disco

disco

(< lat discu < grδίσκος)

    1. s m

      Corpo cilíndrico coa base maior ca a altura.

    2. s m

      Superficie semellante a un círculo.

      Ex: Nos días de eclipse apréciase perfectamente o disco da Lúa.

    3. s m [DEP]

      Instrumento de forma lenticular e está composto dun corpo de madeira no centro, con dúas placas metálicas unidas a un dispositivo para regular o peso, e rodeado totalmente dun círculo de metal que lanzan os atletas desde un círculo de cemento de 2,5 m de diámetro. No lanzamento de disco, o atleta balancea o obxecto e avanza xirando sobre si mesmo para poder imprimirlle ao disco a máxima forza centrífuga no momento de lanzalo.

    4. s m [DEP]

      Instrumento en forma cilíndrica, composto por caucho vulcanizado, tamén denominado puck, que fai a función de pelota en hóckey sobre xeo. Os xogadores móveno e lánzano cos seus bastóns ou stikcs, intentando introducilo na portería contraria.

    5. s m [TRANSP]

      Placa en forma de disco utilizada como sinal nas vías férreas.

    6. s m [INFORM]

      Dispositivo a onde chega e se rexistra a información dada de forma binaria. Se a lectura emprega técnicas magnéticas, fálase de discos magnéticos, e se emprega técnicas ópticas, de discos ópticos. Os discos magnéticos poden ser fixos ou flexibles. O disco fixo tamén se chama disco duro; trátase dun disco magnético coas caras recubertas dun material magnetizable, no que hai un número de pistas concéntricas divididas en sectores onde se rexistran os datos. O disco incorpora no seu interior un aparello (unidade de disco) que xira a gran velocidade (unhas 3.000 voltas por minuto); hai un ou máis campos magnéticos que se poden mover radialmente e acceder a calquera punto do disco. Os modelos primitivos de 10 MB e os posteriores de 20 e 40 MB, evolucionaron ata capacidades superiores a 100 GB. O disco flexible tamén se coñece co nome de disco brando, floppy disk ou disquete; é un disco magnético de débil capacidade de rexistro (unhas cantas centenas de kilobytes), que vai pechado nunha funda cadrada de papel, cartolina ou plástico; utilízase nos microodenadores e nos ordenadores persoais. As súas dimensións son máis reducidas ca as do disco fixo e xira a unhas 300 ou 360 voltas por minuto. Os discos de 5,25 polgadas presentan un formato de dobre cara e dobre densidade, de 360 kB, e neles introduciuse o formato de alta densidade que permite 1.200 kB por disco. Mentres, os disquetes de 3,5 pulgadas, os máis estendidos, posúen dous formatos normalizados: os de dobre densidade de 720 kB e os de alta densidade de 1.440 kB. O disco introdúcese por unha rañura na unidade de disco, aparello que leva os mecanismos de xiro e as cabezas magnéticas. Os discos teñen un formato normalizado cunha serie de pistas e sectores determinados para cada tipo. Os empregados nos PC están distribuídos en catro zonas, tres das cales son para almacenar información adicional e outra é propiamente a almacenadora de datos. Estas tres zonas son o sector inicial (BOOT), a táboa de localización dos ficheiros (FAT) e o director principal (ROOT). Nos discos de gran capacidade adóitase estruturar o espazo útil en directorios e subdirectorios. Os discos duros pódense dividir en partes independentes mediante unha partición; o disco compórtase como se fosen distintos discos individuais. O disco óptico baséase no rexistro dixital e no procedemento de lectura óptica por láser introducido polos laboratorios Philips no ano 1980. Parte dunha técnica numérica de rexistro e dun sistema de lectura e descodificación dos sinais numéricos; o sinal descomponse en mostras que se traducen a un número binario e se codifican. Esta información rexístrase nunha soa cara do disco, en forma de entallas microscópicas chamadas pits, dispostas secuencialmente nunha espiral. O disco lese opticamente mediante un raio láser, sen que haxa contacto entre o disco e a cabeza de lectura. Utilízanse para rexistrar música (disco compacto) e como soporte de bases de datos autónomos (enciclopedias, dicionarios, etc), para ser utilizados en microordenadores, etc. Co tempo foron aparecendo unha serie de produtos especializados: o CD-ROM (Compact Disc-Read Only Memory), utilizado para rexistrar texto codificado en forma dixital, ten unha capacidade de almacenamento que pode chegar a 600 MB. Utilízase para a edición electrónica de certos tipos de bases de datos. Unha variante é o CD-ROM XA (Extended Arcuitecture), que permite comprimir selectivamente a codificación do sinal de audio e tamén decodificar texto, gráficos e imaxes de vídeo. Outra aplicación é o CD-I (Compact Disc-Interactive), que permite as combinacións do anterior e un acceso interactivo desde o microordenador. O DV-I (Digital Video-Interactive), gracias a un algoritmo de comprensión e descomprensión, permite unha ampla capacidade. O Disco Óptico Numérico (DON) é un tipo da memoria óptica que pode rexistrar unha ou dúas veces o usuario. Ademais, cómpre salientar o WORM (Write Once Read Many), que permite un rexistro único e múltiples lecturas, e o WMRA (Write Many Read Always), que fai posible tantas escrituras e lecturas como se desexen, para mesmo se converter nun medio alternativo ao disco magnético Winchester.

    7. s m [COMUN]

      Cada un dos tres círculos luminosos, verde, vermello e amarelo, que forman o semáforo que regula a circulación.

    8. s m [COMUN]

      Círculo xiratorio do teléfono con dez buracos correspondentes ás cifras que van do 0 ao 9 e que serve para marcar o número do abonado co que se quere falar.

    9. s m [AGR]

      Peza en forma de casco circular que constitúe unha parte do grupo de traballo do arado de disco.

    10. disco de franc-bord [MAR]

      Disco pintado aos lados dos barcos que serve para marcar o máximo calado co que poden navegar.

    11. disco de Teodosio

      Escudo circular de prata cun diámetro de 74 centímetros e que data do 338. Localizado en Almendralejo en 1847, representa o Emperador Teodosio I sentado no trono no momento de entregar o liber mandatorum a un alto funcionario ou ao seu fillo Honorio, ante a presenza de dous personaxes identificados con Valentiniano II e Arcadio, que están sentados. A escena desenvólvese nun palacio e na parte inferior da peza represéntase a Tellus, a terra, deitada e cos froitos que produce. Ao redor do escudo figura unha lenda que permite a datación da peza. Consérvase na Real Academia de la Historia en Madrid.

    12. disco do Sol/pedra do Sol

      Representación do calendario azteca feita en pórfido e esculpida por unha soa cara. No centro aparece o astro e, ao seu redor e de forma concéntrica, amósase o pasado e o futuro por medio de xeroglíficos. Pertenceu á gran pirámide e apareceu en 1790 nun dos muros da catedral de México.

  1. s m [COMUN]

    Peza metálica na que se pintan os sinais do código de circulación.

    1. s m [ANAT]

      Órgano ou estrutura anatómica de forma redonda e achatada.

    2. s m [BOT]

      Excrecencia en forma de disco ou anel, xeralmente con función glandular, que forma o tálamo dentro da flor e que ten unha grande importancia sistemática, xa que dependendo da súa posición pertencerá a unha ou a outra familia.

    3. disco basal [BIOL]

      Porción basal dilatada do talo de certos organismos, como medusas ou fungos, que ten como función principal a adherencia ao substrato.

    4. disco bucal [ZOOL]

      Superficie externa da boca dos ciclóstomos en forma de ventosa discoide.

    5. disco cefálico [ZOOL]

      Prolongación anterior da cabeza dos opistobranquios.

    6. disco imaxinario [ENTOM]

      Grupo de células indiferenciadas presente nas larvas dos insectos, que co seu crecemento e diferenciación dá lugar a determinadas estruturas no adulto, como son as ás, os ollos ou as antenas.

    7. disco intervertebral [ANAT]

      Formación fibrocartilaxinosa, en forma de disco, situada entre o corpo de dúas vértebras da columna vertebral. A súa función é a de absorber os golpes e vibracións, e proporcionarlle flexibilidade á columna.

    8. disco nectarífero [BOT]

      Órgano que segrega néctar, cando se sitúa no tálamo.

    9. disco táctil/disco de Merckel [BIOL]

      Terminación sensorial libre das fibras nerviosas, achatada e discoide, relativamente abundante nos epitelios mucosos dos vertebrados tetrápodos e máis rara noutros epitelios sensibles e na pel escamuda dos peixes.

    10. disco xerminativo [BIOL]

      Zona do ovo fecundado, situada xunto ao polo animal, na que aparecen os primeiros indicios do embrión.

  2. [TECNOL]
    1. s m

      Superficie plana e circular, habitualmente de cloruro de polivinilo (PVC), dun grosor aproximado de dous milímetros, onde están rexistrados os sinais sonoros aptos para ser reproducidos en calquera momento. Funciona mecanicamente e consiste nun suco de forma espiral concéntrica rexistrado nas dúas caras do disco. O punzón da máquina que grava o primeiro disco, de acetato de celulosa, transfírelle o son por unha modulación en amplitude. Este xa é un disco para reproducir. Este primeiro disco sométese, para obter un gran número de copias, a un proceso galvánico: arxéntase, niquélase e sométese a oxidacións controladas para obter matrices negativas, aptas para prensar o material plástico de cloruro de polivinilo. Quéntase a 170° C e arrefríase inmediatamente para poder sacar o disco xa prensado e sólido. A reprodución do son gravado faise cunha cápsula fonocaptora que transmite o son, a través dun amplificador, ao altofalante. Desde os anos sesenta impúxose a gravación estereofónica e, a partir dos oitenta, a gravación dixital. A velocidade de xiro normal é de 33 1/3 revolucións por minuto para os discos de 30 cm de diámetro e de 45 revolucións por minuto para os sinxelos, de 17 cm. Desapareceu a velocidade de 78 revolucións por minuto dos discos antigos. A orixe dos discos data das investigacións do s XIX para obter unha reprodución gráfica das vibracións sonoras. Leon Scott conseguiuno en 1857 ao conectar unha agulla nun diafragma e aplicala a unha superficie cilíndrica xiratoria; Charles Cros, en 1877, presentou na Académie des Sciences de París un proxecto para reproducir o son orixinal, baseada nunha agulla que tiña que trazar un suco nunha superficie cilíndrica. Thomas A. Edison chegou a conclusións similares e o mesmo ano patentou o fonógrafo, co que rexistrou sons sobre un cilindro cuberto cunha lámina de estaño, substituída posteriormente por unha capa de cera. En 1887 Emil Berliner practicou as incisións da agulla gravadora en forma de espiral enriba dunha superficie xiratoria plana e circular. Isto permitiu obter un negativo da gravación inicial, por medio dunha prensa, para obter o maior número de copias. Empregou inicialmente a ebonita, pero despois adoptouse á goma laca, máis apta para ser prensada. A invención dun aparello reprodutor satisfactorio, o gramófono, asegurou o éxito do novo procedemento. A reprodución de música por medio do disco consolidouse cara ao ano 1900, malia o éxito inicial dos cilindros. A aparición da Deutsche Grammophon Gesellschaft en 1898 en Alemaña, da Vic22tor Talking Co en 1901 nos EE UU e da súa asociada inglesa His Master’s Voice, expandiu o disco por todo o mundo e obrigou a Columbia Phonograph Co, creada en 1903 nos EE UU, e á casa francesa Pathé, a abandonar a fabricación de cilindros e adoptar o disco. En 1948 apareceu o disco microsuco.

    2. disco compacto

      CD.

    3. disco promocional

      Disco que non se vende ao público e que se distribúe de balde aos medios de comunicación para promover o produto entre a audiencia.

  3. s m [ARQUEOL]

    Útil de traballo bifacial e de aspecto circular que se emprega en tipoloxía lítica.

  4. s m [ARQUEOL]

    Parte central da cubeta de depósito dunha lucerna.

  5. disco alado [ARQUEOL]

    Disco solar exipcio encadrado por dous ureus e flanqueado por dúas ás de falcón. Representa o deus celeste distribuidor de vida. Posteriormente, empregárono os hititas, asirios e persas.

Palabras veciñas

discjockey* | disclímax | discman* | disco | disco- | discoblástula | discóbolo