didáctica

didáctica

(

  1. didáctica teatral [ESPECT]

    Disciplina creada fronte ao concepto de lingüística aplicada ao ensino das linguas para marcar mellor as súas implicacións multidisciplinares (lingüísticas, psicolóxicas, sociolóxicas ou pedagóxicas), e asemade subliñar a súa ambición máis teórica, xeral e abstracta. Na terminoloxía anglófona prefírense os termos adquisición da primeira/segunda lingua e considérase o concepto de aprendizaxe demasiado vinculado ás teorías condutistas. O obxectivo desta disciplina, na que traballan tanto lingüistas coma psicólogos e educadores, é deseñar estratexias e metodoloxías de ensino que faciliten a aprendizaxe tanto da lingua materna coma de segundas e terceiras linguas. Préstase atención aos procesos de aprendizaxe e mais ás fases do desenvolvemento da(s) lingua(s) e téñense en conta as características e tipos de alumnos, a sociedade e contorno da aprendizaxe -importantes na definición de obxectivos-, as condicións e contidos da aprendizaxe e a metodoloxía para transmitilos, ademais da comprobación dos resultados obtidos. Con frecuencia, resérvase para a lingüística aplicada ao ensino de linguas a tarefa de establecer o contido tipicamente lingüístico desta aprendizaxe: qué estruturas fonéticas, gramaticais e léxicas ensinar e a partir de qué modelo(s) de lingua. Entrementres, aproveitando os achados da pedagoxía, a pragmática, a psicoloxía, a socioloxía e a antropoloxía, atribúeselle á didáctica de linguas o establecemento e aplicación dos modelos de aprendizaxe e as prioridades e estratexias derivadas dos obxectivos establecidos, o deseño, distribución e gradación das estratexias didácticas e contidos culturais dos programas e a toma de decisións sobre os tipos e natureza das probas de avaliación correspondentes. Ao longo da segunda metade do s XX tivo lugar un importante debate sobre o enfoque da aprendizaxe lingüística. Mentres algúns autores destacaron a semellanza entre a adquisición da lingua materna e a aprendizaxe das linguas estranxeiras, outros insistiron na comparación e no contraste entre os sistemas lingüísticos e mais as posibles interferencias resultantes. Así mesmo, no que atinxe aos obxectivos, pasouse dunha priorización dos contidos e a corrección gramatical, en liña coa tradición escolástica máis tradicional da primeira metade do século, á procura da eficacia comunicativa oral e escrita, de acordo coa evolución das ideas lingüísticas durante o período máis contemporáneo.

  2. Didáctica que se ocupa dos aspectos xenéricos que caracterizan os procesos que lle son propios á formación teatral. Inserida no marco teórico e disciplinar da pedagoxía teatral, do seu tronco común derivan toda unha serie de subcampos en función das diversas disciplinas que se ocupan do feito teatral. Hai varias didácticas específicas: da expresión dramática, da expresión teatral, da expresión xestual, da expresión corporal, da interpretación ou da dirección de escena. No campo da educación non formal hai que considerar aquelas experiencias históricas que comezaron a desenvolverse en Grecia e que converteron a escrita dramática e a creación teatral nun instrumento educativo, xa que servían para transmitir os máis diversos contidos, sexa en relación coa educación popular, coa educación relixiosa ou cívica, cos procesos de construción nacional ou cos procesos de dominación, liberación ou emancipación. Desa capacidade do texto e do espectáculo teatral para formular conceptos e principios, procedementos ou actitudes, valores e normas, dan conta tendencias moi diversas desde o teatro promovido pola Compañía de Xesús durante a Contrarreforma ata experiencias máis recentes de teatro político desenvolvidas en Europa ou América: o agit-prop ruso, as campañas teatrais das Misións Pedagóxicas da Segunda República, o teatro político de Erwin Piscator, as pezas didácticas de Bertolt Brecht ou o teatro do oprimido de Augusto Boal.

Palabras veciñas

Dictinio, san | dicumarol | Dicynodon | didáctica | didáctico -ca | didáctilo -la | didactismo