diatomea

diatomea

(< grδιατομή ‘corte’)

  1. adx f

    Relativo ou pertencente ás diatomeas.

    Sinónimos: bacilariofícea.
  2. s f [PROTISTA]

    Alga da clase das diatomeas.

    Sinónimos: bacilariofícea.
  3. s f pl [PROTISTA]

    Algas crisófitas unicelulares, cun tamaño entre 0,01 e 0,3 mm, que presentan a parede celular formada por sílice impregnada de pectina, denominada frústula, formada por dúas metades, chamadas tecas, que encaixan entre si. As tecas presentan numerosos poros que permiten a comunicación da célula co exterior e unha profusa ornamentación. Non posúen flaxelos e algunhas especies forman, ao unirse mediante mucílagos, cadeas ou agregados coloniais. Coñécense fósiles mariños dende o Cretáceo, e de augas continentais dende o Oligoceno. As células só presentan un núcleo e os cloroplastos teñen unha gran diversidade de formas (discoidais, estreladas, aplanadas ou con forma de H). Os pigmentos fotosintéticos son clorofilas a e c, β-carotenos, fucoxantinas, ademais de pequenas cantidades de diatoxantina e diadinoxantina e pirenoides. A proporción destes pigmentos danlles aos cloroplastos unha cor que vai dende o amarelo ata o castaño escuro. As diatomeas reprodúcense por bipartición que dá lugar a dúas células fillas de distinto tamaño: unha que mantén o tamaño da célula nai -xa que herda a teca maior- e outra que ten por teca maior a teca pequena da nai. Ao repetirse este proceso ao longo das xeracións, unha das liñas acada un tamaño crítico que obriga a estas diatomeas de pequeno tamaño á conxugación. Este proceso ten lugar cando dúas diatomeas pequenas se colocan unha ao lado da outra e segregan unha vaíña xelatinosa que as envolve: cada unha divide o seu protoplasma en dous, para o que forman dous gametos iguais, un con mobilidade que se despraza e se une ao móbil da diatomea oposta, e que dá orixe a dous cigotos ou auxósporas; estes, unha vez libres, medran e recuperan o tamaño inicial da especie ao segregar a súa nova cuberta silicosa e ao reproducirse no sucesivo por bipartición. As diatomeas están presentes en case que todos os medios acuáticos: viven nas augas continentais doces e nas mariñas salgadas, pero tamén en solos húmidos, en paredes molladas e entre os brións. Son responsables dunha gran parte da produtividade primaria das augas, que repercute na produción de todo o ecosistema. En lugares axeitados (de pouca fondura e con augas ricas en silicio), chegan a sedimentarse grosores considerables de frústulas baleiras, que constitúen a terra de diatomeas. A maioría das especies son autótrofas; algunhas son auxótrofas, xa que requiren a cobalamina ou a tiamina; e outras son heterótrofas facultativas e poden vivir na escuridade; outras poucas especies, que non presentan pigmentos, viven saprofiticamente sobre o mucílago que recobre o talo das algas pardas. As diatomeas divídense, atendendo ao seu ciclo vital, en: holoplanctónicas, as que sempre viven nel; meroplanctónicas, as que pasan unha parte do seu ciclo vital no fondo; e as ticopeláxicas, as que pasan a maior parte do seu ciclo vital fixadas ao substrato. Para facilitar a flotabilidade, as diatomeas holoplanctónicas presentan unha serie de adaptacións, como apéndices e proxeccións, que aumentan a súa superficie, ou unha baixa densidade mediante a absorción selectiva de ións monovalentes, a acumulación de lípidos ou a secreción de mucílagos. As formas ticopeláxicas aparecen sobre os fondos, sobre plantas e algas, sobre animais ou mesmo dentro deles. A clasificación está baseada na forma e ornamentación da parede e da frústula, e na presenza dunha fenda nas valvas, denominada rafe, que facilita a comunicación co exterior e o movemento. Distínguense as ordes das pennais e das centrais. As diatomeas da orde das pennais presentan simetría bilateral, rafe ou campos hialinos, e dous plastidios. A reprodución sexual ten lugar por isogamia ou autogamia. Son, as máis das especies, propias de auga doce, bentónicas ou epifíticas, e de augas frías. Teñen un papel fundamental no plancto mariño nerítico, no que alcanzan densidades enormes en épocas de afloramento das augas profundas (inicio da primavera e outono) e no plancto de lagos, encoros e ríos. As diatomeas da orde das centrais caracterízanse por ter simetría radiada, que dá lugar a valvas cilíndricas, biangulares, triangulares ou poligonais. Non presentan rafes pero si numerosos plastidios. A reprodución é sexual por oogamia, na que os gametos presentan un único flaxelo. Son principalmente mariñas e planctónicas. As diatomeas son un grupo antigo, importante dende o período Xurásico, composto por unhas 20.000 ou 30.000 especies. Os principais xéneros de diatomeas son: Coscinodiscus, Fragilaria, Navicula, Nitzschia, Pinnularia, Pleurosigma e Rhizosolenia. Os depósitos de valvas fosilizados forman enormes depósitos que se empregan en dentífricos, abrasivos e materiais de filtración e illamento. Tamén se denomina bacilariofícea.