que, como as ombrófitas e as xerófitas, tomaron, grazas a unhas adaptacións especiais, formas con capacidade para vivir nestas condicións adversas. As ombrófitas levan unha vida latente grazas á resistencia das sementes, que lles permite revivir, florecer e frutificar aproveitando a máis escasa choiva. As xerófitas poden vivir aproveitando pequenas cantidades de auga. Os principais exemplos de vexetais xeromorfos son as plantas suculentas, as matas espiñosas e as gramíneas, cun sistema de raíces moi desenvolto. Cando as plantas acadan as augas subterráneas aparecen manchas de vexetación denominadas oasis. As máis das veces, a fauna propia dos desertos non é evidente. Non obstante , os desertos son o hábitat de moitas especies de réptiles, insectos, aves e mamíferos, normalmente de pequeno tamaño, feito que lles facilita localizar refuxios. Unha das adaptacións do comportamento máis común é a de permanecer protexido do sol e así moitos deles pasan o día baixo a superficie onde, a poucos centímetros de profundidade, a temperatura é varios graos menor e son activos principalmente durante a noite. Os animais obteñen a auga necesaria de alimentos como bulbos, sementes ou outros animais. Presentan numerosas adaptacións para reducir a perda de auga como a ausencia de glándulas sudoríparas, unha alta concentración nos ouriños e moitos almacenan a graxa en zonas concretas do corpo como en xibas ou colas para que esta non recubra o corpo. Na Península Ibérica existen representacións de desertos áridos, como o deserto de Tabernas, na provincia de Almería, que se estende por unha superficie de 11.625 ha e acolle especies tipicamente saharianas como a laverca de Dupont.
-
deserto costeiro/peruano
Deserto orixinado polas correntes mariñas frías que estabilizan as masas de aire ao entrar en contacto con elas e impedindo os movementos de convección e precipitación. Son desertos das latitudes medias e, polo xeral, das fachadas occidentais dos continentes, como os de Namibia, o Sáhara Occidental, California e Perú.
-
deserto de abrigo
Deserto situado a sotavento dunha gran cordilleira, de xeito que as masas de aire perden a súa humidade mentres ascenden pola vertente de barlovento (efecto Foehn) e provocan unha gran secura na rexión.
-
deserto frío
Deserto propio das zonas circumpolares e dos límites inferiores das neves perpetuas nas altas montañas. A formación vexetal propia destas áreas está composta por plantas perennes, herbáceas, caméfitas ou hemicriptófitos. Na Península Ibérica está representada nos cumios de maior altitude como o dos Pireneos e da Cordilleira Cantábrica.
-
s
m
-
adx
-
Aplícase á poxa, concurso ou premio ao que non concorre ninguén.
-
Aplícase ao premio que non se adxudica porque non se presentaron aspirantes ou porque os presentados non posúen suficientes méritos.
-
-
adx
[DER]
-
Aplícase ao recurso interposto pero non presentado en tempo e forma polo recorrente.
-
Aplícase ao delito nun lugar despoboado ou deshabitado, que actúa como agravante nun procedemento penal.
-
-
s
m
[RELIX]
Nome dado, en lembranza de san Xerome e doutros Padres da Igrexa, ás ermidas, conventos e mosteiros dalgunhas ordes relixiosas, situadas en despoboados. Preto dalgúns conventos carmelitas, xa antes da reforma teresiana, construíronse ermidas coñecidas co nome de desertos; as máis antigas foron as de Halne (Inglaterra) e Liedekerke (Países Baixos). Cada unha das provincias carmelitas funda o seu deserto.
-
Padres do deserto
[RELIX]
Anacoretas cristiáns, entre eles Antón o Grande ou Pacomio que configuraron unha espiritualidade de recollemento, renuncia ao mundo e penitencia. As súas experiencias e ensinanzas están recollidas, sobre todo, en forma de sentencias.
Frases feitas
-
Falar/Predicar no deserto. Suxerir ou explicar algo a quen non quere atender ou entender.