dislocación
(< dislocar)
-
s
f
Acción e efecto de dislocar ou dislocarse.
Sinónimos: escordadura. -
s
f
[XEOL]
Conxunto de defectos lineais que destrúen a regularidade da rede cristalina dun cristal real. Distínguense dúas clases de dislocacións: unha é a de cuña, na que a distorsión da rede cristalina está producida pola introdución parcial dun plano de átomos extraordinario; a dislocación está onde acaba bruscamente a intromisión deste plano no interior do sólido. A outra clase de dislocación é a helicoidal, que acostuma describirse ofrecendo un procedemento imaxinario de producila. Así, suponse que dentro dun cristal real se produce un corte parcial e que o material dun lado deste corte se despraza oblicuamente con respecto ao material doutro lado. Como consecuencia, as filas de átomos perpendiculares á aresta do corte, isto é, a dislocación, determinan un tipo de pendente en espiral.
-
s
f
[XEOL]
Deformación producida polas forzas oroxénicas e tectónicas, especialmente as fallas e os dobramentos, que afecta ás rochas sedimentarias.
-
s
f
[XEN]
Cambio estrutural nos cromosomas a causa da perda ou o desprazamento dalgúns segmentos cromosómicos.
-
[LING]
-
s
f
Desprazamento dun constituínte dende a súa posición normal cara á periferia do enunciado e a súa substitución dentro deste enunciado por un pronome átono. Hai dislocación á esquerda cando este desprazamento se realiza cara á posición inicial (Este libro, cando o mercaches?), e dislocación á dereita cando o constituínte se sitúa na parte final do enunciado (Non o quero, a teu irmán).
-
dislocación temporal
Desprazamento nos valores temporais de determinadas formas verbais. Os exemplos máis claros de usos dislocados son o presente histórico, onde se produce o desprazamento dun tempo presente cara ao pretérito (En 1969 o home chega por vez primeira á Lúa) e o presente prospectivo, cun desprazamento cara ao futuro (Luís comeza no seu traballo a vindeira semana).
-
s
f
-
dislocación do acento
[LIT]
Modificación na posición habitual do acento dunha palabra, que pasa a outra sílaba diferente por necesidades rítmicas. Emprégase para dotar o poema dun ritmo máis marcado, con frecuencia en composicións para ser bailadas ou cantadas, ou para axustar a rima dun verso aos restantes na estrutura á que pertence.