dinosauro

dinosauro

(

adx e s [ANIMAL/ORNIT]

Denominación popular dos réptiles das ordes dos saurisquios e dos ornitisquios que, xunto coas ordes dos pterosauros e dos crocodilos, forman a superorde dos arcosauros. Caracterizaron as comunidades de vertebrados terrestres da era Mesozoica, comprendida entre os 200 e os 65 millóns de anos, e a partir do Cenozoico a súa representación quedou reducida ás aves. Os dinosauros mesozoicos tiveron un tamaño medio de 200 cm, moito maior ca o tamaño medio dos mamíferos cenozoicos, que é de 20 cm. Algúns dinosauros foron os animais de maior tamaño da historia da Terra, como o Diplodocus, que acadou os 30 m de lonxitude. Os arcosauros apareceron hai uns 250 millóns de anos como animais depredadores e preeiros. Os primeiros arcosauros tiñan as patas abertas aos lados do corpo, como os lagartos actuais, pero durante o Triásico Medio e Superior, nos crocodilos e nos dinosauros apareceron extremidades situadas baixo o corpo. Ao adoptar esta posición, estes animais podían correr de xeito máis sostido xa que a disposición da pata fai diminuír o esforzo de manter o peso fronte a manter a disposición anterior, coas patas abertas. Este feito constituíu unha vantaxe fundamental á hora de alimentarse e fuxir dos depredadores. Moi posiblemente, o suceso que propiciou o predominio dos dinosauros está relacionado cunha extinción masiva hai 225 millóns de anos. Nela desapareceron máis dunha ducia de grupos de réptiles (como os rincosauros, os dicinodontos, os etosauros e moitos dos cinodontos e tecodontos). Esta extinción provocou que moitos papeis ecolóxicos quedaran baleiros, polo que os grupos superviventes tiveron grandes oportunidades para desenvolverse e prosperar. Así, os dinosauros pasaron de constituír un grupo minoritario na diversidade da fauna, cun 2%, a supor nalgúns millóns de anos máis do 50% das especies. De feito, os dinosauros ocuparon nichos como herbívoros e como carnívoros de pequeno tamaño, dos que tan só quedan os rauisuquios como testemuño da fauna previa a esta extinción e que ocupan o posto de superdepredadores. Unha segunda extinción masiva tivo lugar no Triásico Superior, hai 208 millóns de anos, que acabou cos últimos representantes dos rauisuquios, fitosaurios e tecodontos; a partir dese momento os dinosauros tamén constituíron os maiores depredadores do Mesozoico. Algúns dinosauros terópodos, hai uns 145 millóns de anos, presentaban o seu corpo cuberto de plumas, posiblemente como illante térmico. Deste xeito, Protarchaeopteryx tiña o corpo e a cola cubertos de penuxe e plumas rectrices ao final do apéndice caudal, e Caudipteryx presentaba plumas longas, asociadas ao segundo dedo da man. Algúns destes dinosauros derivaron a función destas superficies con plumas para adquirir a facultade de voo planado, como no caso do Archaeopteryx. Dende o Cretáceo coñécense formas, como as do xénero Iberomesornis, que presentan un esqueleto pectoral apto para un voo potente e dirixido. Este grupo de dinosauros alados denomínanse popularmente aves. Ao final do Mesozoico hai uns 66 millóns de anos, extinguiuse a práctica totalidade dos dinosauros, ademais doutros grupos de réptiles como os pterosauros e os itiosauros, plesiosauros e mosasauros, e invertebrados mariños como os ammonites, por mor dos cambios provocados na biosfera a consecuencia do impacto contra a Terra do asteroide Alvárez de 10 km de diámetro na península de Yucatán. Este feito foi descuberto, en 1980, por Luis Álvarez e Walter Álvarez -norteamericanos de orixe asturiana-, partindo da interpretación da gran concentración de iridio (metal moi raro na Terra) no estrato de rochas sedimentarias formadas durante a última grande extinción. Os primeiros fósiles, correspondentes a Megalosaurus e Iguanodon, descubríronse en Inglaterra e foron descritos en 1824 e 1825, aínda que só 10 anos despois Richard Owen soubo que non tiñan relación con especies de réptiles actuais e bautizounos co termo de dinosauros (‘lagartos terribles’). Na segunda metade do s XIX localizáronse numerosos fósiles en Europa e America do Norte. Os primeiros sinais de dinosauros descubertos en América do Norte, en 1835, foron pegadas que se identificaron inmediatamente co rastro que deixara unha xigantesca ave. En 1887, Harry Seeley diferenciou entre os saurisquios e ornitisquios. A revolución nos descubrimentos foi motivada pola rivalidade entre dous grupos de descubridores de fósiles encabezados por Othniel Charles Marsh, da Universidade de Yale e financiado polo seu tío importador, e Edward Drinker Cope, da Academia de Ciencias Naturais de Filadelfia e financiado polo seu pai armador. Durante o Mesozoico comezou a disgregarse a segunda Panxea, feito que supón o inicio dun longo proceso que levará á actual configuración da codia terrestre. A separación das masas continentais debeuse á aparición dos chamados puntos quentes ou de tripla unión. Un destes puntos quentes situaríase ao noroeste de Galicia, do que partirían tres rifts ou fracturas con vulcanismo asociado, que darían lugar á expansión dos fondos oceánicos. Na placa ibérica no Cretáceo, os límites de Galicia eran máis amplos ca hoxe, a plataforma continental galega chegaba a 600 km de distancia. Os dinosauros galegos foron nun principio especies de ampla distribución mundial e logo, no Cretáceo, unha vez diferenciada Panxea nos dous grandes continentes de Asiamérica e Euramérica, foron a fauna propia deste último. Non obstante , en Galicia non se conserva o rexistro sedimentario correspondente á era Mesozoica, polo que a fauna que debeu existir dedúcese dos fósiles coñecidos na Península Ibérica. Coñécense no mundo máis de 300 xéneros descritos de dinosauros fósiles, 55 corresponden a saurisquios e 245 a ornitisquios. Os dinosauros corresponden a dúas das ordes dos réptiles arcosauros: a dos saurisquios e a dos ornitisquios. A orde dos saurisquios, ou dinosauros de pelve semellante á dos lagartos, engloba dúas subordes: a suborde dos terópodos, que abrangue a infraorde dos celurosauros, formada polas familias dos podoquesáuridos (Coelophysis, Procompsognathus e Saltopus), dos celúridos (Coelurus), dos compsognátidos (Compsognathus), dos ornitomímidos (Dromiceiomimus, Elaphrosaurus, Gallimimus, Ornithomimus e Struthiomimus), dos deinoquéiridos (Deinocherius), dos ovirraptóridos (Oviraptor); dos saurornitóididos (Saurornithoides e Stenonychosaurus), e a da familia dos barionícidos (Baryonyx); a infraorde dos deinonicosauros, formada pola familia dos dromeosáuridos (Deinonychus Dromaeosaurus Saurornitholestes e Velociraptor); a infraorde carnosauros, formada polas familias dos megalosáuridos (Dilophosaurus, Eustreptospondylus, Megalosaurus, Proceratosaurus e Teratosaurus), dos alosáuridos (Allosaurus e Yangchuanosaurus), dos ceratosáuridos (Ceratosaurus), dos espinosáuridos (Acrocanthosaurus e Spinosaurus) e dos tiranosáuridos (Albertosaurus, Alioramus, Daspletosaurus, Tarbosaurus e Tyrannosaurus); e a suborde dos sauropodomorfos, que abrangue a infraorde dos prosaurópodos, formada polas familias dos anquisáuridos (Anchisaurus, Efraasia e Thecodontosaurus), dos plateosáuridos (Massospondylus, Mussaurus e Plateosaurus) e a familia dos melanorrosáuridos (Riojasaurus); e a infraorde dos saurópodos, formada polas familias dos cetiosáuridos (Barapasaurus e Cetiosaurus), dos braquiosáuridos (Brachiosaurus), dos camarasáuridos (Camarasaurus, Euhelopus e Ophistocoelicaudia), dos diplodócidos (Apatosaurus, Brontosaurus, Dicraeosaurus, Diplodocus e Mamenchisaurus) e a familia dos titonosáuridos (Alamosaurus e Saltasaurus). A orde dos ornitisquios, ou dinosauros de pelve semellante á das aves, engloba catro subordes: a suborde dos ornitópodos, formada polas familias dos fabrosáridos (Echinodon, Lesothosaurus e Scutellosaurus), dos heterodontosáuridos (Heterodontosaurus e Pisanosaurus), dos paquicefalosáuridos (Homalocephale, Pachycephalosaurus, Prenocephale e Stegoceras), dos hipsilofodóntidos (Dryosaurus, Hypsilophodon, Othnielia, Parksosaurus, Tenontosaurus e Thescelosaurus), dos iguanodóntidos (Callovosaurus, Camptosaurus, Iguanodon, Muttaburrasaurus, Ouranosaurus, Probactrosaurus e Vectisaurus), a dos hadrosáuridos (Anatosaurus, Bactrosaurus, Corythosaurus, Edmontosaurus, Hadrosaurus, Hypacrosaurus, Kritosaurus, Lambeosaurus, Maiasaura, Parasaurolophus, Prosaurolophus, Saurolophus, Prosaurolophus, Saurolophus, Shantungosaurus e Tsintaosaurus); a suborde dos estegosauros, formada pola familia dos estegosáuridos (Kentrosaurus, Stegosaurus, Tuojiangosaurus e Wuerhosaurus); a suborde dos anquilosauros, formada polas familias dos escelidosáuridos (Scelidosaurus) e dos nodosáuridos (Hylaeosaurus, Panoplosaurus, Nodosaurus, Polacanthus, Sauropelta, Silvisaurus, Struthiosaurus, Euoplocephalus, Saichania e Talarurus); e a suborde dos ceratopsios, formada polas familias dos psitacosáuridos (Psittacosaurus), dos protoceratópidos (Bagaceratops, Leptoceratops, Microceratops, Montanoceratops e Protoceratops) e a familia dos ceratópidos (Anchiceratops, Arrhinoceratops, Centrosaurus, Chasmosaurus, Pachyrhinosaurus, Pentaceratops, Styracosaurus, Torosaurus e Triceratops).

Palabras veciñas

dinorfina | Dinornis | dinornitiforme | dinosauro | dinóspora | dinoterio | Dinslaken