Diario de La Coruña
Periódico de tendencia liberal que apareceu o 22 de xuño de 1808 na Coruña e que cesou en 1815. Dirixido por Manuel Pardo de Andrade foi pioneiro no seu campo e precedente doutras posteriores. Na súa primeira época, dende a súa fundación ata xaneiro de 1809, empregouse como arma propagandística da Xunta da Coruña contra a invasión francesa. Imprimíase nos obradoiros tipográficos de Manuel Mª de Vila. Na segunda época, entre xaneiro ata agosto de 1809, o editor cedeu o diario a Ángel Antonio Henry, que o converteu en voceiro oficial da Xunta Soberana de Galicia e que o denominou Diario del Gobierno de La Coruña. Imprimiuse daquela nos obradoiros tipográficos de Francisco C. Pérez Prieto. Na terceira época, entre agosto de 1809 e setembro de 1814, recuperou o nome orixinal e pasou a imprimirse nos talleres de Manuel Mª de Vila. A partir de xuño de 1811 dividiu a información nas seccións “Noticias del Extranjero” e “Noticias de España”. Na súa cuarta etapa, a partir de setembro de 1814, denominouse Diario Antiguo de La Coruña e imprimiuse nos obradoiros de Xosé Calleja e, posteriormente, nos talleres de Sebastián Iguereta. Incluía noticias, partes oficiais, artigos variados, novas de Madrid, actos oficiais, editoriais de carácter político e coplas satíricas en galego.