Diplodocus
Xénero de dinosauros, da familia dos diplodócidos, de ata 30 m de lonxitude -dos que máis de 7 correspondían ao pescozo e 14 á cola-. A cabeza nos adultos medía uns 60 cm e pesaba de 10 a 11 toneladas. A etimoloxía do nome (gr διπλόος ‘dobre’ + δοκός ‘viga’) fai referencia a unha característica especial da columna vertebral; tiña pequenos ósos detrás da columna vertebral, cunha peza que ía cara a adiante, e outra que ía cara a atrás. As extremidades posteriores eran máis longas ca as anteriores. Posuían uns músculos poderosos que unían os ósos da pelve e as vértebras axudaban a manter en suspensión unha longa cola que terminaba nunha punta flexible coma un látigo. Malia a gran lonxitude deste animal, as enormes cavidades nas súas vértebras apuntan a que pesaba arredor dos 18.000 quilos. Alimentábase de fentos, ginkos, coníferas e do resto da vexetación que crecía nas pradeiras nese período. Tamén podía acceder ás copas das árbores levantándose sobre as patas traseiras. Empregaban os dentes, en forma de estacas e localizados na parte frontal da boca, para arrincar as follas das árbores e dos fentos. Carecía de dentes na parte posterior para mastigar, pero si tiña gastrolitos para triturar as follas no estómago. Presentaban pequenas garras nos dedos internos das patas, probablemente para defenderse dos carnívoros. Propios do Xurásico, os xacementos máis importantes están en América do Norte.