Dianthus

Dianthus

(< ‘flor do deus’ ou ‘flor deXúpiter’)

[PLANTA]

Xénero de herbáceas, da familia das cariofiláceas, que reciben a denominación popular de caraveis. En Galicia están presentes diversas especies como, D. hyssopifolius, perenne de ata 50 cm de altura, con flores de pétalos brancos; D. laricifolius, coas subespecies D. laricifolius caespitosifolis e D. laricifolius merinoi, que constitúen especies endémicas; D. langeanus, con flores rosas localizadas en pedregais e pastos secos de montaña, tamén endemismo galego. A especie D. caryophyllus é orixinaria de Eurasia e cultívase dende hai máis de 2.000 anos en Europa e China. A partir dela, mediante procesos de hibridación e selección, obtivéronse un gran número de variedades. O cultivo require solos areosos con escasas arxilas para que teña unha boa drenaxe e evitar as enfermidades criptogámicas ás que a planta é susceptible. As temperaturas óptimas acádanas entre os 22-24°C, e durante a noite entre os 10-12°C. As xeadas estragan a flor para a comercialización. Na linguaxe das flores cada cor ten distinto significado, e así a cor vermella indica admiración pola persoa amada, a branca o amor verdadeiro, inocente e puro, a amarela decepción e as estriadas rexeitamento. No mercado distínguense fundamentalmente tres tipos: o caravel estándar ou uniflora -de flor grande-, os mini ou esprai, e os micro -ambos de flores pequenas- que tamén reciben o nome de caraveliñas. Os maiores produtores de caravel do mundo son Colombia e España. Neste último, o caravel representa o 47% do total da produción de flores, seguida do 10% das rosas. O 55% da produción española está en Andalucía, principalmente en Cádiz, e en segundo lugar Galicia co 15%.

Palabras veciñas

diante | dianteira | dianteiro -ra | Dianthus | diantre | diantrufo | diapalma