Despertar Gallego, El
Boletín informativo aparecido en xaneiro de 1922 en Bos Aires que cesou a súa edición ao redor de 1930. Subtitulouse “Órgano mensual de la Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales en la República Argentina”. Dirixido por Antón Alonso Ríos, exerceu como voceiro da Federación de Sociedades Gallegas. Imprimiuse nos obradoiros tipográficos de La Vanguardia. Contou coa colaboración de Xulio Sigüenza, E. Blanco Amor, Xesús Calviño, Luis Araquistain, Ramón Villar Ponte, Miguel Revestido, Lois Peña Novo, Waldo Álvarez Insúa e outros. Mantivo unha relación moi directa co xornal ourensán La Zarpa. Incluía novas referidas a cuestións económicas, políticas e sociais, ademais de debates políticos que xurdían entre as diferentes sociedades, información interna da Federación, algunhas colaboracións literarias e artigos de carácter anticaciquil, agrarista e liberal.