dharma*
Termo fundamental da teoloxía védica de significado moi diverso. Orixinaria e etimoloxicamente coincide co ṛ ta, lei de verdade que soporta todo o cosmos e que equivale á lei do sacrificio. Dotado dun sentido esencialmente moral, o dharma non pode ser transgredido sen converterse o que o transgrida nunha entidade demoníaca. Máis alá de significar a lei moral universal, converteuse tamén en sinónimo do código de conduta particular dun individuo ou dun grupo. O Mahabharata defíneo, neste sentido, como o deber no seu valor intrínseco. Entre os significados de dharma sobresaen os de virtude, moralidade, rectitude, deber, lei, bondade e verdade. No budismo, onde ten connotacións específicas, dharma significa xeralmente a doutrina predicada por Buda.