Directorio de Teis

Directorio de Teis

Sociedade constituída na xuntanza convocada pola Sociedade de Agricultores de Teis e celebrada en Vigo o 15 de decembro de 1907, coa finalidade de coordinar a loita pola redención foral. Na xuntanza participaron as asociacións agrarias e obreiras do Partido Xudicial de Vigo e adheríronse máis de corenta sociedades do resto da provincia. Iniciaron a campaña antiforal co mitin celebrado en Vigo o 26 de xaneiro de 1908. Entre os seus obxectivos cómpre salientar: a redención forzosa, a simplificación dos trámites legais, o establecemento por parte do goberno de bancos agrícolas que financiasen as redencións e a continuación da campaña a través de mitins nas capitais provinciais. Entre os seus oradores destacaron Xacinto Crespo, Carmen Álvarez e os seus teóricos Prudencio Landín e Emilio Rodal. Este último realizou unha viaxe a Cuba en setembro de 1909 na procura de apoios entre os emigrantes galegos, da que resultou a creación do Comité Antiforal de La Habana. En 1910 estivo presente nas reunións celebradas no Centro Galego de Madrid que articularon a Liga Agrario-Redencionista, coa participación de Portela Valladares e Basilio Álvarez, entre outros, e coa organización Acción Gallega como voceira do movemento, que tiña por obxectivo a creación dun Partido Agrario Redencionista Gallego. O proxecto non frutificou e o Directorio tamén se disolveu antes da celebración da III Asemblea de Monforte (1911).

Palabras veciñas

directorial | directorio | Directorio 1 | Directorio de Teis | Directorio Militar | Directorio, estilo | directriz