diáspora

diáspora

(< gr διασπορά‘dispersión’)

  1. s f [RELIX]

    Conxunto das comunidades xudías dispersas por todos os lugares do mundo fóra de Palestina. O termo apareceu na versión grega do Antigo Testamento, onde a dispersión do pobo xudeu se interpreta como castigo á súa apostasía. A diáspora foi resultado de varias deportacións acontecidas tralas invasións ou conquistas de Palestina. A primeira tivo lugar despois da captura de Samaria polos asirios de Sargón, no 721 a C. En 587 a C os babilonios deportaron os habitantes do Reino de Xudá a Mesopotamia; cincuenta anos despois, o persa Ciro o Grande permitiu o retorno dos xudeus a Palestina, pero os máis ricos permaneceron en Babilonia, onde formaron unha comunidade numerosa e influínte. A conquista das tropas helenas de Alexandre o Grande causou a dispersión dos xudeus por Asia e Siria. Pouco despois da deportación a Babilonia, un grupo de xudeus que quedara en Palestina emigrou voluntariamente a Exipto e formaron a colonia alexandrina. A súa presenza en Roma documéntase xa no s I a C, pero trala destrución de Xerusalén por Tito, milleiros de xudeus foron vendidos como escravos e espalláronse por todo o Imperio. Os xudeus da diáspora eran, polo xeral, fieis á súa relixión, pero a distancia rematou por provocar algunhas discrepancias teolóxicas: en Mesopotamia, os xudeus lían e estudiaban a Biblia en hebreo; os de Exipto e toda Europa esqueceron rapidamente o hebreo, polo que traduciron a Biblia ao grego (a dos Setenta). Todas as comunidades tiñan a súa sinagoga. No Imperio Romano declarouse o seu culto como religio licita. Tiñan permiso para observar libremente as súas ordenanzas relixiosas, como o sabbath (descanso sabático), as súas festas e as súas leis alimentarias. Estaban exentos do culto ao emperador e do servizo militar. Moitos gozaron da cidadanía romana, como o propio san Paulo. En moitos lugares, a comunidade hebrea formaba unha organización recoñecida cos seus propios poderes administrativos, xudiciais e financeiros.

  2. s f

    Dispersión dun grupo étnico, relixioso ou cultural fóra do seu lugar orixinario.

    Ex: Hai moitos galegos da diáspora que non volveron á terra.

  3. s f [BIOL]

    Complexo orgánico formado por un ser vivo, as máis das veces por unha planta, destinado á propagación e conservación da especie.

Palabras veciñas

diascordio | diasirmo | diasistema | diáspora | Diáspora | diásporo | diaspro