diluvio

diluvio

(< lat diluvĭu)

  1. s m [RELIX]

    Cataclismo consistente nunha gran choiva e inundación universais que, segundo as tradicións relixiosas máis antigas de diversos pobos, asolagou a terra como castigo divino. Tanto a versión babilónica da epopea de Gilgameš como a narración bíblica da Xénese, que parece inspirarse nela, falan dun anuncio previo por parte da divindade e da orde de construír unha nave de salvación, que no caso da Biblia foi a arca de Noé. A intención do relato bíblico é eminentemente teolóxica e allea a calquera preocupación historiográfica. Malia iso, o fundamentalismo relixioso que imbuíu a sociedade occidental dende a Idade Media atribuíulle valor histórico a esta narración, polo que, ata o desenvolvemento autónomo da ciencia a partir do s XIX, considerouse como un episodio fundamental para a historia da humanidade, que se dividiu segundo esta lóxica en tres grandes razas correspondentes aos tres fillos de Noé: os semitas, descendentes de Sem, os camitas, de Cam, e os iafetitas, de Iafet. OBS: Xeralmente, emprégase en maiúscula.

  2. s m

    Choiva extremadamente intensa.

    Ex: Non saiades á rúa agora, está caendo un diluvio e ides poñervos coma pitos.

    Sinónimos: arroiada. Confrontacións: dioiva, dioivo, doira, doiro.
  3. s m

    Abundancia desmedida dalgunha cousa.

    Ex: Cada vez que sae o alcalde á rúa escoita un diluvio de queixas dos veciños.