diglosia
(< grδίγλωσσος ‘destreza en dúas linguas’)
Concepto que empregou por primeira vez o autor grego E. Roidis en 1885 para caracterizar a situación de Grecia coa alternancia entre as variedades katharevousa (κα ϴ αρέυουσα) e demótico (δημοτικός) da lingua grega; a primeira empregada para os usos escritos e a segunda para os orais. Este concepto foi acadando unha ampla notoriedade para caracterizar situacións de desigualdade e de xerarquización sociolingüísticas. Malia que xa fora utilizado con anterioridade, foi o sociolingüista norteamericano Charles Ferguson quen o introduciu no debate sociolingüístico no ano 1959 para definir un tipo de situación en que se dá a convivencia, nunha mesma comunidade, entre dúas variedades dunha mesma lingua: unha variedade alta, utilizada nas situacións máis formais, e unha variedade baixa, reservada para os contextos máis informais. Pero as diferencias que Ch. Ferguson constataba entre ambos os tipos de variedades ían máis aló: a diglosia é unha situación relativamente estable en que, ademais dos dialectos básicos da lingua (que poden incluír un estándar ou estándares rexionais), hai unha variedade superposta moi diverxente, moi codificada (con frecuencia máis complexa gramaticalmente), vehículo dun corpus de literatura escrita amplo e respectado, procedente dun período anterior ou doutra comunidade de fala, variedade que se aprende sobre todo na escola e que se utiliza para a maioría dos usos escritos e orais formais, pero que ningún sector da comunidade utiliza para a conversa cotiá. Con esta caracterización, Ch. Ferguson daba conta das situacións pluridialectais de Grecia, Exipto, Haití ou da Suíza alemana, de maneira que na súa concepción de diglosia non entraban as situacións plurilingües. Pero ademais de seren situacións pluridialectais, Ch. Ferguson caracterizaba a situación diglósica en termos de estabilidade, derivada da especialización funcional de que gozaban as variedades alta e baixa, chamadas a convivir nun escenario adecuado para ambas. Esta concepción de diglosia de Ch. Ferguson foi reinterpretada en dúas direccións complementarias: argumentouse que: a) a diglosia tamén se producía en contextos plurilingües, e b) podía existir unha situación diglósica sempre que se producise algún tipo de especialización funcional. Tanto John Gumperz coma especialmente Joshua Fishman argumentaron nesa liña, e de aí procede a definición fishmaniana de diglosia: calquera situación social en que se produce unha especialización nas funcións desenvolvidas por dúas ou máis variedades lingüísticas, con independencia de se son variedades dunha mesma lingua ou dúas linguas diferentes. Desta forma, a diglosia pasaba a ser o correlato social do bilingüismo, concepto agora reservado para indicar o grao de coñecemento lingüístico individual. Como resultado do cruzamento da diglosia como fenómeno social e do bilingüismo como fenómeno individual, Joshua Fishman propuxo a distinción entre catro situacións posibles: situación de diglosia e bilingüismo, de bilingüismo sen diglosia, de diglosia sen bilingüismo, e situacións sen diglosia nin bilingüismo. Como o propio Ch. Ferguson recoñeceu posteriormente, a súa formulación orixinal non estaba pensada para ser aplicada a todos os casos de plurilingüismo ou de diferenciación funcional de linguas. A extensión do concepto fishmaniano de diglosia fixo agromar un tipo de argumentación centrada en destacar a relación disfuncional entre as variedades en contacto, relación reflectida na terminoloxía utilizada para nomear as linguas expansivas -as variedades altas- fronte ás variedades minoritarias ou recesivas -as variedades baixas-. Con todo, tanto a interpretación lingüística de Ch. Ferguson coma a definición sociolingüística de J. Fishman foron suscitando as críticas formuladas desde distintas perspectivas de análise. Ambos os autores, inseridos na tradición sociolingüística americana, partían dunha interpretación consensualista das realidades sociais, na cal se presupón que todos os membros da comunidade concordan na valoración dos contextos que son apropiados para a utilización de cada variedade lingüística. Esta perspectiva foi considerada ahistórica, xa que resulta irrelevante cómo se chega a tal distribución funcional, e asocial, xa que desliga a lingua de nocións esenciais da vida na sociedade, como o poder e mais a desigualdade. O concepto de diglosia aplicouse na sociolingüística da lingua galega para caracterizar situacións e procesos diferentes. Algúns autores utilizárona para definir a situación histórica de asimilación e de opresión do castelán ao longo da historia. Máis recentemente, outros autores sinalan a existencia dunha relación de diglosia interna para se referiren á distribución das diferentes variedades da lingua galega actual, principalmente na distribución social do galego estándar e das variedades tradicionais da lingua.